Galicia

Nace o proceso Lingua Vital co obxectivo de avanzar na normalización do galego

Unhas sesenta entidades galegas puxeron en marcha o proceso social Lingua Vital, co obxectivo de impulsar a normalización plena do galego. No último trimestre de 2025, constituirán grupos de traballo para avaliar o Plan xeral de normalización e definir medidas concretas, tanto normativas como executivas, que permitan reforzar o uso do idioma en todos os ámbitos.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García participa na lectura pública de «Como dicía Castelao»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto «Como dicía Castelao. Lectura pública da súa obra», celebrado no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres no marco da XIII edición do Festival Atlántica de Narración Oral e da celebración do Ano Castelao.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Arrinca a V Residencia literaria da Cidade da Cultura para impulsar dez proxectos inéditos de poesía, teatro e narrativa en galego

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deulles a benvida ás persoas participantes na V Residencia literaria da Cidade da Cultura. Ata o 12 de xullo, un total de dez escritoras e escritores emerxentes en lingua galega compartirán un espazo de traballo no Gaiás no que poñer en común inquedanzas e coñecementos para mellorar os seus proxectos inéditos de poesía, teatro, novela e contos.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta e a Fundación Repsol impulsan a creación literaria en galego co XIX Premio Narrativa Breve

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora do complexo industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, anunciaron a nova convocatoria do XIX Premio Narrativa Breve, que a Xunta de Galicia promove xunto con esta entidade desde hai case vinte anos para impulsar a creación literaria en galego.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Goberno local da Coruña ultima a organización e o funcionamento do seu novo órgano en defensa do galego

O Concello da Coruña ultima a creación do Consello Local da Lingua Galega, un órgano consultivo de participación cidadá que permitirá propoñer liñas prioritarias para a normalización lingüística. Este espazo reunirá representantes institucionais, entidades sociais e persoas expertas, co obxectivo de reforzar o galego como eixe vertebrador das políticas municipais e fomentar o compromiso colectivo coa lingua.

Fonte: La Voz de Galicia

Comeza a 35.ª edición dos Cursos "Galego sen fronteiras"

A nova edición dos cursos «Galego sen fronteiras», organizados pola RAG e o ILG, reunirá en Santiago este mes de xullo sesenta persoas procedentes de máis de vinte países para formárense na lingua e cultura galegas. Durante tres semanas, o alumnado combinará as clases coas conferencias e actividades culturais.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia convoca cursos de linguaxe administrativa e preparatorios para o Celga nas escolas oficiais de idioma

Os cursos de linguaxe administrativa galega en liña (dos niveis medio e superior) están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local e ao da Administración periférica do Estado en Galicia. Aos cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4 poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O IES vilagarcián Castro Alobre impulsa unha campaña baseada na creatividade para promover o uso do galego

O IES Castro Alobre presentou unha nova edición da campaña «Magnetízate co galego», na que o alumnado deseñou imáns inspirados en Vilagarcía para promover o uso da lingua. Os seis deseños gañadores, reproducidos en mil exemplares cada un, repartíronse por cincuenta comercios da vila co apoio do Concello. A actividade forma parte do programa «Implicados co galego», que busca integrar este idioma na vida diaria de maneira creativa e próxima.

Fonte: Faro de Vigo

O uso do galego no turismo e o deporte centra a nova sesión do foro «Un país coa súa lingua»

Na última sesión do foro «Un país coa súa lingua», promovido polo Consello da Cultura Galega, representantes de diversos sectores reclamaron medidas que faciliten o uso do galego en servizos auxiliares como notarias e asesorías, sen obstáculos nin custos engadidos. Así mesmo, puxéronse en valor proxectos que incorporan a lingua propia en contextos profesionais e reivindicáronse políticas que garantan a súa presenza plena en todos os ámbitos sociais.

Fonte: Galicia Press

López Campos asina un protocolo de colaboración para impulsar o uso do galego no ámbito notarial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, asinou un protocolo de colaboración para impulsar o uso do galego co Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica, aproveitando a xuntanza anual desta última entidade que este ano dedicou a este ámbito.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder