Galicia
A CRTVG lanza unha convocatoria de contidos dixitais en galego para 15 novos proxectos

A CRTVG abriu unha nova convocatoria de contidos dixitais cun orzamento de até 357 000 euros, destinado á produción de 15 proxectos para as plataformas AGalega.gal e Xabarin.gal. A convocatoria está dividida en cinco categorías: ficción, entretemento, divulgación, infantil e videopodcast, e todos os proxectos deben estar realizados en galego.
Fonte: CRTVG
Rueda e o presidente da Real Academia Galega reforzan a cooperación para impulsar a lingua
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde a súa primeira reunión co novo presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, unha xuntanza que permitiu reforzar a cooperación entre as dúas entidades para prestixiar a lingua e impulsar o seu uso social.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta recibe o alumnado de galego do Instituto Cañada Blanch de Londres na súa ‘Viaxe da Lingua’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, recibiu hoxe no pazo de San Roque a 14 alumnos, estudantes de galego, do instituto Cañada Blanch de Londres que veñen de percorrer Galicia durante esta semana, acompañados por dous docentes. A visita enmárcase na iniciativa Viaxe da Lingua, posta en marcha pola Xunta a través das secretarías xerais da Lingua e da Emigración.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García valora a contribución do programa radiofónico ‘Fala que Fala’ para incentivar a rapazada a empregar o galego nos espazos de lecer

Máis de 300 escolares de primeiro e segundo de Educación Secundaria participaron na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, na gala de clausura da primeira edición do programa radiofónico “Fala que fala”, organizado por Radio Líder co apoio da Xunta “contribuíndo a incentivar a rapazada a incrementar o uso do galego nos seus espazos creativos e de lecer”, segundo o puxo en valor na súa intervención o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Alumnado do Grao de Educación Primaria da Universidade de Vigo pon en marcha un proxecto de fomento do galego destinado a escolares
O alumnado do Grao de Educación Primaria de Ourense levou a cabo o proxecto «Educar na diversidade, transformar a sociedade», centrado no fomento da comunicación en galego. A iniciativa, que se realizou en colaboración co CEIP Mestre Vide, consistiu en actividades como xogos, contacontos e dramatizacións, e tivo como obxectivo mellorar as competencias comunicativas dos futuros docentes.
Fonte: Universidade de Vigo
O Concello de Nogueira de Ramuín traballa pola supervivencia do barallete, a xerga do gremio dos afiadores
Nogueira de Ramuín considérase o berce dos afiadores ourensáns, un oficio que foi clave para a economía local e que deixou un importante legado cultural cunha linguaxe propia, o «barallete», que servía como código entre eles e que está en risco de perderse. O Concello quere preservar esta tradición, polo que está a impulsar a reedición dun libro de Santiago Bonay que recolle unha ampla recompilación de vocabulario e expresións deste oficio.
Fonte: Faro de Vigo
O Concello de Ferrol organiza formación en lingua galega para persoas desempregadas
O goberno local de Ferrol abriu o prazo de inscrición para o curso Comunicación en lingua galega de nivel 2, dirixido a persoas en situación de desemprego e sen a ESO ou equivalente. Este curso, de 138 horas e de balde, forma parte da oferta de competencias clave financiada pola Xunta.
Fonte: Diario de Ferrol
Dous volumes da serie de libros protagonizada por Isadora Moon xa teñen tradución ao galego

Isadora Moon, a protagonista dunha popular serie de libros infantís, chega agora ao galego coa publicación dos volumes Isadora Moon vai á escola e Isadora Moon quere axudar pola editorial Bululú. A serie, escrita por Harriet Muncaster, está dirixida a nenos e nenas de 5 a 8 anos.
Fonte: Praza
Preséntase un novo volume da colección Toponimia do Val de Fragoso
O noveno volume da serie Toponimia do Val de Fragoso aborda máis de 150 topónimos da parroquia de Teis. A obra, elaborada por Vera Álvarez Suárez, recolle nomes relacionados coa auga, como regatos, ríos, fontes e praias, e describe a súa orixe histórica e etimolóxica. O traballo destaca a importancia de conservar e difundir a toponimia como parte da nosa memoria oral.
Fonte: Universidade de Vigo
Pontevedra acolle a gala de entrega dos VI Premios Mil Primaveras

Os Premios Mil Primaveras, creados pola CTNL en 2019, recoñecen e difunden proxectos que fomentan o uso e prestixio do galego. A sexta edición péchase o 7 de xuño coa entrega de galardóns a catro proxectos destacados: Brazolinda, «Galego para peques», «Modo galego, actívao!» e «Vitamina G» nun evento no Pazo de Cultura de Pontevedra.
Fonte: Premios Mil Primaveras
Boletín
Subscríbase ao boletín