Galicia

A Xunta achega 350.000 € a 87 concellos e mancomunidades para a promoción do galego

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a concesión das axudas da Xunta para accións de promoción do galego destinadas ás entidades locais con achegas repartidas en 87 concellos, agrupamentos e mancomunidades, unha convocatoria na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu en total 350.000 €.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta de Galicia publica a resolución das axudas para o fomento do galego nos centros de ensino públicos

O DOG do 19 de xuño de 2025 inclúe a listaxe de centros públicos beneficiarios das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos niveis educativos non universitarios.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Un estudo da Universidade de Santiago salienta a homoxeneidade na distribución dos apelidos en Galicia

O artigo «Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History» analizou a frecuencia e a distribución de 6150 apelidos en Galicia que revelou unha gran homoxeneidade na súa distribución. Este fenómeno, vinculado á escasa inmigración e á tradición rural, demostra a estabilidade demográfica do territorio. A investigación identificou cinco rexións onomásticas que coinciden coa organización territorial histórica, como as dioceses católicas. Estes resultados abren novas liñas de investigación sobre a relación entre apelidos, historia e identidade cultural.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

Alumnado do IES de Sanxenxo pon en marcha un proxecto de tradución das cartas de cinco restaurantes a tres linguas

O IES Sanxenxo iniciou este curso o «Proxecto GIF Menú: Que vai ser?», co obxectivo de promover o uso do galego no sector turístico local. A iniciativa consistiu na tradución de menús de cinco restaurantes ao galego, inglés e francés e a creación de códigos QR para facilitar o acceso a eles. O proxecto integrou diversas materias da ESO, como Tecnoloxía, Matemáticas ou Xeografía, e incluíu un concurso de fotografía sobre gastronomía. A proposta busca reforzar a relación entre a riqueza culinaria e a lingüística galega.

Fonte: Diario de Pontevedra

Begoña Caamaño será a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 á escritora e xornalista Begoña Caamaño, falecida en 2014. A decisión, tomada no pleno celebrado na Coruña, recoñece a súa obra literaria, que inclúe dúas novelas baseadas nos mitos da Odisea e o artúrico, e a súa traxectoria xornalística, comprometida co galego e coa verdade.

Fonte: Real Academia Galega

Preséntase a tradución ao xaponés dunha escolma de textos de Álvaro Cunqueiro

Takekazu Asaka presentou en Mondoñedo Obra escolleita, a súa tradución ao xaponés dunha selección de textos de Álvaro Cunqueiro. A obra inclúe dous poemas temperáns, un fragmento de Merlín e familia e dous textos gastronómicos que amosan a relación de Cunqueiro coa cultura nipoa. Este traballo amplía a contribución de Asaka na difusión da literatura galega no Xapón e súmase a outras traducións de autores como Rosalía de Castro e Uxío Novoneyra.

Fonte: Real Academia Galega

Valentín García pon en valor as achegas lingüísticas de Galicia ao proxecto ‘atlas linguistique roman’

O secretario xeral da lingua, Valentín García, inaugurou o XXV Simposio Internacional do Atlas Linguistique Roman, unha cita que Santiago de Compostela acolle por cuarta vez, e que ten lugar nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro e a Facultade de Filoloxía. Trátase dunha iniciativa que reúne a investigadores de diversos territorios románicos participantes neste atlas interpretativo composto por mapas e monografías que mostran a diversidade lingüística das distintas zonas territoriais.

Fonte: Xunta de Galicia

López Campos enxalza o valor do audiovisual para potenciar a creatividade, e en galego, do alumnado

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou o valor do audiovisual como “unha ferramenta con grandes posibilidades para potenciar a creatividade, e en galego, entre os escolares da Comunidade”. Así o valorou na entrega dos premios ás mellores curtametraxes de animación do concurso «Nós tamén creamos!» 2024-2025, no Centro Galego de Arte Contemporánea. 

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta e a Real Academia Galega incorporan doce novos concellos á campaña ‘Toponimízate’ coa que se está a recuperar nomes de lugares en risco de perderse

A Xunta e a Real Academia Galega incorporan doce novos concellos das catro provincias galegas á nova edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que organizan conxuntamente e coa que “se salvagarda e divulga o importante patrimonio inmaterial que atesoura a toponimia galega”. Así o puxo en valor na súa presentación o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou os “resultados máis que satisfactorios” deste proxecto, “ao contar con case 4.000 colaboradores e preto de 90.000 microtopónimos recuperados desde que se puxo en marcha en 2019”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Santiago convoca os premios á calidade lingüística en galego

Os Premios á calidade lingüística en galego dos traballos académicos, traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado, que chegan á súa 21ª edición, teñen como obxectivo promover o uso dun galego de calidade entre o alumnado da USC.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder