Galicia

Ferrol acolle unha nova edición do festival Mocidade coa Lingua

O Auditorio de Ferrol acolleu a XXXII edición do festival Mocidade Coa Lingua, un evento que promove a creatividade musical do alumnado da comarca situando o galego como eixe central. Participaron varios grupos de música de centros educativos locais, que interpretaron cancións orixinais ante máis de 700 estudantes.

Fonte: Diario de Ferrol

Alumnado do IES Plurilingüe Aquis Celenis crea un dicionario da xeración Z

O Dicionario Xeración Z, creado por estudantes do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, recompila termos empregados por esta xeración, como anglicismos e expresións adaptadas, para documentar a evolución do galego que emprega a mocidade e que está influenciado polas redes sociais e as novas tecnoloxías. O proxecto, desenvolvido no marco do Bacharelato STEMbach, pretende dar visibilidade a un vocabulario informal que reflicte a identidade da xente nova e facilitar a súa comprensión pola sociedade.

Fonte: Praza

A Deputación de Pontevedra convoca axudas para a dinamización lingüística na Administración local

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou as bases de subvencións dirixidas ás entidades culturais sen fins de lucro para as actividades de dinamización da lingua galega do ano 2025. Estas axudas teñen como obxectivo impulsar o seu uso no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores con repercusión social.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Finaliza o Validatón 2025 con 10 000 fragmentos en galego de voz revisados e gravados durante a fase en liña

O Validatón 2025 pechou a súa segunda edición cun balance positivo, pois supuxo a revisión de 10 000 fragmentos de audio e a creación de 1920 frases para a plataforma Common Voice. Organizada polo ILG e Proxecto Nós, a actividade contou coa participación de estudantes da USC e premiou os mellores en tres categorías. Este evento contribúe á creación dun corpus público de voz en galego, clave para o desenvolvemento de tecnoloxías de recoñecemento de fala.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

A Xunta e Feiraco impulsan unha academia virtual de música tradicional para festexar as Letras Galegas

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou a programación que a Xunta leva a cabo, en colaboración coa empresa galega láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, para conmemorar as Letras Galegas e que, este ano, contará como novidade coa posta en marcha dunha academia virtual de música tradicional, ademais do xa tradicional Certame de Microrrelatos.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Vigo reactiva a súa campaña «Galego de tranquis»

A Área de Normalización Lingüística reactiva o plan de madriñas e padriños “galego de tranquis” co obxectivo de poñer en contacto persoas que queren comezar a falar ou escribir en galego con outras que xa o dominan e queren axudar no proceso de aprendizaxe (madriñas e padriños).

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta destaca o vínculo co portugués como un piar na renovación do Plan de Normalización da Lingua

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Bértolo, participaron na primeira reunión de traballo do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, que quedou constituído no pasado mes de outubro co obxectivo de impulsar as relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos aproveitando a proximidade dos dous idiomas.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García destaca o papel das mulleres na transmisión da poesía popular oral na inauguración da mostra ‘Cantareiras’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na inauguración da exposición «Cantareiras. Oralidade – Creación – Transmisión», na mostra impulsada polo Museo do Pobo Galego, no marco das homenaxes das Letras Galegas 2025.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Convócanse axudas para a edición en galego de recursos didácticos curriculares

A Xunta de Galicia publicou no DOG a convocatoria de axudas para a edición en galego de recursos didácticos curriculares en soporte impreso ou dixital para niveis educativos non universitarios.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A TVG pon en marcha un proxecto protagonizado por unha influencer que asume o reto de aprender galego en cen días

A TVG impulsa o proxecto «Bótalle azucre», protagonizado pola influencer Anita Mateu, que asumiu o reto de aprender galego en 100 días co obxectivo de manter unha conversa fluída. A iniciativa, dirixida ás persoas neofalantes, combina contidos audiovisuais en YouTube, Instagram e TikTok, cunha grande implicación do público, que colabora nas aprendizaxes de Anita. O proxecto pretende visibilizar e apoiar os novos galegos e galegas que queren incorporarse ao uso da lingua.

Fonte: CRTVG

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder