Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na entrega dos IV Premios escolares DígochoEu 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou a “implicación e ilusión” que están a demostrar as xeracións máis novas de Galicia en “facer medrar e prestixiar aínda máis o noso idioma” e que, segundo precisou, “se fai máis evidente e emocionante nas diferentes iniciativas que se celebran estes días ao redor das Letras Galegas”. Así o salientou na entrega dos IV Premios escolares DígochoEu 2025, no que estivo acompañado do secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade da Coruña convoca axudas para a investigación en lingua galega

A Universidade da Coruña convoca axudas económicas e de asesoramento lingüístico para fomentar o uso do galego na redacción e defensa de teses, traballos de fin de grao e de mestrado. A convocatoria diríxese ao alumnado de titulacións oficiais, agás aquel cuxos estudos xa implican o uso do galego.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Pontevedra acolle un ciclo de conferencias para poñer en valor a lingua galega

O Ateneo e o Concello de Pontevedra organizan o ciclo de conferencias «O galego, lingua de éxito», que se celebrará os días 13, 20 e 27 de maio coa participación de profesionais de diversos eidos. A iniciativa pretende visibilizar o potencial da lingua galega máis alá dos usos formais e destacar casos de éxito en galego.

Fonte: GaliciaPress

A Xunta e Gadis celebran as Letras Galegas cunha ‘Foliada!’ que adobía literatura, música e ilustración

A Xunta de Galicia colabora coa empresa Gadis no proxecto artístico Foliada! co que a cadea de supermercados se suma aos actos de celebración das Letras Galegas “homenaxeando desde unha ollada contemporánea ás cantareiras e á tradición oral, ás que se lle dedica este ano a efeméride”. Así o salientou na presentación da iniciativa o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen enxalzou a “orixinalidade e calidade” deste proxecto que adobía literatura, música e ilustración e que contará cunha reprodución, a modo de formato vinilo musical, de 30.000 unidades que se agasallarán nos puntos de venda destes establecementos o vindeiro 16 de maio.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta tramita 2400 matrículas para acreditar o dominio do galego nas probas Celga deste ano

A Xunta de Galicia tramitou este ano 2413 matrículas para certificar o nivel de coñecemento en lingua galega. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou ás persoas que se examinaron do Celga 4 no instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela. Trátase dunhas probas ás que, tal e como explicou, concorren nesta fin de semana na capital galega 1155 persoas, ás que se suman 224 en Ponferrada e 70 en Madrid, outros dos puntos onde se se poden validar as competencias lingüísticas.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O galego incrementa a súa presenza en TikTok

TikTok únese á celebración do Día das Letras Galegas salientando o aumento de contidos en galego no seu espazo dixital, en especial no feed «Para Ti». A plataforma destaca a difusión global do patrimonio cultural galego mediante cancelos como #galego, así como o seu potencial para impulsar o pequeno comercio, pois ofrécelles ás pemes galegas novas vías de conexión co público.

Fonte: Código Cero

Máis de cen representantes municipais asinan unha declaración de compromiso coa lingua galega

Máis de cen representantes municipais de diversas forzas políticas galegas comprometéronse publicamente coa defensa e a promoción da lingua galega. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, reivindicaron o seu papel na aplicación das leis e plans que amparan os dereitos lingüísticos.

Fonte: Galicia Confidencial

Danse a coñecer os proxectos galardoados co Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo premiou catro estudantes na cuarta edición do certame Xosé Luis Franco, que promove o uso do galego no ámbito legal. Os traballos galardoados abordaron temas actuais e deles o xurado destacou o nivel técnico e lingüístico.

Fonte: Universidade de Vigo

A Xunta promove a lingua entre a mocidade de Castela e León con estadías en campamentos galegos

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou o alumnado de primaria dos centros do Bierzo que participan nunha nova edición das estadías organizadas no marco do Programa de promoción do galego desenvolvido polo Goberno de Castela e León e a Xunta de Galicia nos territorios limítrofes coa Comunidade.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Seminario de Onomástica ofrece catro vídeos sobre os topónimos dos lugares de procedencia das cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas

A Real Academia Galega conmemora o Día das Letras cunha serie de vídeos sobre a orixe dos topónimos vencellados ás cantareiras homenaxeadas. A iniciativa, coordinada polo Seminario de Onomástica, explora a etimoloxía dos nomes dos lugares onde naceron as informantes que nutriron o cancioneiro tradicional galego e ofrece unha ollada lingüística e cultural sobre Cerceda, Mens, Malpica e Muxía.

Fonte: Real Academia Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder