Galicia

A Xunta apoia seis autoras e autores galegos na internacionalización das súas creacións a través de residencias no exterior

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución das axudas a seis autoras e autores galegos para participar en residencias literarias fóra da nosa comunidade. A Xunta dirixe esta liña de axudas a profesionais da creación literaria co obxectivo de promover a internacionalización das letras galegas e impulsar as relacións con outros centros culturais referentes.

Fonte: Xunta de Galicia

O cemiterio de Cerponzóns, en Pontevedra, acollerá unha homenaxe ás persoas soterradas que defenderon a lingua galega

A asociación veciñal O Chedeiro descubrirá o 31 de agosto unha placa na entrada do cemiterio de Cerponzóns en honra ás persoas soterradas que contribuíron á preservación da lingua e cultura galegas. No acto, tamén se substituirán tres lápidas en castelán por outras en galego, nun xesto de reivindicación lingüística e recuperación da memoria colectiva.

Fonte: Diario de Pontevedra

A iniciativa Proxector supera os 2000 vídeos de apoio á docencia en lingua galega

A iniciativa Proxector, impulsada pola USC e o Consello da Cultura Galega, xa supera os 2000 recursos audiovisuais en galego para apoiar a docencia en bacharelato e na universidade. Os contidos, accesibles e clasificados por materia, lingua e nivel educativo, están en constante actualización e inclúen compilacións temáticas vencelladas con efemérides ou feitos científicos destacados.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

O Concello de Vigo organiza un novo curso de improvisación oral en verso-regueifa

O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo acollerá de setembro a novembro, cunha duración de trinta horas, o curso Improvisación oral en verso-regueifa con Kike Estévez.

Fonte: Concello de Vigo

O Concello de Vilagarcía de Arousa organiza un curso sobre competencias clave en lingua galega

O Concello abre a inscrición para un curso de competencias clave en lingua galega dirixido a mulleres, con preferencia para as que se atopen en situación vulnerable. A formación, gratuíta e acreditable, busca mellorar a empregabilidade mediante o reforzo das habilidades lingüísticas en galego. Desenvolverase entre o 15 de setembro e o 21 de outubro en horario de mañá.

Fonte: Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Santiago convoca dous obradoiros de acollemento lingüístico para o outono de 2025

Xa está aberto o prazo para anotarse en dous obradoiros de galego dirixidos a persoas doutras comunidades lingüísticas, un de iniciación e outro de continuación. A formación, gratuíta e presencial, terá unha duración de 36 horas e desenvolverase en dúas sesións semanais no Espazo Apego.

Fonte: Concello de Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago ofrece cursos de sete linguas para o ano académico 2025-2026

A USC ofrece para o primeiro semestre unha ampla oferta de cursos de idiomas, abertos tanto á comunidade universitaria como á cidadanía maior de idade. Inclúe linguas estranxeiras con distintos niveis (alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano e portugués), así como galego para persoas non galegofalantes e español como lingua estranxeira. A matrícula é en liña e nalgúns casos requírese un test de nivel previo.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

Convócase unha nova edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela para impulsar o xornalismo en lingua galega

O Concello da Estrada convoca a XXX edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, un galardón que ten como obxectivo fomentar o xornalismo e os artigos de opinión en galego ao que poden concorrer profesionais que desenvolvan a súa actividade en medios dixitais ou impresos de Galicia ou que teñan unha edición galega.

Fonte: Diario Luso-Galaico

O Concello de Val do Dubra cubrirá unha praza de normalización lingüística

O Concello de Val do Dubra publicou no BOP do 12 de agosto de 2025 as bases para cubrir de maneira definitiva unha praza de técnico/a de normalización lingüística como funcionario/a de carreira, pertencente ao subgrupo A2 da Administración especial. A praza, incluída na oferta de emprego público de 2025, está vacante no cadro de persoal do concello.

Fonte: CTNL

A Xunta convoca 11 bolsas para investigar sobre lingua galega no Centro Ramón Piñeiro

A Xunta de Galicia acaba de publicar no DOG a convocatoria de 11 novas bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades para levar a cabo traballos relacionados coa lingua galega. Cun investimento de 293 174 euros, esta convocatoria enmárcase no compromiso do Goberno autonómico coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre o idioma propio de Galicia, co fin de promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder