Galicia
O Espazo Apego de Santiago acolle en setembro actividades arredor da escola en galego
En setembro reabren as actividades do Espazo Apego, un punto de encontro para compartir emocións e experiencias en galego. O programa inclúe dous espazos para elaborar receitas de froitas e verduras, así como dúas sesións de contacontos e música.
Valentín García avoga por prestixiar o uso do galego no eido litúrxico, familiar e en todos os contextos da sociedade

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, fixo un chamamento para impulsar e prestixiar o uso da lingua en todos os contextos da sociedade e nomeadamente no ámbito familiar e litúrxico. Fíxoo no cemiterio de San Vicente de Cerponzóns, en Pontevedra, onde participou nunha xornada de restauración da memoria lingüística.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Increméntase o uso do galego nas redes sociais con cada vez máis perfís con contidos integramente nesta lingua

Nos últimos anos, o galego logrou medrar de forma notable nas redes sociais. Plataformas como TikTok, Instagram e YouTube convertéronse en escaparates para novas xeracións de creadoras e creadores que empregan esta lingua e moitos destes perfís logran chegar a audiencias internacionais, fomentan a aprendizaxe e animan outras persoas a crear contido en galego. A valoración da lingua e a boa acollida do público confirman que internet se constitúe nun espazo clave para a súa visibilidade e normalización.
Fonte: Faro de Vigo
A revista en liña Languages dedica un número á lingüística galega

Languages dedica un número especial aos novos estudos da lingüística galega, nun volume editado por Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira que leva por título “New Developments in Galician Linguistics”.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Xunta impulsa unhas xornadas para divulgar os aspectos menos coñecidos da historia de Galicia

A Xunta impulsa a primeira edición das xornadas Compostela Histórica coas que, os días 26 e 27 de setembro en Santiago, se divulgarán os aspectos menos coñecidos da historia de Galicia, a través de conferencias impartidas por unha ducia de escritores, músicos, arqueólogos, historiadores e investigadores, entre os que se atopan Pedro Feijóo, Bieito Romero, Lidia Merenciano ou Cristian Gálvez.
Fonte: Xunta de Galicia
A comarca do Salnés destaca por un rico repertorio de apelidos que reflicten a súa tradición e cultura
Na comarca do Salnés destacan varios apelidos, reflexo da familia, a tradición e o territorio, que definen a identidade local. Otero é o apelido máis repetido, especialmente no Grove; seguido de Castro, que predomina en Meaño e Ribadumia; e Piñeiro, dominante en Cambados. Mentres, outros apelidos, como Rey e Padín, tamén son moi comúns en varias localidades. Na Illa de Arousa é frecuente o apelido Dios, mentres que en Vilanova e Meis abundan os Oubiña e Abal, respectivamente. Moitos destes apelidos tamén teñen unha representación significativa noutras zonas de Galicia.
Fonte: Faro de Vigo
Os resumos de vídeo de NotebookLM xa están dispoñibles en galego

Google acaba de incorporar unha nova funcionalidade de resumos de vídeo en NotebookLM dispoñible en 80 linguas, incluído o galego, o que supón un recoñecemento á diversidade lingüística e unha oportunidade para empregar o galego en contornos tecnolóxicos e educativos avanzados.
Fonte: Código Cero
O Concello da Coruña anuncia a creación do Consello Local da Lingua Galega
O Consello Local da Lingua Galega é un órgano consultivo e de participación cidadá previsto na Ordenanza de 2021, que ten como obxectivo implicar a sociedade na avaliación e impulso das políticas lingüísticas municipais mediante asesoramento, debate e traballo colaborativo.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Agosto finaliza con dous festivais que teñen a literatura, a lingua e a cultura galegas como eixes das súas actividades
A finais do mes de agosto celébranse dúas citas culturais de referencia no rural galego: o Festival dos Eidos, no Courel, que combina poesía, natureza e música; e o Festiletras, no Couto (Ponteceso), cunha ampla programación lúdica e artística que homenaxea a cultura galega. Ambos os eventos reafirman o vínculo entre territorio, lingua e creación.
Fonte: Culturagalega
O escritor Mohamad Bitari traballa na primeira tradución ao árabe da obra Os Eidos
O poeta palestino Mohamad Bitari está a traducir ao árabe Os Eidos, de Uxío Novoneyra, nunha estadía en Parada do Courel dentro do programa «Escrita no remoto». É o primeiro en levar ao árabe este poemario co busca conectar a cultura árabe coa lingua galega.
Fonte: El Progreso
Boletín
Subscríbase ao boletín