Galicia

A Deputación de Pontevedra aproba unha liña de axudas para actividades de dinamización do galego

A Deputación de Pontevedra destina 112 200 euros a 44 entidades sen ánimo de lucro da provincia para apoiar actividades de dinamización do galego. As axudas, entre 450 e 4000 euros, permitirán impulsar proxectos de toponimia, contidos audiovisuais, comercio, certames literarios, recitais ou iniciativas ligadas ás Letras.

Fonte: Deputación de Pontevedra

Valentín García destaca o papel da lingua como ponte entre culturas no Día Europeo das Linguas

O secretario xeral de Lingua, Valentín García, destacou “o papel da lingua como ponte entre culturas e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa”. Fíxoo no acto institucional pola celebración do Día Europeo das Linguas, que incluíu un recitado multilingüe de poemas a cargo de alumnado de Secundaria e de Bacharelato.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Persoas de sete nacionalidades participan no obradoiro de acollemento lingüístico organizado polo Concello de Ames

O obradoiro de acollemento lingüístico «En galego, co teu acento!» arrancou en Bertamiráns o 15 de setembro con 14 persoas participantes de diferentes países e prolongarase ata o 8 de outubro. A iniciativa, que suma xa dezaseis edicións e promove a integración social a través da lingua e a cultura galegas, ofrece 30 horas de formación con diploma acreditativo.

Fonte: Concello de Ames

Convócase a 16.ª edición do Certame de Cinema Internacional Escolar Ouff Escola que premia obras audiovisuais en lingua galega

O Concello de Ourense e a Secretaría Xeral da Lingua convocan unha nova edición do Certame Ouff Escola, dirixido a centros educativos galegos e de fóra de Galicia que impartan materias en galego. O concurso busca promover o uso da lingua, a creatividade audiovisual e o traballo en equipo mediante a elaboración de pezas audiovisuais de ata 20 minutos de temática libre.  

Fonte: Consello da Cultura Galega

A tradutora Isabel Soto gaña o Premio Plácido Castro ao mellor libro traducido de 2024

Isabel Soto obtivo o XXIII Premio Plácido Castro á mellor tradución de 2024 pola súa versión ao galego da novela A herdanza de Ferramonti, de Gaetano Carlo Chelli, publicada por Hugin e Munin. A tradutora, con preto de 400 libros vertidos ao galego, xa fora premiada en 2016 con Fosca.

Fonte: Culturagalega

López Campos anuncia que a Xunta celebrará os primeiros exames Celga en liña no mes de novembro

A Xunta de Galicia celebrará no mes de novembro os primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Os Concertos do Xacobeo dinamizan a oferta turística de outono en Santiago coa nova edición de Maré Festival

Co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, Maré Festival de Artes e Músicas Atlánticas regresa a Santiago de Compostela para celebrar unha nova edición do 24 ao 28 de setembro.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O novo galardón da Real Academia Galega ás iniciativas que promoven o galego na infancia recae no CEIP Milladoiro

A Real Academia Galega crea o Premio «Na lingua que eu falo» para distinguir iniciativas que impulsen a normalización do galego na infancia. Na súa primeira edición recoñece o labor do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños. O anuncio coincide co Día Europeo das Linguas, no que a RAG reclama un compromiso máis firme coa protección do idioma propio en Galicia e na Unión Europea.

Fonte: Real Academia Galega

Valentín García salienta a “calidade e a solvencia” de ‘Odio’, a obra gañadora do I Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil a Gabriel Romero de Ávila, quen resultou gañador coa súa obra Odio. Dotado con 6000 €, o certame púxose en marcha este ano por vez primeira co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de pór en valor a importante contribución de Xosé Neira Vilas como precursor deste xénero no sistema literario galego.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Premio Literario Nortear de relato curto para escritores novos impulsado pola Xunta recae en Diana Teixeira

Diana Teixeira, natural de Felgueiras e de 31 anos, é a gañadora da edición 2025 do Premio Literario Nortear de relato curto para escritores novos. A autora conquistou o xurado co relato Voltar e Não Ser. Memórias de uma raia interior.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder