Galicia
Nós Diario publica un caderno especial con propostas para a normalización do galego en diferentes áreas
O 25 de xullo, Nós Diario publicou o caderno 100 ideas para expandir a lingua galega con propostas para promover o uso do galego, elaborado por 10 persoas expertas de distintos sectores. Cada unha delas achega 10 accións específicas para avanzar na normalización da lingua nas súas áreas de traballo, que suman un total de cen ideas que buscan fortalecer a presenza do galego na sociedade.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Nace omeu.gal, un novo servizo de correo electrónico en lingua galega

PuntoGal e Raiola Networks presentan omeu.gal, o primeiro servizo de correo electrónico gratuíto con dominio .gal, creado en software libre e integramente en galego. Este proxecto busca reforzar a presenza desta lingua no ámbito dixital e prevé futuras versións melloradas e novas colaboracións no eido das TIC.
Fonte: Dominio PuntoGal
As tecnoloxías da fala incorporarán a diversidade dialectal e oral da lingua galega
Common Voice incorpora unha ferramenta que permite recoller fala espontánea en galego, co obxectivo de representar a diversidade dialectal e oral da lingua no ámbito dixital. O ILG, mediante o Proxecto Nós, colaborou na elaboración das primeiras preguntas, aínda que calquera persoa pode contribuír. Esta innovación facilita datos abertos para impulsar tecnoloxías inclusivas e investigacións baseadas na realidade lingüística galega.
Conclúen os cursos ‘Galego sen fronteiras’ coa entrega de diplomas ao alumnado participante

A 35ª edición dos Cursos 'Galego sen fronteiras' reuniu en Santiago a sesenta persoas de vinte países para aprenderen lingua e cultura galegas ao longo do mes de xullo. Organizados polo ILG e a RAG, esta iniciativa internacional contribúe á proxección global do galego e á súa revitalización.
A Xunta remite ao Ministerio de Cultura o plan de necesidades actualizado da biblioteca de Vigo
A Xunta de Galicia remitiu ao Ministerio de Cultura a actualización do plan de necesidades da futura Biblioteca Pública do Estado de Vigo, adaptando ao momento actual o informe enviado no 2020. No documento, o Goberno galego volve facer fincapé nas dimensións do edificio, incidindo nos 8.000 m2 que xa propuxo entón e que finalmente foi aceptado polo executivo central, desbotando a primeira opción acordada co Concello de Vigo, que contemplaba un inmoble de menor tamaño.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta recollerá propostas para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega a través dunha caixa virtual

A Xunta abre á cidadanía o proceso de actualización do Plan xeral de normalización da Lingua galega, habilitando unha caixa virtual para recoller as achegas de todas aquelas persoas que desexen participar. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos nunha reunión mantida cos responsables das 11 comisións formadas para levar a cabo o proceso de renovación.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Anxo Lorenzo celebra que Pontedeume volva ser Vila do Libro
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da segunda edición de Pontedeume Vila do Libro, que se celebrará na vila coruñesa entre o 22 e o 24 de agosto cun programa centrado na memoria e identidade galega.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
‘Maré’ e ‘Narices!’ gañan a vixésima edición do Premio Castelao de Banda Deseñada
Na XX edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, as obras Maré, de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño, e Narices!, de Giovanna Lopalco, foron galardoadas nas categorías xeral e infantil-xuvenil, respectivamente.
Fonte: Deputación da Coruña
A Universidade de Vigo acolle a primeira defensa dunha tese en lingua de signos na historia da universidade galega
A Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo acolleu a defensa da tese de doutoramento de María Luz Esteban Saiz, sociolingüista e persoa xorda, quen realizou toda a exposición en lingua de signos española, converténdose así na primeira en facelo en Galicia. O seu traballo, cun marcado impacto social, analiza a evolución da política lingüística da lingua de signos española desde 1980 até hoxe, visibilizando as desigualdades que afectan á comunidade xorda e reivindicando os seus dereitos lingüísticos.
Fonte: Duvi
Un total de 28 universidades reclaman a oficialidade do galego, catalán e éuscaro na Unión Europea
A Universidade de Santiago de Compostela, xunto coas 22 universidades que integran a Xarxa Vives, a Universidade Pública de Navarra (UPNA), a Universidade do País Vasco (EHU), a Universidade de Deusto, Mondragon Unibertsitatea e a Universidade de Vitoria-Gasteiz EUNEIZ, subscribiron un manifesto conxunto no que reclaman ao Consello da Unión Europea o recoñecemento oficial do galego, o catalán e o éuscaro como linguas da UE. As institucións asinantes defenden que esta oficialidade representaría un paso fundamental no recoñecemento da diversidade lingüística da Unión, así como na protección dos dereitos lingüísticos, da liberdade académica e da creación científica no ámbito universitario.
Fonte: USC
Boletín
Subscríbase ao boletín