Galicia

A Xunta pon en marcha unha nova edición do concurso ‘Nós tamén creamos’

A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición do concurso de curtametraxes en galego «Nós tamén creamos», desenvolto polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Trátase dunha iniciativa que busca promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lle ofrece á cativada a sección infantil da páxina web da Televisión en Galicia.

Fonte: Xunta de Galicia

A Real Academia Galega explícalle á poboación da Caniza os motivos do cambio do topónimo

A Real Academia Galega informou a veciñanza da Caniza sobre a decisión de eliminar a forma castelanizada “A Cañiza” e recoñecer oficialmente a denominación galega na próxima actualización do Nomenclátor de Galicia. Durante a xuntanza, especialistas en toponimia explicaron os argumentos lingüísticos, históricos e normativos que avalan esta corrección para o concello e a súa parroquia homónima.

Fonte: Real Academia Galega

López Campos destaca a Editorial Galaxia como “fundamental na difusión da lingua e cultura galegas”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu á entrega da medalla de ouro coa que a Universidade de Vigo recoñece a Editorial Galaxia pola súa contribución coa institución académica, onde manifestou o seus parabéns á editora polo “seu papel fundamental na difusión, prestixio e posta en valor da lingua e cultura galegas”, felicitacións que estendeu á celebración do 75 aniversario da súa fundación. 

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Un acordo entre o Congreso e a RAG impulsará a tradución de textos xurídicos ao galego

A Real Academia Galega e o Congreso asinaron un convenio de colaboración para fomentar a formación, a difusión e o uso do galego na linguaxe xurídica. A RAG encargarase de traducir ao galego as iniciativas lexislativas aprobadas e prestará apoio na tradución, validación e elaboración de documentos vinculados á actividade non parlamentaria da Cámara baixa.

Fonte: Real Academia Galega

Valentín García destaca as empresas como “eidos estratéxicos para a promoción social do galego”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto Galeguidade Empresarial que, baixo o lema «Medrando co galego. Economía e compromiso coa identidade», promoveu o Foro Enrique Peinador coa colaboración da Xunta por tratarse, sinalou, “dunha importante chamada á implicación do tecido económico co uso do galego no transcurso da súa actividade”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta abre o prazo para inscribirse nos primeiros exames Celga en liña

A Xunta abriu o prazo para inscribirse nos primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. Así, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas poderán anotarse ata o vindeiro 30 de outubro. Deste xeito, Galicia será pioneira con esta iniciativa, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática, co obxecto de que calquera persoa poida avaliar as súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial sen limitación física ou xeográfica.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Concello de Santiago pon en marcha unha campaña de fomento do galego no deporte

O Concello de Santiago presenta a campaña «Ficha polo galego», destinada a clubs e deportistas para fomentar o uso do galego no ámbito deportivo e vincular a lingua a valores como identidade, cohesión e superación. A iniciativa busca implicar entidades e poboación, especialmente a mocidade, promovendo que o galego se empregue en entrevistas, ximnasios e competicións, e crear referentes positivos. A campaña contará cun seguimento permanente cos clubs colaboradores e xa recibiu unha acollida moi favorable entre deportistas e público.

Fonte: Concello de Santiago de Compostela

Preséntase o informe do foro participativo «Un país coa súa lingua» que inclúe case un cento de medidas a prol do galego

O Consello da Cultura Galega presenta as conclusións do foro «Un país coa súa lingua», con 95 propostas para mellorar a situación do galego en distintos ámbitos. O documento xorde da participación de 65 especialistas e preto de 2000 cidadáns e nel combínanse medidas inmediatas e estruturais para reforzar o ensino en galego, os servizos de normalización ou a avaliación de políticas lingüísticas. Destácase a necesidade de coordinar institucións, mellorar a infraestrutura dixital, formar persoal, garantir financiamento e establecer indicadores que permitan seguir os avances na normalización da lingua.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García destaca os cursos da Casa de Galicia en Madrid como “exemplo do impulso do galego no exterior”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou na Casa de Galicia de Madrid os cursos que ofrece a entidade no período 2025-2026 destacándoa “como exemplo de institución involucrada no impulso da lingua máis alá do noso territorio” e lembrando que “actualmente hai máis de 4400 estudantes de galego fóra da Comunidade, mostra do noso compromiso coa súa proxección exterior”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Pontevedra acolle unha nova edición do certame de rap en galego CeibaRimas

A Alameda de Pontevedra acolle o 18 de outubro o quinto aniversario do CeibaRimas, único certame de rap improvisado en galego, aberto ao público con inscrición gratuíta e premios de máis de 1000 euros. A xornada combinará competición de freestyle con actuacións en directo de artistas consagrados e emerxentes co obxectivo de visibilizar e fortalecer a presenza do rap en galego.

Fonte: Pontevedra Viva

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder