Galicia

Valentín García coincide cos seus homólogos doutras comunidades na importancia de impulsar o uso da lingua entre a mocidade

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Santiago de Compostela na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, País Vasco, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares para establecer unha estrutura de cooperación entre os departamentos de política lingüística das comunidades autónomas con lingua propia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Publícanse as bases reguladoras da convocatoria de axudas para os servizos locais de normalización lingüística da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña convoca subvencións para apoiar o financiamento de persoal técnico de normalización lingüística nos concellos, agrupacións e mancomunidades da provincia durante 2026.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta recibe máis de mil achegas no proceso aberto para actualizar o Plan de normalización da lingua

A Xunta recibiu máis de mil achegas a través do proceso aberto para levar a cabo a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o anunciou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha rolda de prensa na que indicou que, grazas aos contactos establecidos desde as 11 comisións de traballo conformadas por expertos en diferentes materias, chegaron máis de mil propostas, ás que hai que sumar as máis de 300 recibidas a través da caixa de correo dispoñible para a participación da cidadanía.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O videoxogo Hellkind está dispoñible con versión en galego na plataforma Steam

O videoxogo de terror Hellkind, deseñado por Emir Arkman e dispoñible en galego en Steam, sitúase en Santo André de Teixido. O creador, afincado no Reino Unido, inspirouse nos mitos galegos a partir da animación O Apóstolo e contou coa colaboración de Ana Aboal Beloso para garantir a corrección lingüística e a fidelidade á ambientación.

Fonte: Culturagalega

Convócase unha nova edición do Premio Xela Arias que recoñece o labor de fomento do galego no sector da tradución e a interpretación

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) abre a convocatoria da oitava edición do Premio Xela Arias, destinado a recoñecer a empresas, entidades ou persoas que fomenten o uso do galego no ámbito da tradución e interpretación. As candidaturas poden presentarse ata o 29 de outubro de 2025.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Universidade de Vigo acolle a segunda edición do seu ciclo de cinema en galego

O ciclo «A lingua galega no cinema», organizado pola Universidade de Vigo co apoio da Deputación de Pontevedra e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, inaugurarase o 15 de outubro coa proxección do documental Filmei paxaros voando de Zeltia Outeiriño. O programa prolongarase ata o 5 de novembro no auditorio do edificio Cambón e incluirá longametraxes e un peche con cinco curtametraxes galegas recentes premiadas. O ciclo busca visibilizar a presenza e o valor do galego no cinema, combinando proxeccións con conversas coas e cos cineastas participantes.

Fonte: Universidade de Vigo

Os partidos da selección española de fútbol que retransmita RTVE poderán seguirse en galego

Por primeira vez, os partidos de clasificación de España para o Mundial 2026 poderán seguirse en galego en TVE, grazas á segunda pista de audio dispoñible nos televisores. As emisións destes encontros ofrecerán a opción de narración en galego, o que reforza o compromiso de RTVE co multilingüismo e as linguas cooficiais.

Fonte: RTVE

Convócase unha nova edición dos Premios Mil Primaveras destinados a recoñecer proxectos de fomento do galego

A CTNL, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, convoca a nova edición dos Premios Mil Primaveras, destinados a recoñecer proxectos, campañas e programas que fomenten o uso e prestixio do galego. Poden participar accións desenvolvidas total ou parcialmente entre 2021 e 2025, sempre que non fosen premiadas en edicións anteriores e non se trate de traxectorias institucionais.

Fonte: Mil Primaveras

A Universidade de Santiago presenta o seu novo centro dedicado á análise do continuo entre lingua e literatura

O Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (iLTIUS) concíbese como un espazo para estudar o vínculo entre lingua e literatura. O seu obxectivo é analizar o contexto histórico e socio-cultural das linguas e os textos e centrará a súa investigación nas interaccións do español, inglés e portugués coas linguas minorizadas, como o galego. A súa actividade organízase en cinco eixes: linguaxe e cognición, competencia lingüística e comunicativa, patrimonio literario, tecnoloxías e diversidade.

Fonte: Culturagalega

Valentín García participa en Vigo nos «Foros Grial Galicia 2050. Pensar cara adiante»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Vigo na mesa «Comunicación e novas tecnoloxías. Desafíos para os novos tempos», no marco dos Foros Grial Galicia 2050. Pensar para adiante, que organiza a revista Grial.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder