Galicia

Arredor de dous terzos dos libros que se publicaron en Galicia en 2024 estaban en galego

En 2024 editáronse en Galicia 1948 novos libros, dos que dous terzos se publicaron en galego, situando a oferta total en máis de 22 000 títulos. O sector facturou 27,7 millóns de euros, con predominio do formato impreso e das categorías infantil, xuvenil e texto non universitario. Máis da metade das vendas corresponden a obras en galego, distribuídas sobre todo a través das librerías.

Fonte: Galicia Confidencial

Santiago de Compostela acolle un encontro sobre o impacto da IA no galego, o catalán e o éuscaro

O encontro literario Galeusca 2025 reúne en Santiago máis de 2800 autoras e autores galegos, cataláns e vascos para debater sobre a creación escrita e o impacto da intelixencia artificial nas literaturas minorizadas. Durante dous días, desenvolveranse coloquios, diálogos e un peche artístico con música e improvisación oral. A iniciativa quere fortalecer o diálogo entre linguas e culturas e reivindicar unha maior visibilidade destas no conxunto do Estado.

Fonte: Xornal de Compostela

A Xunta abre o prazo para inscribirse nunha nova convocatoria de exames Celga

A Xunta de Galicia abre o prazo para inscribirse nunha nova convocatoria das probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega. Así, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas en realizar os exames Celga poderán anotarse ata o vindeiro 3 de outubro.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Santiago oferta un curso de galego de nivel básico dirixido a persoas de fóra de Galicia

Este curso de galego de nivel básico (A2) para persoas que veñen de fóra de Galicia e desexan aprender galego ten carácter presencial. Para matricularse cómpre ser maior de 16 anos e non é necesario ser alumno/a da USC.

Fonte: Consello da Cultura Galega

As bibliotecas da Coruña acollen grupos de conversa para practicar galego

«Coa lingua de fóra» é unha actividade organizada polas bibliotecas municipais da Coruña dirixida a persoas adultas que desexen practicar galego nun grupo de conversa, que se reunirá semanalmente entre os meses de outubro e decembro, dinamizado por unha persoa nativa.

Fonte: Consello da Cultura Galega

As Xornadas Mar por Medio chegan á súa XX edición co apoio da Secretaría Xeral da Lingua

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na rolda de prensa de presentación da vixésima edición das Xornadas Mar por Medio, que organizan o Concello de Ribadeo e mais a Academia Xacobea coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Universidade de Santiago de Compostela. 

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta e as tres universidades galegas poñen en marcha unha campaña para impulsar o uso da lingua

A Xunta de Galicia e as tres universidades galegas poñen en marcha unha campaña conxunta para o fomento do uso da lingua mediante un convenio a través do que o Goberno autonómico achega 30.000 €. A iniciativa, coordinada pola Comisión Interuniversitaria de Normalización Lingüística, foi presentada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacando que “se trata da primeira acción deste tipo que se desenvolve entre as tres institucións académicas”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en galego, está dedicada á paz e á xustiza social

Proxector, iniciativa de divulgación el galego impulsada polo Consello da Cultura Galega e a USC, dedica a súa nova entrega á xustiza social e á cultura da paz. A escolma reúne vídeos educativos sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a importancia da equidade e o labor de grupos de investigación universitarios.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Concello do Rosal convoca unha nova edición do seu Concurso de Relato Curto para fomentar a creatividade en galego

O Concurso de Relato Curto, que chega á súa segunda edición, é unha aposta do Concello do Rosal que ten como obxectivo fomentar a creatividade e a cultura en galego. Con tres categorías (infantil, xuvenil e poboación adulta), valorarase que as obras se inspiren no contorno e as tradicións do municipio.

Fonte: Tele Mariñas

Preséntase en Rois o proxecto «Modo galego, actívao!»

A Real Academia Galega e Alingua organizarán en Rois a xornada de presentación do proxecto «Modo galego, actívao!», destinada a dar a coñecer este programa que promove o uso do galego entre a infancia. A actividade, iniciada en Ames en 2021, implicou alumnado, familias, profesorado e persoal educativo, e pretende avaliar e difundir prácticas de dinamización lingüística. O encontro contará con autoridades e especialistas que explicarán os catro anos de implementación e os resultados obtidos con este programa.

Fonte: Real Academia Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder