Galicia
López Campos pon en valor o papel da creación literaria infantil en galego para incorporar novos lectores e falantes á nosa lingua

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe o “importante papel” que exerce a creación literaria infantil en galego para “incorporar e incrementar novos lectores e falantes á nosa lingua”. Fíxoo durante a súa participación no acto de recoñecemento á escritora Rosalía Morlán como filla predilecta do concello coruñés de Trazo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Román Rodríguez sinala o Premio literario San Clemente do IES Rosalía de Castro como unha ferramenta de fomento da lectura entre o alumnado

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega dos premios da 28ª edición do Premio literario San Clemente, organizado polo Instituto IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Un certame a prol da cultura literaria e, especialmente, do fomento do hábito lector entre o alumnado. Así o sinalou o representante da Xunta, que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
López Campos considera “clave” o papel da literatura en galego entre os máis novos para “facer medrar o número de lectores e de falantes na nosa lingua”
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, considerou “clave” a creación literaria en galego dirixida aos máis novos para conseguir “incrementar e facer medrar o número de novos lectores e falantes na nosa lingua”. Fíxoo durante a súa visita ao colexio Ortigueira, no municipio coruñés de Vedra, co gallo da programación que desenvolveron no centro escolar para a celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta contactará con 100 entidades ata finais de mes para renovar o Plan de normalización da lingua

A Xunta alcanzará as 100 entidades contactadas a finais de abril coas xuntanzas que están a manter as comisións formadas para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que incidiu no “carácter social” co que se está a enfocar este proceso de actualización “no que implicamos a todo tipo de institucións, asociacións, colectivos e persoas individuais que xa están a dar os seus puntos de vista a través dos grupos de traballo establecidos”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta inviste 150 000 € no desenvolvemento de oito novos videoxogos galegos

A Xunta acaba de resolver a concesión de 150 000 euros en axudas a oito produtoras galegas de videoxogos a través da súa nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento do sector. Esta contía investirase noutros tantos proxectos de selo galego co obxectivo de facilitar a chegada ao mercado de contidos feitos en Galicia e no noso idioma, ademais de favorecer a profesionalización e a creación de emprego por parte das empresas que traballan neste ámbito.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Universidade de Santiago presenta un informe sobre os usos lingüísticos na actividade docente

O informe sobre o uso do galego, o castelán e outras linguas na docencia da USC revela que o galego acadou este curso o seu mellor dato da última década, cun 25 % de uso, fronte a unha baixada do castelán e unha presenza residual doutras linguas. O campus de Lugo presenta un emprego máis elevado da lingua propia, mais o peso do de Santiago reduce o impacto estatístico global. Por áreas, destacan as Ciencias Sociais polo uso maioritario do galego, mentres nas Ciencias da Saúde este apenas supera o 6 %. Tamén medra a presenza do galego nos estudos de mestrado.
Fonte: Culturagalega
A plataforma de toponimia Galicia Nomeada alcanza preto de 88 000 microtopónimos

A plataforma Galicia Nomeada superou o medio millón de topónimos xeorreferenciados grazas á participación cidadá, que permite recuperar nomes tradicionais de leiras, camiños ou fontes. Desde 2019, veciñanza, centros educativos e persoas estudosas achegaron máis de 88 000 microtopónimos, entre os que destaca a implicación de concellos como Vigo ou Outeiro de Rei. A aplicación permite engadir información complementaria e continúa a medrar, con só catro municipios sen colaboración activa.
Fonte: Real Academia Galega
Convócase unha nova edición do certame «Ben Veñas, Maio» para fomentar o uso do galego entre a mocidade de Pontevedra

O certame «Ben Veñas, Maio», organizado polo Concello de Pontevedra para promover o uso do galego entre a mocidade, volve celebrar unha nova edición dirixida ao alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos. A actividade, xa consolidada tras máis de vinte anos de traxectoria, repartirá 3750 euros en premios a través das distintas categorías que a integran.
Fonte: Concello de Pontevedra
O Concello de Carballo organiza rutas para dar a coñecer a microtoponimia urbana entre o alumnado
O Concello de Carballo impulsa de novo o proxecto «Carballo na memoria» con rutas pola microtoponimia urbana, guiadas por Fernando Cabeza Quiles, nas que participa alumnado de secundaria e bacharelato. A iniciativa busca recuperar nomes tradicionais de lugares que están a desaparecer. Estas rutas, iniciadas nas xornadas de setembro, contribúen tamén ao proxecto Galicia Nomeada, no que xa se rexistraron máis de 1100 microtopónimos grazas á colaboración veciñal.
Fonte: Concello de Carballo
Convócanse as axudas para a tradución do libro galego

A Xunta de Galicia fixo públicas no Diario Oficial de Galicia as ordes que establecen as bases de dúas convocatorias de axudas destinadas ao libro galego: unha dirixida á tradución para o galego de obras editadas inicialmente noutras linguas e outra destinada á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín