Galicia
Publícase en lingua galega o Calendario Científico Escolar do ano 2026

A Universidade da Coruña colabora por oitavo ano co CSIC na elaboración da versión galega do Calendario Científico Escolar, un recurso educativo dirixido ao ensino obrigatorio. O proxecto reúne efemérides científicas ao longo do ano e complétase cunha guía didáctica accesible e inclusiva. A iniciativa promove a cultura científica, a igualdade e o uso normalizado do galego nas aulas. O material distribúese nos centros educativos e pode descargarse libremente.
Fonte: Universidade da Coruña
Valentín García inaugura en Santiago o Coloquio Internacional «Os Corpora Documentalia Latina da Península Ibérica»
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na inauguración do Coloquio Internacional «Os Corpora Documentalia Latina da Península Ibérica», organizado polo grupo de investigación do Proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Convócase a 17.ª edición do premio Rosalía de Castro de Lingua 2026
A Deputación da Coruña convocou unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua para poñer en valor o labor a prol da normalización do galego. O recoñecemento distinguirá persoas, entidades e proxectos que destaquen pola promoción do idioma en distintos ámbitos sociais. Unha das modalidades céntrase especialmente en iniciativas dirixidas á infancia e á mocidade e aos novos espazos de uso lingüístico. Cada categoría contará cunha dotación económica de 5000 euros.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A plataforma Queremos Galego convoca unha asemblea na que presentará os resultados do proceso social Lingua Vital
A plataforma Queremos Galego presentará o vindeiro 14 de marzo en Santiago o documento Lingua Vital, froito dun amplo proceso participativo para facer fronte á situación crítica do galego. O texto recolle propostas orientadas a reforzar o uso da lingua no ensino, nos servizos públicos e na vida social, así como a mellorar a súa calidade e a relación coa lusofonía. A iniciativa conta coa implicación de numerosas entidades e persoas vencelladas á defensa dos dereitos lingüísticos.
Fonte: Galicia Confidencial
A Xunta apoia a produción de tres libros de ‘Os Balbinos’ adaptados en lectura fácil en galego

A Xunta de Galicia vén de apoiar a produción de Os Balbinos, liña de editorial de libros adaptados en lectura fácil. Así se deu a coñecer na presentación dos libros Os Balbinos visitan os museos naturais de Galicia, Os Balbinos visitan os pazos de Galicia e A Lúa e a Bal gústalles a música, de Xoán Carlos García Porral, Toño Núñez e ilustrados por Gabriel Iglesias Sanmartín, á que asistiron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Universidade de Vigo presenta a súa oferta formativa con cinco propostas de cursos de galego para o segundo cuadrimestre
A Área de Normalización Lingüística presentou a súa nova oferta formativa para o segundo cuadrimestre, con cinco cursos gratuítos en liña de lingua galega dirixidos a toda a comunidade universitaria. As propostas abranguen desde a iniciación ao galego para alumnado internacional até a mellora da calidade lingüística, a corrección escrita e o uso da lingua en ámbitos administrativos e xurídicos. A iniciativa busca reforzar a competencia lingüística e promover un uso coidado do galego no contexto universitario.
Fonte: Universidade de Vigo
O certame Youtubeiras+ alcanza o seu récord de participación na edición de 2026
A novena edición dos Premios Youtubeiras+ bateu a súa marca histórica cunha participación récord de 126 canles, das que 28 resultaron finalistas. O certame, impulsado por institucións públicas e universitarias, consolídase como ferramenta clave para promover o galego nos espazos dixitais e entre a mocidade. A gala final celebrarase o 7 de febreiro en Ferrol e repartirá sete galardóns, cunha atención especial ao pódcast como formato emerxente.
Fonte: Nós Diario
Xa están dispoñibles en liña as intervencións da última edición do LGX15, que se consolida como espazo de pensamento e difusión arredor do galego
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua fixo públicas as intervencións da última edición do LGx15, celebrada en outubro de 2025 en Santiago de Compostela, accesibles en liña. O proxecto reuniu diversas voces que compartiron reflexións e vivencias co obxectivo de incidir no porvir do galego mediante formatos breves e divulgativos. Nesta ocasión, participaron persoas de referencia do ámbito cultural e social, cunha proposta escénica que integrou palabra, música e poesía.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Ábrese o prazo de inscrición para participar nos Premios Internacionais de Pódcast Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos"

Abriuse o prazo para participar na oitava edición dos Premios Internacionais de Pódcast Xosé Mosquera Pérez, destinados a alumnado de diferentes niveis educativos de Galicia e Portugal, incluído o ámbito universitario. As persoas participantes deberán crear un pódcast propio e inédito, en galego ou portugués, cun máximo de cinco minutos. Os traballos deberán abordar cuestións vinculadas á figura homenaxeada, á historia da radio en Galicia, á cultura galega e portuguesa ou a contidos curriculares oficiais. A iniciativa pretende fomentar a creatividade, a expresión oral e o uso das linguas propias nun formato contemporáneo.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Deputación da Coruña pon en marcha unha rede provincial de grupos de conversa en galego
A Deputación da Coruña impulsou o proxecto «Falarmos Nós» para iniciar unha rede provincial de grupos de conversa en galego orientados a reforzar o uso oral da lingua. A iniciativa procura crear espazos seguros para persoas que coñecen o galego mais non o empregan con regularidade, así como para quen está a aprendelo. O proxecto arrinca con varios grupos piloto e prevé ampliar a rede nos vindeiros meses.
Fonte: Deputación da Coruña
Boletín
Subscríbase ao boletín