Galicia

Un estudo encargado polo Concello de Santiago confirma a perda do galego como lingua inicial entre o alumnado

Un estudo da Real Academia Galega revela que o galego ten unha presenza moi reducida nas escolas de Santiago, cun uso habitual claramente inferior ao do castelán. A investigación constata unha perda progresiva da lingua propia entre o alumnado, mesmo cando esta é a inicial. Tamén identifica a procedencia e o territorio como factores determinantes nos usos lingüísticos. O Concello pretende empregar estes datos para impulsar políticas que reforcen o galego entre a infancia e a mocidade.

Fonte: El Correo Gallego

A Universidade de Santiago abre o prazo para matricularse en cursos de diferentes linguas

O Centro de Linguas Modernas abriu a inscrición nos cursos de idiomas (inglés, alemán, catalán, francés, italiano, portugués e galego para non galego falantes) do segundo semestre, con oferta diversa nos campus de Santiago e Lugo. Ademais, convócase unha nova edición das Conversas en linguas modernas en varios idiomas e niveis.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo convoca unha nova edición do seu premio de oratoria en formato pódcast

Trátase da cuarta edición do premio de oratoria en formato pódcast dedicado a Ramón Otero Pedrayo, dirixido a estudantes de entre 15 e 18 anos. O certame anima a mocidade a reflexionar en galego sobre temas vencellados ao pensamento do autor e a exercitar a expresión oral.

Fonte: La Voz de Galicia

A Xunta ergue o pano de 2026 no Centro Dramático Galego coa estrea da versión teatral de ‘Memorias dun neno labrego’ en homenaxe a Neira Vilas

A Xunta de Galicia abre a súa actividade deste 2026 no Centro Dramático Galego coa estrea, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, do espectáculo Memorias dun neno labrego, nova versión teatral da famosa novela de Xosé Neira Vilas producida coa compañía Contraproducións baixo a dirección escénica de Cándido Pazó.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Constitúese en Betanzos un grupo de conversas en galego para practicar o idioma

A Asociación Lar de Unta impulsará en Betanzos un grupo de conversas en galego concibido como un espazo aberto para practicar o idioma con naturalidade e sen formato académico. A iniciativa diríxese tanto a persoas acabadas de chegar como á veciñanza que entende o galego mais non o emprega con seguridade, así como a quen xa o usa e desexa máis oportunidades. As sesións semanais abordarán temas diversos nun ambiente participativo e relaxado.

Fonte: A Coruña Xa

Un total de 25 entidades opta ás axudas convocadas pola Deputación da Coruña para financiar persoal técnico de normalización lingüística

A Deputación da Coruña rexistrou 25 solicitudes para a liña de axudas destinada a financiar persoal técnico de normalización lingüística nos concellos da provincia en 2026, cun orzamento total de 540 000 euros. As subvencións, dirixidas a entidades locais de máis de 5000 habitantes e a agrupacións municipais, permitirán cubrir contratos anuais a xornada completa. O programa busca reforzar as políticas de normalización do galego no ámbito local, tanto no funcionamento interno das administracións como na atención á cidadanía. O persoal subvencionado asumirá tarefas de asesoramento, dinamización, formación e apoio lingüístico, co obxectivo de mellorar o uso social da lingua galega.

Fonte: Deputación da Coruña

A Xunta despide a exposición de arte dixital ‘Castelao. Mirar por Galicia’ que chega á súa derradeira semana na Cidade da Cultura superando as 34 000 visitas

A exposición de arte dixital «Castelao. Mirar por Galicia» despídese da Cidade da Cultura o vindeiro domingo 11 de xaneiro superando xa as 34 000 visitas. Organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Castelao, a mostra representa a experiencia tecnolóxico-cultural máis avanzada ata o momento ao redor desta figura. Trátase dun percorrido que emprega tecnoloxías como intelixencia artificial, realidade virtual ou videomapping para afondar o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras da Comunidade.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Máis de corenta candidaturas optan ao I Premio Castelao de Textos Teatrais en lingua galega

A Deputación de Pontevedra pechou cunha alta participación a primeira edición do Premio Castelao de Textos Teatrais, que reuniu 43 obras presentadas e que se resolverá o 29 de xaneiro de 2026, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao. O certame, dotado con 12 000 euros, nace no contexto do 75 aniversario do falecemento do autor e diríxese a recoñecer textos inéditos e non representados, escritos en galego normativo. Ademais da contía económica, o galardón inclúe os dereitos da primeira edición da obra gañadora e persegue reforzar a creación dramática, o talento literario e a proxección da lingua galega.

Fonte: Deputación de Pontevedra

Segundo un estudo, sete de cada dez docentes de matemáticas impartirían a súa materia en galego

Un estudo publicado no último número de Cadernos de Lingua revela que máis do 70 % do profesorado de matemáticas optaría por impartir a materia en galego de ter liberdade para facelo. A investigación, elaborada por persoal investigador da USC, analiza a práctica lingüística segundo o xénero e confirma que non existen diferenzas relevantes entre docentes homes e mulleres neste aspecto, aínda que si unha maior tendencia feminina á acomodación comunicativa. O traballo insírese nun volume que tamén recolle unha actualización sobre a situación sociolingüística do galego a partir de datos oficiais recentes.

Fonte: Real Academia Galega

A Xunta e Galaxia anuncian a obra ‘A arte de non morrer’ como gañadora do premio Ramón Piñeiro

A obra A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico Roberto Fernández Álvarez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025, que organizan conxuntamente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder