Galicia

O museo MACUF proxecta un ciclo de doce filmes infantís en lingua galega

O ciclo 12 pelis para os peques ofrecerá unha selección de filmes infantís en galego durante o primeiro trimestre de 2009. O Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa (MACUF) proxectará todos os sábados de xaneiro, febreiro e marzo películas tradicionais como Astérix ou Tintín de forma gratuíta.

Fonte: La Opinión

Dolores Villarino demanda na ofrenda ao Apóstolo consenso lingüístico

A presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, exerceu como delegada rexia na Ofrenda de Translación do Apóstolo que cada ano se celebra na Catedral coa ausencia de cargos nacionalistas. Desde o púlpito, Villarino (reclamou "afondar no que une, como a lingua e a cultura que nunca foron motivo de confrontación".

Fonte: El País

Interese en Brasil polo léxico galego da Academia da Língua Portuguesa

A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) ultima a proposta do vocabulario galego para incorporar aos dicionarios comúns para a lusofonía que se van editar coa entrada en vigor do Acordo Ortográfico para o portugués. Tamén aprobou, no seu primeiro plenario, celebrado en Compostela, a incorporación do prestixioso lingüista Celso Álvarez Cáccamo, profesor da Universidade da Coruña, como novo membro numerario.

Fonte: La Voz de Galicia

Touriño asegura que haberá recoñecemento para a lingua como criterio para o financiamento

"Haberá recursos adicionais para políticas de normalización lingüística", subliñou este martes o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, mentres analizaba o borrador cos criterios para a reforma do financiamento presentados polo Goberno español. Asegurou Pérez Touriño que se trata dun documento que responde ao "acordado" durante a recente xuntanza en Madrid do presidente galego co presidente do Goberno español, e de xeito explícito mencionou a suxestión realizada en materia de normalización lingüística.

Fonte: Vieiros

Un engadido permite configurar o teclado de Mac OS X en galego

Na actualidade tanto os sistemas operativos Windows XP, Windows Vista e Linux contan con interfaces de uso adaptadas ao galego (e multitude de programas na nosa fala) pero o Mac OS X está moi pechado lingüisticamente, polo que as pequenas achegas que se fan para galeguizar este tipo de escritorios informáticos son benvidas, como a existencia dunha configuración de teclado en galego para Mac OS X elaborada por Ross Barkman.

Fonte: Código Cero

A mostra "As nosas palabras, os nosos mundos" acada as 1.000 visitas na Coruña

A exposición As nosas palabras, os nosos mundos, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, despide na Coruña o Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo. Preto de 1.000 persoas visitaron durante estes días a exposición, que dá conta da vitalidade do galego no panorama literario, na música, no audiovisual, na publicidade e nas artes plásticas. A mostra estará aberta ata o próximo domingo, 4 de xaneiro, no Kiosco Alfonso da cidade herculina.

Fonte: ABC

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia o incumprimento da lexislación lingüística na Estación de Autobuses de Lugo

A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo realizará o luns 5 de xaneiro unha performance protagonizada polos Reis Magos de Oriente na Estación de Autobuses de Lugo co fin de denunciar o incumprimento da lexislación lingüística neste espazo público.

Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística

Convócanse subvencións a entidades sen fin de lucro para incrementar o uso do galego na transmisión familiar e na mocidade

No DOG do 31 de decembro de 2008 publicouse a Resolución pola que se regula a concesión de subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega na transmisión familiar e na mocidade.

Fonte: CTNL

O programa de edición de blogs Wordpress xa está dispoñible en galego

Unha das plataformas máis populares para a creación de blogs, o Wordpress 2.0, está xa dispoñible en galego. O egalego.com rematou a tradución desta aplicación que xa se pode descargar de balde desde o seu web. Ademais da aplicación en si, o paquete inclúe plugins e outros complementos para o wordpress.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Consellería de Educación convoca 2650 bolsas de idiomas para alumnos de centros públicos

A Consellería de Educación convocou 2650 axudas para que alumnos de 6º de primaria a 2º de bacharelato poidan realizar actividades de aprendizaxe de idiomas no verán de 2009, segundo publica o Diario Oficial de Galicia.

Fonte: La Opinión

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder