España
O Conselh Generau d'Aran e a Secretaría de Política Lingüística de Cataluña presentan un tradutor para o occitano
O síndico de Arán, Francès Boya, e o secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan, presentaron na sede do Conselh Generau o tradutor automático catalán-occitano-catalán e castelán-occitano-castelán, "un instrumento lingüístico gratuíto e adaptado ao servizo de todas as persoas", en palabras da responsable de Cultura e Política Lingüística da máxima institución, Maria Vergés.
Fonte: Avui
Unha xuíza da Audiencia Nacional impide que un acusado se exprese en asturiano por non ser unha lingua cooficial
A xuíza Angela Murillo impediu a un independentista asturiano xulgado na Audiencia Nacional por estragos terroristas que se expresase en asturiano por non ser "unha lingua cooficial", e alegou que ela, nacida en Estremadura, "tamén podería facelo en castúo" (o dialecto desta rexión) pero entón non a "entenderían".
Fonte: Europa Press
O Goberno balear valora que Zapatero defenda unha contribución adicional para as comunidades autónomas con dobre lingua oficial
O Goberno balear valorou "moi positivamente" que o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, defenda que o novo sistema de financiamento incorpore unha contribución adicional para as comunidades autónomas con dobre lingua oficial, como é o caso de Baleares, Cataluña, Galicia ou Euskadi.
Fonte: Europa Press
Os nenos do barrio almeriense de El Puche elaboran un dicionario electrónico árabe-español
Os nenos e adolescentes do barrio almeriense de El Puche están inmersos nun proxecto que os ocupa boa parte da tarde dos xoves. Dentro das actividades programadas polo centro de acceso público a internet (CAPI) desta barriada, atópase a de proporcionarlles aos seus veciños, a maioría deles inmigrantes de nacionalidade marroquí, ferramentas para que sexan capaces de desenvolverse no día a día tanto no mercado como na casa ou na escola.
Fonte: El Almería
Euskadi insta o Estado a cumprir os consellos de Europa respecto ao éuscaro
O Consello de Europa insta a administración española no seu último informe sobre as linguas rexionais a tomar as medidas necesarias para incrementar o número de xuíces, fiscais e secretarios xudiciais capaces de empregar o éuscaro como "lingua de traballo". Así mesmo, aléntao a modificar o marco xurídico para que "quede claro que as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas" de Euskadi "levarán a cabo os procedementos xudiciais en éuscaro a petición dunha parte".
Fonte: El País
A Obra Cultural Balear ve inaceptable que se rebaixen os requisitos de catalán a un alto funcionario do Consell de Mallorca
A Obra Cultural Balear considera inaceptable que se rebaixen os requisitos de coñecemento do catalán a un alto funcionario da administración do Consell de Mallorca, tal e como decidiu o último pleno da institución en relación co futuro responsable da Axencia Urbanística.
Fonte: OCB
O Príncipe de Asturias anima a Fundación San Millán a promover o español no ciberespazo
"A Fundación pode desempeñar unha misión importante na promoción do español no ciberespazo", afirmou en San Millán de la Cogolla o Príncipe de Asturias. A Súa Alteza Real presidiu no mosteiro de Yuso a reunión extraordinaria do Padroado da Fundación San Millán conmemorativa do seu décimo aniversario.
Fonte: La Rioja
Joves per la Llengua aplaude que haxa música en catalán en todas as prazas na festa de Mallorca
O colectivo Joves de Mallorca per la Llengua transmitiu a súa satisfacción a través dun comunicado ante o feito de que este ano, despois de moitos reclamándoo desde a entidade, as festas de Sant Sebastià teñan música en catalán en todas as prazas.
Fonte: Diario de Mallorca
Madrid contará no curso 2009-2010 con 40 novos colexios bilingües español-inglés
O curso escolar 2009-2010 contará con 40 novos colexios bilingües, dos cales 25 serán de titularidade pública, que se sumarán aos 180 centros que actualmente xa imparten este programa de bilingüismo, segundo anunciou a presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre.
Fonte: Europa Press
O Concello de Eibar aposta por ofrecerlles aos seus veciños «a oportunidade de vivir en éuscaro»
A familia, a escola e os euskaltegis son os tres ámbitos nos que o Concello de Eibar se implicou durante 2008 no seu obxectivo de impulsar a transmisión lingüística. Un labor que se complementou cun segundo obxectivo, o da utilización, para o cal se promoveron accións dentro da propia Administración, as novas tecnoloxías, as empresas, o comercio, o tempo libre, o deporte ou a relixión.
Fonte: El Correo Digital
Boletín
Subscríbase al boletín