España
A Comunidade Valenciana esixiralles inglés aos novos profesores
Os novos profesores que accedan a unha praza como docente deberán acreditar suficientes coñecementos de inglés como para poder impartir unha materia completa nesta lingua. Os plans de escola plurilingüe que está perfilando o Goberno valenciano requiren que os docentes "teñan suficiente capacitación en inglés e, polo tanto, o sistema de selección do profesorado deberá ter en conta esta circunstancia".
Fonte: Las Provincias
Cangas del Narcea inicia unha campaña de promoción lingüística do asturiano dirixida aos escolares
A concelleira de Cultura, Bibiana Martínez, e a responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Cangas del Narcea, Mónica Rodríguez Riesgo, presentaron unha campaña de difusión da lingua asturiana destinada aos nenos. a iniciativa, que conta cun orzamento de 800 euros, consiste na publicación de sete carteis -sobre a escola, o baño, o patio, o comedor, o corpo humano, as figuras xeométricas e as cores- que se repartirán por todas as escolas, ludotecas e centros de saúde do concello, así como no hospital comarcal.
Fonte: El Comercio Digital
A Asociación Xarmenta reclama apoio para o galego do Bierzo
A Asociación Berciana da Lingua Xarmenta entregoulles o sábado 17 de xaneiro os galardóns da IV edición dos seus premios anuais á gaiteira Susana Seivane, ó grupo de música folk Aira da Pedra, e á Escola de Gaitas de Villafranca del Bierzo pola súa promoción da lingua e a cultura galega.
Fonte: Galicia Hoxe
Póñenlles máis fácil aos profesores vascos a obtención do perfil de éuscaro
Euskadi encara unha década na que segundo o propio Consello Escolar haberá un déficit de centenares de docentes nas escolas. O Goberno vasco xa moveu ficha e facilitou as vías de acceso para obter os certificados oficiais de dominio do éuscaro.
Fonte: 20minutos
A Consellería de Educación de Valencia negocia o plan de trilingüismo con Escola Valenciana
A Federació d'Associacions per la Llengua-Escola Valenciana (FEV), integrada na Plataforma per l'Ensenyament Públic, sentarase na mesa de negociacións cos responsables da Consellería de Educación para negociar un plan consensuado de ensino trilingüe.
Fonte: El País
Un novo material didáctico permitirá aprender valenciano en lingua de signos
O conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora, presentou "El món dels signes", un material multimedia que ten por obxecto fomentar a aprendizaxe do valenciano entre as persoas xordas, priorizando os contidos visuais, como imaxes, debuxos, iconas e vídeos signados.
Fonte: Panorama Actual
Escola Valenciana lamenta que a Consellería de Educación adíe o plan plurilingüe
A Federació Escola Valenciana lamentou que a secretaria autonómica de Educación, Concha Gómez, "adiara a negociación do Plan pola escola plurilingüe e a retirada da orde de Educación para a Cidadanía a futuras reunións".
Fonte: Levante
O PSOE de Aragón levará ás Cortes a súa proposta de Lei de linguas antes de marzo
O PSOE aragonés ten decidido presentar nas Cortes autonómicas unha proposición de Lei de linguas antes de marzo. Os socialistas están negociando desde hai semanas co grupo parlamentario do PAR un texto de consenso mínimo para evitar unha defensa en solitario do proxecto normativo, pero a proposición lexislativa presentarase igualmente ante a Mesa do Parlamento, aínda que eses contactos fracasen.
Fonte: Heraldo
A promoción do éuscaro no ámbito laboral, obxectivo do programa Lanera
Xa pasaron tres anos desde que a Mancomunidade e os concellos de Aia, Getaria, Orio, Zumaia e Zarautz puxeran en marcha o programa Lanera.
O obxectivo é a promoción do uso do éuscaro no ámbito laboral da comarca, planificando e desenvolvendo plans de éuscaro adecuados á realidade de cada empresa.
Ata a data un total de cinco empresas realizaron o diagnóstico e están implantando o seu plan: GKN Driveline Zumaia, Guascor, Erne Elektrizitatea, Elkor e Lagun Artea. Tres empresas máis realizaron o diagnóstico pero non continuaron adiante: Evai, Arin y Enbil e Korta.
Fonte: Diario Vasco
Aprobados os topónimos en éuscaro de 16 municipios de Navarra
O Goberno foral aprobou as correspondencias en éuscaro das denominacións de 16 municipios e dous "concejos" navarros. Aínda que todos eles son municipios e "concejos" con denominación oficial única, a castelá, o Executivo aproba os nomes en vasco, para que así conste nos textos que nese idioma se refiran a estas localidades.
Fonte: Diario de Navarra
Boletín
Subscríbase al boletín