Mundo
O ministro de Cultura di que Portugal negocia con Cabo Verde e São Tomé e Príncipe unha data para aplicar o acordo ortográfico
O ministro de Cultura portugués dixo que Portugal está "en negociacións con Cabo Verde e São Tomé e Príncipe" para determinar unha data para facer entrar en vigor o acordo ortográfico nestes tres países.
Fonte: Sol
Malasia prohibe a edición en malasio do principal semanario católico
O arcebispo de Kuala Lumpur, Murphy Pakiam, denunciou a decisión do Goberno de Malasia de impedir a publicación do principal semanario cristián do país en lingua vernácula, segundo informa a prensa local.
Fonte: El Confidencial
A EBLUL critica a Francia polas súas políticas lingüísticas
As Nacións Unidas desenvolveron o seu primeiro Foro sobre Cuestións Minoritarias o 15 e o 16 de decembro de 2008 en Xenebra. No foro a EBLUL criticou o Estado francés polas súas políticas lingüísticas e culturais asimilacionistas.
Fonte: Eurolang
A falta de profesores de inglés deixa sen esta materia a alumnos de escolas de 1.º ciclo de Portugal
A falta de profesores de inglés deixou a moitos alumnos das escolas de 1.º ciclo sen o ensino da lingua inglesa, o que os sitúa en desigualdade en relación con outros compañeiros.
Fonte: Jornal de Notícias
Menos do 5 % dos libros didácticos distribuídos este ano nas escolas brasileiras estarán adaptados á nova ortografía
Menos do 5 % dos libros que distribuirá este ano o Ministerio de Educación brasileiro para alumnos do ensino medio estarán adaptados ás novas regras do Acordo Ortográfico, en vigor desde o 1 de xaneiro.
Fonte: Sol
A BBC lanza unha canle en persa ante a indignación do Goberno de Irán

A BBC decidiuse a emitir en persa. Facíao en formato radiofónico desde 1941, pero desde a próxima semana tamén o fará nunha nova canle por satélite que sacará a antena oito horas diarias de televisión. BBC Persian TV é a segunda canle en lingua non inglesa que lanza o ente público británico: a primeira (a BBC en árabe) comezou a emitir o ano pasado.
Fonte: El Mundo
Na India faltan contidos e aplicacións informáticas en linguas distintas do inglés
A globalización da web inspirou a empresarios como Ram Prakash Hanumanthappa, un enxeñeiro de fóra de Bangalore, India. El prefire expresarse cos seus amigos e membros da familia na súa lingua materna, o kannada. Por iso, en 2006 desenvolveu Quillpad, un servizo en liña para escribir a máquina en dez linguas do sur de Asia. Os blogueiros e autores están encantados co servizo, que xa atraeu o interese do fabricante de teléfonos móbiles Nokia e a atención de Google, que introduciu a súa propia ferramenta de transcrición.
O señor Ram Prakash di que as compañías tecnolóxicas occidentais entenderon mal o panorama lingüístico da India, onde só en torno a unha décima parte da poboación fala fluidamente inglés e mesmo moitos indios universitarios prefiren as súas linguas nativas para comunicarse a diario.
Fonte: Gaceta
Comunidades indíxenas de Chile capacítanse no uso do chezugun
Nunha significativa cerimonia, representantes das dez comunidades indíxenas pertencentes ao Cacicado da Xurisdición de Riachuelo, na comuna de Río Negro, recibirán os seus certificados de participación do obradoiro de lingua denominado “Aprendendo Kimeltuallen Sungun” financiado polo programa Orixes de Conadi (Corporación Nacional de Desenvolvemento Indíxena), no contexto do fortalecemento da identidade cultural do pobo mapuche-williche da Provincia de Osorno (Chile).
Fonte: Conadi
A compañía Swiss Air mantén a retirada do catalán no voo Barcelona-Zürich
"Lamentamos profundamente que a nosa decisión interna de revisar as linguas utilizadas nos nosos anuncios [nos voos] provocara tanto escándalo." Esta é a resposta da compañía aérea Swiss Air ao grupo de cataláns establecido en Suíza que destapou a eliminación da lingua catalá do voo Zürich-Barcelona pouco despois das queixas de José Manuel Opazo, militante de UPyD, partido de Rosa Díez.
Fonte: Avui
Bos Aires é o segundo destino mundial máis elixido para os que queren aprender español
A chegada de millóns de estranxeiros, atraídos polos baixos prezos, xerou á súa vez o desenvolvemento dun novo mercado: o do ensino do español. Segundo datos da Dirección de Asuntos Culturais da Chancelería arxentina, en 2004 había uns 50 centros de ensino de español no país. Hoxe, ese cifra sitúase arredor dos 400.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase al boletín