Mundo

Varias institucións mexicanas forman intérpretes para garantir o acceso á xustiza electoral

O Tribunal Electoral do Poder Xudicial da Federación (TEPJF) e o Instituto Nacional de Linguas Indíxenas (INALI) de México asinaron un acordo para formar e acreditar persoas como intérpretes, tradutores e avogados bilingües especializados en xustiza electoral. A iniciativa busca que as comunidades indíxenas poidan comprender os procesos electorais e garantir o seu dereito ao voto en plena igualdade.

Fonte: Gobierno de México

A ONG Adalah denuncia atrancos no voto e falta de papeletas en árabe en varias localidades de Israel

A ONG Adalah denunciou demoras na votación e a ausencia de papeletas en árabe en varias localidades con poboación palestina durante as eleccións lexislativas de Israel. A organización solicitou a intervención urxente das autoridades electorais para garantir o dereito ao voto en condicións de igualdade.

Fonte: Comunidade Cultura e Arte

O festival Escritaria homenaxea o escritor timorense Luís Cardoso na súa 19.ª edición en Penafiel

A localidade portuguesa de Penafiel, no distrito do Porto, acolleu unha nova edición do festival literario Escritaria, dedicada ao escritor timorense Luís Cardoso. O programa incluíu actividades literarias e artísticas, así como propostas centradas en Palestina e nos temas de identidade e resistencia.

Fonte: Observador

Medra a aprendizaxe do español na China a pesar da falta de profesorado

A aprendizaxe do español medra na China cun incremento do 12,6 % entre 2023 e 2025. Porén, a escaseza de docentes dificulta atender o crecente interese polo idioma. 
Fonte: Euronews

O Museo da Terra de Miranda dá prioridade ao mirandés na atención ao público

O Museo da Terra de Miranda reabriu as súas portas tras catro anos pechado por obras. A partir de agora, o mirandés pasa a ser a lingua principal para a acollida do público visitante. As instalacións renovadas incorporan novas salas e conceden unha atención especial á lingua, á identidade e á cultura mirandesas, contribuíndo a dar maior visibilidade a este idioma minoritario falado no nordeste de Portugal.

Fonte: RTP Notícias

Irán impulsa unha estratexia para adaptar a lingua persa á era dixital

O Goberno iraniano asinou un acordo entre catro organismos para coordinar as políticas de promoción do persa e reforzar o seu uso nos ámbitos científico, educativo, cultural e tecnolóxico, especialmente ante os avances da intelixencia artificial. O obxectivo é garantir a presenza do persa nos contornos dixitais e preservar o seu patrimonio cultural. 

Fonte: TV Brics

As dificultades co idioma complican a entrada das empresas lusófonas no mercado chinés

O Círculo de Negocios da Lingua Portuguesa (CNLP, polas súas siglas en portugués) sinala que as diferenzas lingüísticas dificultan a expansión das empresas dos países lusófonos na China. A entidade destaca a necesidade de superar esta barreira e reforzar a cooperación empresarial para facilitar os intercambios comerciais entre os dous espazos.

Fonte: Forbes África Lusófona

A maioría da poboación da Cataluña Norte apoia reforzar o ensino do catalán

Segundo unha enquisa realizada polo Instituto Francés de Opinión Pública (Ifop, polas súas siglas en francés), o 77 % dos habitantes da Cataluña Norte está a favor de ampliar a presenza do catalán no ensino. A análise mostra un importante apoio social á aprendizaxe da lingua propia deste territorio, situado en Francia, onde o francés mantén a posición predominante no sistema educativo.

Fonte: Diari de la Llengua

A Universidade Cornell inaugura unha exposición sobre linguas en perigo de desaparición

A Universidade Cornell, nos Estados Unidos de América, vai inaugurar a exposición Languages at the Brink dedicada a cinco linguas ameazadas de diferentes continentes. A mostra reúne materiais históricos, recursos educativos e exemplos de iniciativas de recuperación lingüística, e destaca a importancia da colaboración coas comunidades falantes para preservar e revitalizar as linguas en perigo.

Fonte: Cornell Chronicle

Italia defende a aprendizaxe do italiano sen renunciar ás linguas de orixe

Unha análise científica do novo decreto escolar italiano reclama que a integración do alumnado de orixe migrante combine a aprendizaxe do italiano co recoñecemento e a preservación das linguas familiares. O texto defende políticas educativas baseadas na investigación, no apoio especializado e na inclusión escolar e social.

Fonte: Linguisticamente

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder