Mundo
A Universidade de Turismo de Macau reforza os seus vínculos con países lusófonos e España

A Universidade de Turismo de Macau está a ampliar a súa cooperación internacional con países de lingua portuguesa e España, con novos acordos de formación e intercambio académico con Mozambique, Angola e institucións españolas. A iniciativa busca reforzar o papel de Macau como ponte entre China e os países de lingua portuguesa e, agora tamén, o mundo hispánico.
Fonte: Correio da Manhã
A cidade de Cork impulsa un novo plan para promover a lingua irlandesa

O Concello de Cork presentou un plan de acción para 2026-2029 destinado a apoiar e ampliar o uso do irlandés. Entre as propostas figuran a creación dun centro cultural dedicado á lingua e a posibilidade de establecer espazos de inmersión lingüística (Gaeltachts) en distintos puntos da cidade.
Fonte: Echo LIVE
A comunidade kurda protesta contra a redución do ensino en kurdo nas escolas de Siria
Centos de estudantes kurdos boicotean o inicio do curso en Siria para protestar contra o plan do Goberno, que limita o ensino en kurdo a tres clases semanais e pon fin á súa utilización como lingua vehicular. Familias, docentes e entidades kurdas reclaman manter o dereito a recibir o ensino na súa lingua, como acontecía nos últimos anos baixo a administración autónoma kurda.
Fonte: Diari de la Llengua
Luxemburgo insta as persoas refuxiadas a aprender as linguas oficiais desde a súa chegada
O ministro de Familia e Refuxiados de Luxemburgo, Max Hahn, anima as persoas solicitantes de asilo a aprender unha ou varias das linguas oficiais do país desde o primeiro día, como vía para facilitar a súa saída dos centros de acollida. O ministro descarta, ao mesmo tempo, aumentar o número de prazas dispoñibles nestas instalacións.
Fonte: Luxembourg Times
Irlanda endurecerá os requisitos lingüísticos para obter a cidadanía
O Goberno irlandés propón esixir ás persoas solicitantes da cidadanía coñecementos de inglés e irlandés, así como unha proba sobre a sociedade e os valores do país. A reforma tamén elevaría de cinco a oito anos o período de residencia necesario para solicitar a cidadanía.
Fonte: Sky news
Os cursos iniciais de catalán en Andorra esgotan as prazas nun só día
As prazas dos cursos presenciais de catalán dos niveis A1 e A2 en Andorra esgotáronse poucas horas despois de abrirse o prazo de inscrición, repetindo a elevada demanda das últimas convocatorias. O interese por aprender catalán aumentou tras a entrada en vigor da Lei da lingua propia e oficial, que establece requisitos de coñecemento do idioma para renovar o permiso de residencia.
Fonte: Diari de la Llengua
S4C crea novos postos para impulsar o cinema e a ficción en lingua galesa
A canle pública galesa S4C nomeou Catrin Cooper como responsable de cinema e Dafydd Llewelyn como responsable de ficción, dous novos cargos destinados a reforzar a súa aposta pola produción audiovisual en lingua galesa.
Fonte: Screen Daily
Publícase o primeiro manual práctico do crioulo de Guinea-Bissau

A traballadora humanitaria portuguesa Joana Pechirra publicou Bu Obi Kriol?!, un manual práctico e de acceso gratuíto para aprender crioulo guineano, nacido das súas propias notas de campo en Guinea-Bissau. A obra busca cubrir a falta de materiais introdutorios e facilitar tanto a aprendizaxe da lingua como o achegamento á cultura local. Ademais, o proxecto pretende combater prexuízos lingüísticos e reforzar a integración social, ao tempo que se converteu nun recurso útil tamén para a diáspora e para persoas interesadas noutras linguas.
A UE volverá debater a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro este mes de setembro
O Goberno español solicitou que a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na Unión Europea volva debaterse no Consello de Asuntos Xerais do 23 de setembro. A iniciativa retómase tras o bloqueo do pasado ano por parte de varios Estados, que alegaron dúbidas xurídicas e prácticas. España defende que a futura ampliación da UE reforza a necesidade de recoñecer tamén linguas oficiais dun Estado membro e comprométese a asumir os custos da medida.
Fonte: El Diario
O departamento francés dos Pireneos Orientais rexeita en consulta cambiar a súa denominación por Pireneos Cataláns
O departamento manterá a denominación de Pireneos Orientais tras unha consulta na que esta opción obtivo o 47 % dos votos, fronte ao 42 % de Pireneos Cataláns. Esta última proposta contaba co apoio de entidades defensoras da lingua, que a consideraban unha oportunidade para reforzar o recoñecemento da identidade catalá do territorio. A votación rexistrou unha participación próxima ao 10 % e o resultado deberá ser ratificado polo Consello de Estado.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín