Mundo

Montenegro afronta un reto lingüístico no camiño cara á Unión Europea

Montenegro aspira a entrar na Unión Europea en 2028, pero podería non ter traducida a tempo toda a lexislación comunitaria ao montenegrino. A Comisión Europea estuda unha excepción temporal que permitiría utilizar outra lingua oficial da UE para cubrir as traducións pendentes, e o croata sería a opción máis probable pola súa proximidade lingüística e pola súa comprensión mutua co montenegrino. 

Fonte: Euronews

A Universidade Católica de Colombia impulsa o portugués como porta de entrada á lusofonía

A Universidade Católica de Colombia desenvolveu un proxecto destinado a promover a aprendizaxe do portugués e o coñecemento das culturas lusófonas entre estudantes, docentes e persoal administrativo. O programa, realizado en colaboración coa Universidade Federal de Ouro Preto, no Brasil, e a Universidade Católica Portuguesa, incluíu cursos presenciais de lingua e permitiu reforzar as competencias lingüísticas, o intercambio intercultural e a internacionalización da comunidade universitaria.

Fonte: Universidad Católica de Colombia

Un pódcast da BBC para aprender córnico gaña tres premios

O pódcast Learn Cornish, da BBC, recibiu tres premios nos Gorsedh Kernow Awards polo seu traballo de promoción da lingua córnica. O programa combina leccións de córnico con conversas sobre a historia e a cultura de Cornualles. O xurado destacou o carácter innovador da iniciativa e a colaboración entre BBC Radio Cornwall e a Oficina da Lingua de Cornualles.

Fonte: BBC

O Goberno e os sindicatos portugueses pactan un novo modelo para o ensino de portugués no estranxeiro

O Goberno portugués e os sindicatos chegaron a un acordo sobre un novo réxime para o ensino de portugués no estranxeiro. O acordo introduce cambios nas condicións e no funcionamento deste ensino e establece novas regras para o profesorado que traballa fóra de Portugal.

Fonte: Público

Os institutos federais brasileiros ofrecen un exame gratuíto de competencia en inglés

Os institutos federais brasileiros ofrecen ao seu alumnado un exame gratuíto para acreditar o seu nivel de competencia en lingua inglesa. A iniciativa, promovida polo Ministerio de Educación en colaboración co Instituto Federal de São Paulo, permite utilizar os resultados en programas de mobilidade e intercambio, bolsas de estudo, procesos selectivos e estudos de posgrao.

Fonte: Governo Federal

Un municipio de Cornualles aposta pola presenza do córnico na sinalización e na vida cotiá

O Concello de Penzance, en Cornualles, aprobou unha política lingüística que promove o uso do córnico na sinalización dos servizos e espazos municipais. A medida contempla a instalación de sinais bilingües cando se renoven os actuais, e anima tamén o persoal municipal a empregar expresións básicas en córnico no seu traballo diario.

Fonte: Voice

Os comisarios lingüísticos de Gales e Irlanda do Norte alertan do impacto dos recortes da BBC

Os comisarios lingüísticos de Gales e Irlanda do Norte mostraron a súa preocupación polos efectos que os recortes da BBC poden ter nos servizos en linguas minorizadas. Segundo sinalan, a radio e a televisión desempeñan un papel fundamental para manter o galés e o irlandés visibles e facilitar o seu uso en ámbitos como a información, o deporte e o entretemento. Reclaman que as necesidades das comunidades lingüísticas sexan tidas en conta nas decisións sobre o futuro destes servizos.

Fonte: Nation Cymru

Un informe europeo destaca o papel das redes sociais no uso das linguas minorizadas

O informe europeo do proxecto FOSTERLANG analiza como as redes sociais poden contribuír a aumentar a visibilidade e o uso das linguas minorizadas, especialmente entre a xente nova. O estudo recolle as experiencias de mozos creadores de contido que empregan estas linguas en vídeos, podcasts e outras publicacións sobre temas diversos. As conclusións destacan o potencial destes espazos dixitais para normalizar o uso das linguas minorizadas na comunicación e no entretemento cotiáns.

Fonte: Diari de la Llengua

Valentín García destaca o “papel fundamental do eido dixital no uso e prestixio da lingua”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no Parlamento Europeo, en Bruxelas, no encontro Celebra a diversidade lingüística en Europa con Google, organizado pola empresa tecnolóxica con motivo do Día Europeo das Linguas. Unha cita a raíz da que destacou “o papel fundamental que teñen as tecnoloxías e o eido dixital no uso e prestixio de todos os idiomas, tamén do galego”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O alemán gaña presenza nas escolas de Lituania mentres diminúe o estudo do ruso

As preferencias lingüísticas do alumnado das escolas lituanas están a cambiar nos últimos anos. O número de estudantes que escollen o ruso como segunda lingua estranxeira nas escolas lituanas diminuíu máis dun 40 % desde o inicio da invasión rusa de Ucraína, mentres que o alemán experimentou un aumento superior ao 50 %. Tamén medrou o interese por outras linguas europeas, como o español e o francés, nun contexto no que a aprendizaxe de linguas estranxeiras está a diversificarse.

Fonte: LRT

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder