Mundo
A Academia da Crusca ofrece gratuitamente un libro para celebrar a Semana da Lingua Italiana no mundo

Do 19 ao 25 de outubro, a XXVI Semana da Lingua Italiana no mundo celebra a creatividade e a capacidade expresiva do italiano baixo o lema "Lingua xenial: idear, proxectar, crear en italiano". Con motivo desta efeméride, a institución ofrece de balde o libro Lingua gentile, lingua geniale, unha obra colectiva que explora a riqueza do italiano, a súa versatilidade e a relación entre lingua, creatividade e cortesía.
Fonte: La Nazione
Profesionais brasileiros en Portugal denuncian casos de discriminación lingüística
Moitos profesionais de orixe brasileira residentes en Portugal denuncian prexuízos contra a súa variedade do portugués. Esta discriminación pode dificultar o acceso ao mercado laboral e pór en cuestión a súa competencia profesional. A situación reabre o debate sobre o peso dos prexuízos lingüísticos e culturais na sociedade portuguesa.
Fonte: The Guardian
Francia estende ao éuscaro a restrición do uso das linguas minorizadas nos plenos municipais
Francia segue a restrinxir o uso das linguas vernáculas rexionais nos plenos municipais. As autoridades francesas prohibiron o uso do éuscaro nos plenos municipais do Concello de Beskoitze, seguindo o criterio aplicado anteriormente na Cataluña Norte. Estas medidas limitan o emprego das linguas propias nos espazos institucionais e reavivan o debate sobre os dereitos lingüísticos e a protección das linguas minorizadas en Francia.
Fonte: Diari de la Llengua
Ponte de Lima promove a aprendizaxe do portugués entre o alumnado migrante
O proxecto "Português Língua Não Materna", impulsado polo Concello de Ponte de Lima, regresou ás escolas neste curso e xa conta con máis de 40 alumnos e alumnas migrantes de diferentes países. A iniciativa está dirixida a alumnado de educación infantil e primeiro ciclo de primaria que aprende portugués mediante actividades lúdicas en pequenos grupos multiculturais. Ao mesmo tempo, o proxecto busca fomentar o respecto pola diversidade cultural, a tolerancia e a empatía.
Fonte: Alto Minho
A presidenta interina de Cabo Verde defende o recoñecemento do portugués como lingua oficial da ONU
A presidenta interina de Cabo Verde, Janira Hopffer Almada, afirmou durante un encontro con escritores que é lexítimo que a comunidade lusófona aspire a que o portugués sexa recoñecido como lingua oficial das Nacións Unidas, debido ao número de falantes e á crecente relevancia internacional dos países lusófonos.
Fonte: Notícias ao Minuto
O Goberno do Xapón potenciará o ensino da lingua xaponesa a persoas estranxeiras
O Ministerio de Educación do Xapón incrementará os programas educativos en xaponés para persoas estranxeiras dado o forte incremento da poboación procedente de fóra do país.
Fonte: The Japan Times
Tres universidades británicas pecharán os seus estudos de linguas modernas en 2026
Tres universidades do Reino Unido, entre elas a de Edimburgo, pecharán varias titulacións de linguas modernas en 2026 por mor da falta de investimento e ao descenso da demanda, unha tendencia que se mantén desde hai anos.
Fonte: The Tab
Porto Rico alerta do impacto dunha proposta para impor o inglés nas escolas infantís
A proposta da administración Trump de establecer o inglés como única lingua de ensino nas escolas infantís de Porto Rico está a xerar preocupación entre educadores e familias. A medida podería prexudicar os nenos e nenas hispanofalantes e debilitar o recoñecemento do español como lingua de uso habitual no territorio.
Fonte: AP News
Ucraína avanza nas negociacións de adhesión á UE tras reforzar os dereitos educativos das minorías lingüísticas
Ucraína deu un novo paso no proceso de adhesión á Unión Europea o 13 de outubro de 2026, ao iniciar negociacións sobre o mercado e os estándares de competitividade, despois de que Hungría retirase as súas obxeccións. O cambio de postura produciuse tras a aprobación polo Parlamento ucraíno dunha lei que amplía os dereitos dos falantes de húngaro e doutras minorías para recibir educación na súa lingua materna. A decisión permite avanzar nas negociacións europeas, un proceso complexo que require reformas e que se ve dificultado pola guerra en curso.
Fonte: Reuters
A Unesco e a Universidade de Stanford impulsan a inclusión dixital das linguas con escasa presenza na rede

A Unesco e a Universidade de Stanford reforzan a súa colaboración coa creación da Cátedra Unesco sobre Futuros Dixitais, destinada a promover a inclusión dixital das linguas menos representadas no ámbito tecnolóxico. A iniciativa centrarase na desenvolvemento de recursos como fontes dixitais, teclados e conxuntos de datos lingüísticos, así como na elaboración de recomendacións para impulsar política que favorezan o multilingüismo e a diversidade lingüística no espazo dixital.
Fonte: UNESCO
Boletín
Subscríbase ao boletín