Mundo

A Unesco toma Gales como referente para impulsar as linguas no mundo dixital

A experiencia de Gales na incorporación do galés ás tecnoloxías dixitais foi incluída nunha nova guía práctica da Unesco destinada a apoiar os servizos dixitais multilingües. O documento ofrece orientación para integrar linguas con poucos recursos, incluídas linguas indíxenas, en páxinas web, aplicacións e servizos públicos. A iniciativa pretende contribuír a que as linguas minoritarias teñan unha maior presenza no ámbito dixital e poidan manterse vivas nas novas formas de comunicación.

Fonte: Llywodraeth Cymru / Welsh Government

O Trinity College crea unha ferramenta en irlandés para facilitar a comunicación de nenos autistas

Investigadores do Trinity College de Dublín desenvolveron Geabaire, unha ferramenta de comunicación baseada en símbolos que permite que nenos e nenas autistas non falantes ou con fala limitada formen palabras e frases en irlandés. A aplicación, gratuíta, está pensada especialmente para facilitar a participación do alumnado nas escolas de ensino en irlandés e constitúe unha das primeiras ferramentas de comunicación deseñadas especificamente para unha lingua minoritaria da UE.

Fonte: Trinity College Dublin

Os medios estonianos piden retirar a prohibición da dobraxe en linguas estranxeiras

Os responsables dos principais medios de Estonia reclaman modificar a Lei de Lingua para permitir novamente a dobraxe e as voces superpostas en linguas estranxeiras. Argumentan que a restrición pode reducir a audiencia, especialmente entre a poboación rusófona, e afectar os ingresos e a competitividade do sector audiovisual. 

Fonte: UA

Luxemburgo debaterá no Parlamento a proposta de esixir o coñecemento do luxemburgués

Unha petición pública que reclama que residentes e traballadores do Luxemburgo aprendan obrigatoriamente luxemburgués superou as 5500 sinaturas necesarias para ser debatida no Parlamento. A iniciativa pretende reforzar o uso da lingua nacional como ferramenta de integración e propón facilitar ou mesmo obrigar os empregadores a ofrecer formación lingüística.

Fonte: Contacto

O portugués incorpórase por primeira vez ao programa de linguas da ONU en Nova York

A ONU comezou a impartir por primeira vez un curso regular de portugués para diplomáticos, funcionariado e persoal asociado da organización en Nova York. A iniciativa, froito da colaboración entre as Nacións Unidas e o Goberno de Portugal, incorpora o portugués ao programa de linguas estranxeiras xunto cos seis idiomas oficiais da ONU. As prazas esgotáronse en menos de 24 horas e foi necesario crear unha lista de espera.

Fonte: ONU News

O español será obrigatorio na oferta educativa das escolas públicas do Río Grande do Norte

As escolas da rede pública estatal do Rio Grande do Norte, no Brasil, deberán ofrecer español desde o 6º curso de educación básica e en todos os cursos do ensino secundario. A medida, establecida pola Lei 12.905, pretende ampliar a formación lingüística do alumnado.

Fonte: Portal Gazeta RN

Unha vila transfronteiriza do Algarve celebra nunha feira a súa diversidade lingüística e cultural

Vila Real de Santo António acolle a terceira edición da Feira das Linguas, unha iniciativa que pon en valor a diversidade lingüística e cultural da Eurocidade do Guadiana. O encontro reúne actividades destinadas a promover o coñecemento e o diálogo entre as diferentes linguas e culturas presentes neste territorio fronteirizo entre Portugal e España.

Fonte: Sulinformação

Tres países da UE opóñense a relacionar a oficialidade do galego, catalán e éuscaro coa futura ampliación comunitaria

Alemaña, Suecia e Lituania rexeitan vincular o debate sobre a incorporación do catalán, o éuscaro e o galego como linguas oficiais da Unión Europea co proceso de ampliación do bloque. A posición destes tres países chega mentres España defende que o recoñecemento das linguas cooficiais se aborde antes da entrada de novos Estados membros na UE.

Fonte: Euronews

O mundo celebra o Día Internacional das Linguas de Signos

O 23 de setembro celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Linguas de Signos, unha xornada impulsada polas Nacións Unidas para reivindicar a identidade lingüística e a diversidade cultural das persoas xordas. Este ano, a celebración chama a sumar esforzos para avanzar na garantía dos dereitos humanos da comunidade xorda.

Fonte: United Nations

A Nación Choctaw crea unha aplicación para facilitar a aprendizaxe da súa lingua

A Nación Choctaw de Oklahoma presentou unha nova aplicación para aprender a súa lingua nativa. A ferramenta é gratuíta tanto para membros da nación como para outras persoas interesadas e incorpora gravacións realizadas con 90 falantes de choctaw, entre eles 32 falantes fluídos. O proxecto pretende facilitar a aprendizaxe da lingua e contribuír á súa transmisión ás novas xeracións.

Fonte: News on 6

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder