Mundo
O Goberno de Gales impulsa a presenza da lingua galesa na intelixencia artificial

O Goberno de Gales asociouse coa empresa de intelixencia artificial Cosine para mellorar a capacidade das tecnoloxías de IA para comprender e procesar a lingua galesa. O Goberno achegará datos, recursos e coñecementos especializados ao modelo Lumen, co obxectivo de facilitar o uso do galés no día a día e reforzar a súa presenza no ámbito dixital.
O Condado de Mayo crea unha bolsa de estudos en memoria da lingüista Oonagh Uí Shúilleabháin
O Condado de Mayo, na República de Irlanda, creou unha bolsa universitaria en memoria de Oonagh Uí Shúilleabháin, antiga responsable da lingua irlandesa no condado e defensora da promoción do irlandés, a inclusión e as artes. A axuda está destinada a estudantes de Mayo que participen na promoción da lingua ou nas artes en irlandés, e inclúe unha bolsa económica de 3000 euros e apoio para desenvolver os seus proxectos.
Fonte: Mayo Live
Unha crónica medieval escrita en irlandés e latín exponse en Cork

Os Anais de Inisfallen, un manuscrito de case mil anos escrito en irlandés e latín, poden visitarse actualmente nunha exposición gratuíta no University College Cork. O documento, conservado durante máis de 250 anos na Universidade de Oxford, recolle acontecementos da historia de Irlanda desde a Idade Media e é tamén unha fonte fundamental para coñecer a evolución da lingua irlandesa. A exposición poderá visitarse ata o 1 de novembro de 2026.
Fonte: Fine Books Magazine
Andorra rexistra un récord de usuarios nos centros de catalán
Os centros de catalán de Andorra rexistraron máis de 22 mil persoas usuarias durante o curso 2025-2026, máis do dobre que no curso anterior, cando foran case 10 mil. A maioría utilizou a modalidade de aprendizaxe acompañada, e o Goberno ampliou os horarios dos centros e promove novas formas flexibles de aprender catalán para responder ao aumento do interese pola lingua.
Fonte: Diari de la Llengua
RFI celebra os 200 anos da fotografía cun proxecto en 17 linguas
A Radio France Internationale (RFI) conmemora os 200 anos da fotografía cun proxecto especial dispoñible en 17 linguas. A iniciativa celebra a historia e a evolución da fotografía e destaca o papel das linguas na difusión internacional da cultura e da información.
Fonte: RFI
Valentín García clausura en Faro o Coloquio Internacional ‘Paisagem, Representaçâo, Perceçâo e Identidade’

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, clausurou na Universidade do Algarve o Coloquio Internacional Paisagem, Representâo, Percecâo e Identidade, celebrado estes días baixo a organización dos Centros de Estudos Galegos das universidades do Algarve, do Minho e de Lisboa, dependentes da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Angola prepara unha lei para reforzar o uso das linguas nacionais
O Consello de Ministros de Angola analizou unha proposta de lei destinada a regular e promover o uso das linguas nacionais do país. A iniciativa pretende reforzar a súa valorización e presenza na sociedade, nun contexto no que Angola busca preservar e promover a súa diversidade lingüística.
Fonte: Jornal de Angola
A China debate se o inglés debe manter o seu peso no ensino
Unha proposta para reducir o papel central do inglés no sistema educativo chinés abriu un debate sobre a importancia desta lingua no país. As persoas que defenden o cambio consideran que se debería dar máis prioridade ao chinés, mentres que outras destacan o valor do inglés para a comunicación internacional e as oportunidades académicas e profesionais.
Fonte: DW
O ensino do coreano medra en Uzbekistán coa apertura dun novo centro en Bukhara
Uzbekistán está a reforzar o ensino do coreano coa creación dun novo departamento universitario e dun centro de formación de profesorado en Bukhara. A iniciativa pretende responder ao crecente interese pola lingua coreana e contribuír á formación de novos docentes.
Fonte: The Korea Herald
O portugués gaña valor como ferramenta para acceder a novas oportunidades nos Países Baixos
Estudos europeos sinalan que o coñecemento de linguas estranxeiras pode supor unha vantaxe laboral nos Países Baixos, aínda que a súa importancia varía segundo o sector e o posto de traballo. O inglés mantén un papel especialmente relevante nos ámbitos internacionais, mentres que outras linguas, como o portugués, tamén poden abrir novas oportunidades no mercado laboral neerlandés.
Fonte: Região Sul
Boletín
Subscríbase ao boletín