Mundo
Un proxecto audiovisual busca preservar as linguas e as memorias do Caribe colombiano
A Universidade Sergio Arboleda, de Santa Marta, Colombia, impulsa unha iniciativa que implica a mocidade de San Basilio de Palenque e da Serra Nevada de Santa Marta na preservación das súas linguas, saberes e relatos culturais. O proxecto emprega recursos audiovisuais e sonoros para documentar e transmitir este patrimonio entre xeracións.
Fonte: Opinión Caribe
O francés entra na disputa comercial entre o Canadá e os Estados Unidos
A protección da lingua francesa converteuse nun dos puntos de desacordo nas negociacións comerciais entre o Canadá e os Estados Unidos. O Goberno canadense rexeitou un acordo que, segundo o primeiro ministro Mark Carney, podía ameazar as garantías lingüísticas e culturais do país, mentres Washington considera algunhas destas normas unha barreira para as empresas estadounidenses.
Fonte: Notícias R7
Un concello portugués impulsa un curso de lingua para a poboación estranxeira
O municipio de Vila Nova de Poiares, no distrito de Coímbra, organizará unha nova edición dun curso de portugués destinado ás persoas estranxeiras residentes no concello. A formación, que comezará en setembro, pretende facilitar a comunicación no día a día e favorecer a integración social e a participación na comunidade local.
Fonte: The Portugal News
Unha exposición percorre os vinte anos do Museo da Lingua Portuguesa
Unha nova exposición conmemora as dúas décadas de historia do Museo da Lingua Portuguesa e repasa a súa traxectoria como espazo dedicado á diversidade, á evolución e á difusión do idioma portugués. A mostra recupera momentos destacados da institución e pon en valor o seu papel na promoción da lingua e da cultura lusófona. Fonte: Boqnews
A historia de Dolly Pentreath revive o debate sobre os últimos falantes do córnico
Un novo libro afonda na figura de Dolly Pentreath, unha das últimas falantes nativas coñecidas do córnico. A obra, escrita por Jan Pentreath, investiga as incógnitas que rodean a súa vida e cuestiona algúns aspectos da súa historia, incluída a súa consideración como "a última falante" da lingua.
Fonte: Voice
Cornualla pide incorporar o córnico aos sinais das estradas
O Consello de Cornualla solicitou ao Departamento de Transporte británico autorización para incluír progresivamente o córnico na sinalización viaria da rexión. A proposta pretende reforzar a presenza pública desta lingua celta e avanzar cara a un modelo de sinalización bilingüe, seguindo o exemplo do galés en Gales.
Fonte: Cornish and Devon Post
Un estudo brasileiro afonda nos factores históricos, sociais e xeográficos do galego

Unha investigación da Universidade de São Paulo analiza a evolución histórica, social e xeográfica da lingua galega a partir de entrevistas realizadas en diferentes localidades de Galicia. O estudo destaca a diversidade dialectal e multilingüe do territorio, así como a influencia das relacións sociais e das percepcións sobre a lingua no seu uso. Tamén aborda a persistencia de prexuízos e xerarquías que tradicionalmente asociaron o galego coa ruralidade.
Fonte: Jornal da USP
A libraría máis antiga especializada en libros en galés salva o peche grazas ao apoio da comunidade
A libraría de Llanrwst, considerada a máis antiga do mundo especializada en libros en lingua galesa, reabriu tras ser rescatada por un proxecto comunitario no que participaron 550 persoas. O establecemento, con máis de sete décadas de historia, regresou ao seu histórico local despois de cinco meses nunha sede provisional.
Fonte: Daily Post
O teatro en galés chega por primeira vez a Nova York
A compañía galesa Theatr Cymru levará a Nova York unha produción en lingua galesa, nun fito para o teatro galés ao converterse na primeira obra deste tipo en realizar unha transferencia aos Estados Unidos. A iniciativa contribúe tamén á proxección internacional da lingua e da cultura galesas.
Fonte: The Stage
O clásico cinematográfico "A guerra das galaxias" fala por primeira vez en galés
O clásico Star Wars: Episode IV – A New Hope (Unha esperanza nova) será dobrado ao galés por primeira vez con motivo do seu 50 aniversario. A versión emitirase na canle S4C e nas súas plataformas a partir do día de Nadal e contará coas voces de coñecidos actores galeses como Matthew Rhys, Rhys Ifans e Aimee-Ffion Edwards.
Fonte: BBC
Boletín
Subscríbase ao boletín