Mundo

Estudantes e docentes reclaman que o kurdo sexa recoñecido como lingua oficial en Siria

Estudantes e profesorado da cidade siria de Al-Hasakah reclamaron que a lingua kurda sexa recoñecida como segunda lingua oficial e incluída na Constitución de Siria. Os manifestantes critican que esta lingua se limite só a dúas horas optativas nas escolas e defenden o dereito das novas xeracións a recibir educación na súa lingua materna.

Fonte: Hawar News

O Consello de Europa pide que Italia continúe protexendo os dereitos das minorías nacionais

O Consello de Europa instou Italia a manter os seus esforzos para preservar e protexer os dereitos de doce minorías lingüísticas nacionais recoñecidas oficialmente. O organismo destaca a importancia de apoiar estas linguas e culturas minoritarias e recomenda reforzar as medidas destinadas á inclusión, á educación e á protección da diversidade lingüística e cultural.

Fonte: Council of Europe

Colombia introduce por primeira vez clases de lingua coreana nas escolas públicas

Colombia incorporará por primeira vez o ensino da lingua coreana no sistema público educativo. A iniciativa busca reforzar os intercambios culturais e educativos con Corea do Sur e ampliar as oportunidades académicas e profesionais do alumnado interesado na lingua e na cultura coreanas.

Fonte: Yonhap News Agency

As Terras Altas de Escocia poderían converterse nunha área de significación lingüística para reforzar o gaélico

O Consello das Terras Altas de Escocia propón declarar a súa rexión como “área de significación lingüística” baixo a nova Lei de Linguas de Escocia para apoiar o gaélico escocés. A medida busca beneficios educativos e económicos e baséase nas zonas de fala gaélica de Irlanda.

Fonte: BBC

A Administración Central Tibetana organiza un curso intensivo de lingua tibetana e filosofía budista

A Administración Central Tibetana con sede na cidade de Dharamshala, na India, organiza un programa intensivo de seis meses dedicado á aprendizaxe da lingua tibetana e ao estudo da filosofía budista. A iniciativa combina formación lingüística e cultural, ofrecendo unha inmersión profunda na tradición e no pensamento budista.

Fonte: Central Tibetan Administration

Un estudo revela que o uso da IA no xornalismo reduce a variedade da linguaxe

O uso crecente de ferramentas de IA no xornalismo está a facer que os textos sexan máis previsibles e menos variados. Esta automatización estilística leva a unha perda de diversidade expresiva e fai que moitas noticias compartan estruturas e formas de redacción moi semellantes.

Fonte: The Coversation

A escaseza de profesores cualificados dificulta o ensino do portugués no Canadá

Un informe advirte de que o ensino do portugués no Canadá está limitado pola falta de docentes formados. Esta carencia afecta ao desenvolvemento do idioma nas escolas e preocupa ás comunidades lusófonas, que consideran necesario reforzar a formación e o apoio institucional para garantir a súa continuidade educativa.

Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

Islandia recibe en Reiquiavik manuscritos raros recuperados desde Suecia

Islandia conseguiu a devolución temporal de varios manuscritos antigos e pouco comúns que estaban en Suecia, e que agora se exhiben en Reiquiavik. Estes documentos teñen grande importancia histórica e lingüística, xa que permiten estudar mellor a tradición literaria islandesa e a evolución da súa lingua ao longo do tempo.

Fonte: Iceland Review

As prácticas actuais coa IA reabren o debate sobre se aprender idiomas segue sendo necesario

O avance das ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á tradución e á comunicación multilingüe está a facer que moitas persoas cuestionen a utilidade de aprender linguas estranxeiras. A posibilidade de traducir case instantaneamente reduce barreiras comunicativas, mais a aprendizaxe de idiomas segue sendo importante para captar matices culturais e contextuais que a IA non sempre interpreta correctamente.

Fonte: The Economic Times

A primeira persoa doutorada en Química en galés impulsa un congreso pioneiro

O químico Owain Beynon, primeira persoa en completar un doutoramento en Química integramente en galés, participa na organización dun novo congreso científico en lingua galesa na Universidade de Cardiff. A iniciativa busca normalizar o uso do galés no ámbito científico e fomentar a investigación académica nesta lingua.

Fonte: Nation Cymru

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder