Mundo

A diversidade e os neoloxismos evidencian a vitalidade do portugués

Varios lingüistas salientaron, con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa, que a diversidade de variantes e a incorporación de neoloxismos son sinais evidentes da boa saúde do portugués, falado por máis de 260 millóns de persoas en todo o mundo. Defenden que o contacto entre as distintas variedades, de Europa, África, o Brasil e Asia, contribúe a enriquecer a lingua e a reforzar unha identidade común, ao tempo que subliñan a importancia de continuar promovendo o seu uso en múltiples ámbitos sociais e institucionais.

Fonte: Observador

Timor Leste inicia as celebracións da lingua portuguesa cunha mostra dedicada a José Saramago

A capital de Timor Leste inaugurou unha exposición dedicada ao escritor portugués José Saramago para dar inicio ás celebracións do Día Mundial da Lingua Portuguesa. A mostra pon en valor unha faceta menos coñecida do autor: a súa poesía. Ao longo da semana celebraranse diversas actividades culturais e educativas vinculadas á lingua portuguesa, co obxectivo de promover a lusofonía e fortalecer a cooperación cultural entre os países de fala portuguesa.

Fonte: Mundo Lusíada 

A China impulsa un plan educativo que ameaza a lingua tibetana

A organización internacional non gobernamental Human Rights Watch denunciou que o Goberno chinés está a aplicar políticas educativas que favorecen o mandarín e reducen progresivamente o uso do tibetano nas escolas infantís. A organización alerta de que o chamado plan de “harmonización lingüística” busca acelerar a asimilación cultural da poboación tibetana, limitando a presenza da súa lingua e identidade nas aulas.

Fonte: Human Rights Watch

O alcalde da capital de Lituania impulsa un requisito de lingua lituana para persoas estranxeiras

O alcalde de Vilnius, capital de Lituania, iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para propor que os cidadáns de fóra da UE teñan que acreditar coñecementos básicos de lituano (nivel A2) para renovar o seu permiso de residencia tras tres anos no país. A medida busca reforzar a integración e promover o uso da lingua vernácula entre a poboación estranxeira residente.

Fonte: Reform

A Unesco promove o portugués como idioma global no Día Mundial da Lingua Portuguesa

A Unesco conmemora o 5 de maio o Día Mundial da Lingua Portuguesa, destacando a importancia do idioma como unha lingua global falada por máis de 300 millóns de persoas en varios continentes. A celebración pon en valor o multilingüismo e a diversidade cultural, e busca reforzar o recoñecemento internacional do portugués como unha lingua en expansión e de grande relevancia global.

Fonte: Camões Instituto da Cooperação e da Língua

Unha exposición en Damasco reivindica o papel de Siria na orixe da escritura

O Museo Nacional de Damasco acolle unha mostra dedicada á evolución da escritura e ao legado do antigo alfabeto de Ugarit. A exposición destaca a relevancia histórica de Siria no desenvolvemento dos primeiros sistemas de escritura.

Fonte: Middle East Online

A BBC lanza un pódcast para impulsar o uso do córnico

A BBC lanzou o pódcast Learn Cornish para promover a aprendizaxe do córnico, unha lingua celta que está a vivir un rexurdimento cultural en Cornualles. A iniciativa chega pouco despois de que o córnico obtivese un maior nivel de protección oficial no Reino Unido, o que obriga as institucións a impulsaren a súa presenza na educación e nos medios.

Fonte: The Guardian

O Correllengua Agermanat culminará en Bruxelas para reclamar a oficialidade do catalán na UE

O Correllengua Agermanat, unha andaina colectiva que conecta distintos territorios de fala catalá e comunidades no exterior, culminará o seu percorrido o 8 de maio en Bruxelas, onde levará a chama da lingua ás institucións europeas para reivindicar a oficialidade do catalán na Unión Europea.

Fonte: Diari de la Llengua

A exposición á contaminación no embarazo asóciase con peor desenvolvemento lingüístico e motor

Un estudo do King’s College de Londres revela que os bebés expostos a altos niveis de contaminación do aire durante o embarazo presentan un desenvolvemento máis lento aos 18 meses, especialmente na linguaxe.

Fonte: King's College London

Un modelo de intelixencia artificial logra traducir todas as variantes do romanche

Un novo sistema de intelixencia artificial desenvolvido nunha universidade de Suíza é capaz de traducir textos en todas as variantes do romanche, unha lingua especialmente complexa. O modelo, chamado Alas, é o primeiro en manexar os distintos “idiomas” desta lingua minoritaria. A innovación supón un avance importante para a súa preservación e uso dixital.

Fonte: Swissinfo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder