Mundo

O Goberno vasco e a Oficina da Lingua Vasca crearán un fondo para impulsar o éuscaro en Iparralde

O Goberno vasco e a Oficina Pública da Lingua Vasca crearán en 2026 un fondo de 2,47 millóns de euros para promover o éuscaro en Iparralde, 540 000 euros máis ca o ano anterior. A iniciativa financiará proxectos e reforzará a cooperación transfronteiriza na promoción da lingua.

Fonte: Euskadi.eus

O Camões lanza unha nova edición do curso de verán de lingua e cultura portuguesas

O Instituto Camões organiza, en colaboración con seis institucións de ensino superior, a sétima edición do curso de verán de lingua e cultura portuguesas, que se desenvolverá en formato dixital entre xuño e xullo de 2026. As inscricións estarán abertas do 5 ao 18 de maio, e o curso comezará o 29 de xuño, cunha duración de catro semanas. Está dirixido a alumnado de todos os niveis (de A1 a C2) e combina formación lingüística e cultural.

Fonte: Bom dia

As probas de xaponés para estudar e traballar no Xapón pechan antes de tempo pola alta demanda

As solicitudes para varios niveis do exame oficial de lingua xaponesa, necesario para estudar ou traballar no Xapón, pecharon antes do previsto polo forte aumento da demanda. A organización adiantou o peche das inscricións por falta de espazos, deixando fóra moitas persoas aspirantes.

Fonte: Japan Wire

Os Emiratos Árabes desenvolven un tradutor multilingüe de lingua de signos con intelixencia artificial

Investigadores dos Emiratos Árabes Unidos crearon unha aplicación baseada en intelixencia artificial que permite traducir en tempo real entre lingua de signos e texto ou fala. A ferramenta facilita a comunicación entre persoas con discapacidade auditiva de distintos países e busca mellorar a inclusión en ámbitos como a educación e o traballo.

Fonte: TV Brics

As linguas do mundo comparten patróns gramaticais universais

Un estudo publicado en Nature Human Behaviour revela que máis de 1.700 linguas presentan normas gramaticais comúns, especialmente na orde das palabras e nas estruturas das oracións. Os investigadores conclúen que as linguas non evolucionan ao chou, senón seguindo patróns previsibles condicionados por factores cognitivos e comunicativos compartidos.

Fonte: Diari de la Llengua

Andorra impulsa o uso do catalán na restauración e en tendas de alimentación

O Goberno de Andorra puxo en marcha unha campaña para fomentar o uso do catalán en bares, cafetarías e tendas de alimentación mediante materiais con vocabulario específico. A iniciativa pretende reforzar a presenza da lingua propia no ámbito comercial e promover o seu valor cultural e identitario.

Fonte: Diari de la Llengua

Alumnado de Iparralde leva ao Parlamento francés a reivindicación de facer o baxoa en éuscaro

Estudantes das ikastolas de Iparralde trasladaron á Asemblea Nacional francesa a súa demanda de poder realizar o exame do baxoa (bacharelato) en éuscaro, denunciando a obrigatoriedade de facelo en francés como unha inxustiza. A iniciativa, compartida con alumnado bretón, busca avanzar no recoñecemento das linguas propias no sistema educativo.

Fonte: Arain

A cidade de Perpiñán promove unha iniciativa para animar a xente a falar catalán na vida diaria

A cidade de Perpiñán acolle o proxecto “Parlem!”, unha iniciativa que durante 24 días busca incentivar o uso do catalán nas conversas cotiás. A proposta crea espazos e dinámicas para que as persoas practiquen a lingua sen medo, empregando distintivos segundo o seu nivel para facilitar a interacción. O obxectivo é romper as barreiras que frean o seu uso social e reforzar a presenza do catalán na vida pública da Cataluña Norte.

Fonte: Diari de la Llengua

Karliin Aariak regresa como comisaria de linguas de Nunavut tras un ano vacante

Karliin Aariak foi nomeada de novo comisaria de linguas de Nunavut, territorio autónomo do Canadá, despois de que o cargo permanecese sen cubrir durante máis dun ano. Aariak, que xa ocupara o posto até 2025, inicia agora un novo mandato de cinco anos tras a aprobación unánime da asemblea lexislativa. A súa función será supervisar a protección dos dereitos lingüísticos nun territorio onde conviven linguas como o inuktitut, o inglés e o francés.

Fonte: Nunavut News

Corea do Sur amplía o uso dunha plataforma con IA para aprender coreano

Corea do Sur estenderá o acceso a unha plataforma pública baseada en intelixencia artificial destinada a estudantes de orixe inmigrante. A ferramenta busca facilitar a aprendizaxe do idioma coreano e mellorar a integración no sistema educativo, respondendo ao aumento da diversidade nas aulas e á necesidade de apoio lingüístico específico.

Fonte: The Korea Herald

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder