Mundo

O galés revive grazas ao aumento de persoas adultas que o aprenden

A lingua galesa está a experimentar un novo impulso debido ao crecente número de persoas adultas que deciden aprendela, superando xa as 20 000. Este aumento, do 12 % nun ano, está especialmente impulsado por xente nova e por programas vinculados ao ámbito laboral. Ademais de mellorar as competencias lingüísticas, a aprendizaxe do galés está ligada ao reforzo da identidade cultural e ao sentimento de comunidade.

Fonte: The Guardian

Gambia incorporará sete linguas nacionais ao ensino primario

Gambia planea integrar sete linguas nacionais no currículo das primeiras etapas educativas como parte dunha nova política lingüística. O obxectivo é mellorar a comprensión e o rendemento do alumnado mediante o uso das linguas maternas nos primeiros cursos, promovendo un sistema educativo máis inclusivo e adaptado á diversidade lingüística do país.

Fonte: APA News

A Universidade de Perpiñán pechará o único mestrado de estudos cataláns

A Universidade de Perpiñán decidiu suprimir a partir do curso 2026-2027 o mestrado de Estudos Cataláns e Transfronteirizos, o único programa universitario en catalán no sistema francés. A medida xerou preocupación entre entidades en defensa da lingua, que alertan de que pode debilitar a formación superior en catalán e dificultar a preparación de futuros docentes e especialistas na Cataluña Norte.

Fonte: Diari de la Lengua

A Universidade Nelson Mandela impulsa unha nova política lingüística centrada no multilingüismo

A Universidade Nelson Mandela presentou a súa nova política lingüística no marco dun encontro sobre multilingüismo celebrado en marzo de 2026. A iniciativa busca promover o uso de múltiples linguas, especialmente as africanas, no ámbito académico e institucional, reforzando a inclusión e a diversidade lingüística. Ademais, a política aposta por integrar as linguas locais no ensino, na investigación e nos espazos dixitais como parte do desenvolvemento educativo e social.

Fonte: Nelson Mandela University

A Universidade de Yale incorporará o catalán á súa oferta académica oficial

A Universidade de Yale, nos EUA, incluirá o catalán no seu programa oficial a partir do próximo curso, ampliando así a súa oferta de linguas. Os estudantes poderán cursar esta lingua dentro do departamento de español e portugués, nunha iniciativa que reforza a presenza do catalán no ámbito universitario internacional e contribúe á súa proxección global.

Fonte: Diari de la Llengua

Burkina Faso aposta polas linguas nacionais para desenvolver a intelixencia artificial

Burkina Faso integrou as súas linguas nacionais na súa estratexia de desenvolvemento da intelixencia artificial co obxectivo de crear tecnoloxías máis inclusivas e adaptadas ao contexto local. O plan inclúe a creación de recursos lingüísticos para varias linguas do país e o desenvolvemento de aplicacións como recoñecemento de voz ou tradución automática.

Fonte: Tech Africa News

O Parlamento Europeo busca correctores lingüísticos para reforzar o multilingüismo

O Parlamento Europeo convocou unha convocatoria para correctores e editores lingüísticos en 12 linguas oficiais da UE, co obxectivo de traballar na súa Dirección Xeral de Tradución en Luxemburgo. A iniciativa busca crear unha bolsa de candidatos para futuros postos como persoal temporal e contratado, en linguas como inglés, francés, alemán, irlandés ou romanés, entre outras.

Fonte: Slator

O alumnado da Queen's University de Belfast apoia masivamente a presenza do irlandés na sinalización universitaria

O alumnado da Queen’s University de Belfast votou de maneira contundente a favor de recuperar a sinalización bilingüe en irlandés e inglés e de outorgar igualdade de status a ambas linguas na universidade. Aínda que a decisión non é vinculante, resulta significativa ao evidenciar un amplo apoio á normalización do irlandés no ámbito universitario..

Fonte: BBC

O ruso vai converterse na primeira lingua estranxeira das escolas cubanas

Cuba planea incorporar o ruso como primeira lingua estranxeira no sistema educativo a partir do curso 2026-2027, no marco dun reforzo das relacións con Rusia. A iniciativa inclúe programas de ensino, profesorado especializado e novos centros educativos, co obxectivo de fortalecer os vínculos culturais e educativos entre ambos países.

Fonte: Cubita NOW

Crean un modelo de intelixencia artificial que pensa directamente en portugués

Investigadores da Universidade de Bonn desenvolveron un modelo de intelixencia artificial chamado Tucano 2, que razoa directamente en portugués. Este sistema busca reducir a dependencia doutros idiomas dominantes na IA e mellorar o acceso tecnolóxico para falantes de linguas con menos recursos, apostando por un desenvolvemento máis equitativo da IA.

Fonte: DW

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder