Mundo
Gales impulsa un cambio profundo no sistema educativo para fortalecer o galés

O Goberno de Gales e a comisaria da Lingua Galesa, Efa Gruffudd Jones, propoñen unha reforma ampla na educación para impulsar o uso do galés. As cifras mostran que o número de falantes diminúe e hai falta de escolas e docentes en galés, polo que reclaman medidas innovadoras e estruturais para garantir o seu uso en todos os ámbitos e poder atinxir o millón de falantes para o ano 2050.
Fonte: Diari de la Llengua
O Consello de Europa publica novos informes sobre as minorías nacionais e as linguas minoritarias en Hungría
O Consello de Europa publicou dous informes sobre Hungría, centrados nas 13 minorías nacionais recoñecidas e no uso das linguas minoritaria. O organismo valora o marco legal e o apoio financeiro existente, pero advirte de carencias na aplicación práctica dos dereitos lingüísticos. Tamén sinala problemas como a segregación escolar da poboación romaní e a necesidade de reforzar a loita contra os delitos de odio. Entre as recomendacións, pide promover a tolerancia, mellorar a inclusión social e fomentar o uso público das linguas minoritarias.
Fonte: Council of Europe
Un estudo evidencia que o ensino bilingüe favorece o desenvolvemento cognitivo en idades temperás
Un estudo publicado na Universidade York de Toronto explica que a educación bilingüe pode ter efectos positivos no cerebro infantil. Evidencias actuais demostran que a exposición regular a dous idiomas desde a infancia mellora habilidades como a atención, a memoria, a flexibilidade cognitiva e a capacidade de resolver problemas.
Autoridades chinesas intensifican a represión contra contidos en lingua tibetana e relixiosos
Un informe elaborado polo medio de comunicación en liña Phayul revela que as autoridades da China están a endurecer as restricións sobre a expresión dixital tibetana na plataforma de redes sociais Kuaishou, censurando publicacións que inclúan escritura ou fala en tibetano, traxes tradicionais e ensinanzas relixiosas. As persoas usuarias enfróntanse a advertencias, suspensións temporais ou eliminación permanente das súas contas se comparten este tipo de contidos.
Fonte: ANI
A policía escocesa aprenderá gaélico para reforzar os vínculos coa comunidade e coa cultura locais
Axentes destinados en varias zonas do centro e norte de Escocia están a recibir formación en lingua gaélica co apoio de Bòrd na Gàidhlig, organismo público de Escocia encargado da súa promoción. A iniciativa busca facilitar o uso do gaélico no traballo policial e fomentar a súa presenza nas institucións públicas, así como reducir as barreiras na relación coa cidadanía e fortalecer a cohesión comunitaria.
Fonte: BBC
Diminúe o número de estudantes que aprenden luxemburgués no Instituto Nacional de Linguas
No último ano lectivo observouse unha caída na inscrición de persoas que estudan luxemburgués no Instituto Nacional de Linguas de Luxemburgo. A lingua máis demandada segue sendo o francés, seguida polo propio luxemburgués, mais é menor o interese ou as matriculacións no idioma luxemburgués en comparación con outros anos.
Fonte. Contacto
O Vaticano traducirá ao catalán as misas da basílica de San Pedro
O Vaticano implantará un sistema baseado en intelixencia artificial que permitirá que os asistentes á Basílica de San Pedro sigan as celebracións litúrxicas en catalán en tempo real, tanto en texto como en audio, sen necesidade de aplicacións adicionais, só co escaneamento dun código QR.
Fonte: Diari de la Llengua
A lingua frisoa deberá aprenderse en todas as escolas da provincia neerlandesa de Frisia
Na provincia neerlandesa de Frisia, a cámara provincial acordou por unanimidade que a lingua frisoa sexa obrigatoria nas escolas primarias e no ensino medio a partir do 1 de agosto. O obxectivo é asegurar que todo o estudantado aprenda e use activamente o frisón, reforzando a súa identidade cultural e lingüística nun contexto de preocupación pola súa reducida utilización fóra do ámbito familiar.
Fonte: NL Times
Gorizia crea unha mesa permanente pola lingua friulana
A cidade italiana de Gorizia crea unha mesa permanente para a protección da lingua friulana, o primeiro do seu tipo na rexión. Este organismo, acordado por resolución municipal, reunirá representantes do goberno local e asociacións da comunidade friulana para debater e promover a presenza social, cultural e lingüística do friulano na vida cotiá da cidade, reforzando o recoñecemento e apoio a esta lingua minoritaria.
Fonte: Telefriuli
Katarina Barruk converte a súa música nunha ferramenta para salvar o saami de Ume
A cantante sueca Katarina Barruk está a levar o saami de Ume, unha das linguas indíxenas máis ameazadas de Europa, con menos de trinta falantes, aos escenarios internacionais. A artista emprega exclusivamente esta lingua nas súas composicións, combinando sonoridades contemporáneas co joik tradicional saami.
Fonte: CN Traveler
Boletín
Subscríbase ao boletín