Mundo

Portugal promove a súa lingua e cultura na Semana do Multilingüismo de Bruxelas

Portugal estivo presente na primeira edición da Semana do Multilingüismo de Bruxelas, onde, da man da Embaixada de Portugal en Bélxica e do Instituto Camões, instalou un expositor para promocionar a lingua portuguesa e a súa cultura, reivindicando o valor da diversidade lingüística no ámbito europeo.

Fonte: Bomdia

A Generalitat de Cataluña incorpora os dez primeiros ditados en liña na variedade de catalán da cidade sarda de L’Alguer

A Generalitat de Catalunya incorporou os primeiros dez ditados en liña autocorrixibles en alguerés, nun fito que amplía os recursos formativos desta variedade do catalán. A iniciativa reforza a colaboración co Alguer e aposta por ofrecer materiais gratuítos e adaptados ás distintas modalidades da lingua. Con esta incorporación, o recurso consolida o seu papel como ferramenta didáctica de referencia, con millóns de consultas anuais.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Letonia e Estonia lanzan un galardón para recoñecer iniciativas que impulsen as súas linguas

Os ministerios de Asuntos Exteriores de Letonia e Estonia anunciaron a convocatoria dun premio anual para recoñecer iniciativas que promovan o letón e o estoniano nos dous países. O galardón, dotado con 5 000 euros, distinguirá persoas ou proxectos destacados na difusión e ensino destas linguas.

Fonte: Ministry of Foreign Affairs Republic of Latvia

A Universidade Central de Venezuela non admitirá máis alumnado para a súa cátedra de lingua portuguesa

A Universidade Central de Venezuela decidiu suspender temporalmente a admisión de alumnado na cátedra de portugués ante a carencia de aulas dispoñibles para impartir as clases. A medida chega malia o elevado interese polo curso, que nos últimos anos figuraba entre os máis solicitados.

Fonte: Notícias ao Minuto

Un coloquio analiza a lingua mirandesa e o seu futuro en Portugal

A Universidade do Porto acolleu o coloquio Lhéngua mirandesa: tradiçon i feturo, no marco do Día Internacional da Lingua Materna. O evento reuniu investigadores e expertos para debater o patrimonio, a vitalidade actual e a importancia da lingua mirandesa, así como a súa promoción e preservación para o futuro.

Fonte: Academia das Ciências de Lisboa

 

Un estudo mostra tendencias mixtas no uso do francés e do inglés no Quebec

Segundo un estudo recente sobre o uso das linguas na provincia canadense do Quebec, a presencia do francés segue estable nalgúns ámbitos sobre todo nas esferas privadas, cunha maioría de residentes que declaran usar o francés tamén fóra do fogar. Con todo, en rexións urbanas como Montreal, o inglés e o uso mixto (francés e inglés) son máis visibles, o que suxire tendencias cambiantes no panorama sociolingüístico.

Fonte: Montreal Gazette

 

 

O mundo conmemora o Día Internacional da Lingua Materna

Como cada 21 de febreiro, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) conmemora en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Materna coa intención de salientar a importancia das linguas como vehículo de identidade, cultura e expresión. Este día tamén pretende promover a diversidade lingüística e cultural e o multilingüismo para construír sociedades máis inclusivas e pacíficas.

Fonte: UNESCO

Un investigador pide a oficialización inmediata do crioulo caboverdiano

O investigador Marciano Moreira defendeu a necesidade urxente de oficializar o crioulo ou lingua caboverdiana, apelando a consensos entre partidos políticos e representantes parlamentarios para recoñecela como patrimonio cultural e símbolo de identidade de Cabo Verde. Subliñou que a demora nesa oficialización atrasaría tamén a afirmación da identidade e a dignidade lingüística do país e destacou o papel da lingua no éxito educativo e na cohesión social.

Fonte: Balai

A televisión británica estrea o seu primeiro programa de citas en lingua de signos

A televisión británica presenta Hold My Hand, o primeiro programa de citas realizado integramente en lingua de signos británica. A serie segue persoas xordas ou persoas de familias xordas nas súas experiencias amorosas, apostando por un formato accesible e inclusivo. O obxectivo é visibilizar a cultura e identidade das persoas xordas.

Fonte: BBC

O turco convértese na segunda lingua máis falada en Alemaña

Segundo datos recentes, o turco é a lingua máis empregada nos fogares alemáns despois do alemán. A estatística reflicte o impacto histórico da migración turca e a crecente diversidade lingüística do país. En Alemaña viven millóns de persoas de orixe turca, o que explica a forte presenza desta lingua na sociedade.

Fonte: Hürriyet Daily News

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder