Mundo
Unha parte dos falantes de irlandés de Irlanda do Norte sente intimidación por empregar a súa lingua
Segundo un informe de Conradh na Gaeilge, arredor do 11 % das persoas que falan irlandés en Irlanda do Norte foron intimidadas ou acosadas por empregar a súa lingua. Os incidentes inclúen insultos en redes sociais e actos vandálicos contra sinais bilingües. Os activistas piden denunciar estes feitos e lembra que o irlandés é unha lingua oficial con protección legal desde 2022.
Fonte: Diari de la Llengua
Un importante xornal en lingua irlandesa lanza a súa versión en liña
Un proxecto liderado pola Universidade de Galway puxo en marcha unha edición dixital de An Gaodhal, un dos xornais máis importantes en lingua irlandesa do século XIX. Fundado en Nova York en 1881 por Mícheál Ó Lócháin, este xornal bilingüe (irlandés–inglés) xogou un papel clave na promoción da lingua e da cultura irlandesas entre a diáspora.
Fonte: Irish Central
Unha catedral do Reino Unido atopa evidencias do uso da lingua de signos no século XVI
A Catedral de Leicester revelou probas de que nunha voda celebrada o 6 de febreiro de 1576 se empregou a lingua de signos. Para conmemorar este feito histórico, a catedral organizou recentemente un servizo especial que incorporou a lingua de signos británica.
Fonte: BBC
O Instituto Camões impulsa un estudo sobre a comunidade de lingua portuguesa en Hungría
O Instituto Camões en Budapest lanzou unha enquisa dirixida á comunidade de lingua portuguesa en Hungría co obxectivo de avaliar o interese en actividades regulares en portugués. A iniciativa pretende recoller datos que permitan deseñar e impulsar futuras propostas educativas.
Fonte: Bom dia
A implantación do kurdo no sistema educativo sirio segue afrontando retos
A implantación do ensino en lingua kurda en Siria afronta importantes retos, como a escaseza de recursos e as tensións políticas. Aínda que o goberno emitiu instrucións para introducir esta lingua vernácula nas escolas, persisten dificultades que impiden garantir unha aplicación real e efectiva da normativa.
Fonte: The Syrian Observer
Corea do Sur endurece o nivel de competencia de lingua coreana para traballadores estranxeiros
Corea do Sur anunciou medidas máis estritas para avaliar a competencia en lingua coreana dos traballadores migrantes. O obxectivo é mellorar a comunicación no lugar de traballo, aumentar a produtividade e garantir unha mellor integración laboral e social das persoas estranxeiras no país.
Fonte: Vietnam.vn
O mundo réndelle homenaxe á lingua grega no seu día internacional

Con motivo do Día Mundial da Lingua Grega, a Unesco e líderes internacionais destacaron a importancia histórica e cultural do grego como base da democracia, das artes e do pensamento europeo. A celebración recoñece a súa influencia na civilización occidental e no patrimonio cultural global.
Fonte: Greek City Times
A Universidade do Miño celebra a súa riqueza multinacional e multilingüe
A Universidade do Miño volve apostar pola diversidade lingüística co acollemento de máis de 200 estudantes procedentes de 38 países, promovendo o diálogo intercultural e a visibilidade das linguas e culturas a través da educación.
Fonte: Mais Guimarães
A televisión pública polaca emitirá un servizo de noticias en romanés para a República Moldova
A radiotelevisión pública de Polonia puxo en marcha unha versión en lingua romanesa do seu servizo informativo para a República Moldova co obxectivo de ofrecer información fiable, combater a desinformación e reforzar o acceso a contidos independentes para a poboación romanófona do país.
Fonte: Polskiego Radia
A República Moldova lanza un programa nacional para aprender romanés
O Ministerio de Educación da República Moldova lanzou un programa nacional para mellorar a aprendizaxe da lingua romanesa entre 2026 e 2028. A iniciativa inclúe formación para docentes, novos materiais didácticos e medidas para reforzar a competencia lingüística do alumnado.
Fonte: Moldpres
Boletín
Subscríbase ao boletín