Mundo

A lusofonía e a lingua portuguesa protagonizan a programación do Convento San Francisco en Coímbra

O Convento San Francisco, en Coímbra, inicia as celebracións dos seus 10 anos como espazo cultural coa programación do primeiro trimestre de 2026 centrada na lusofonía e na lingua portuguesa, combinando música, teatro e actividades para familias e público xeral.

Fonte: As Beiras

Reclaman competencia en español e guaraní para o alumnado estranxeiro de medicina que estude en Paraguai

O Círculo de Médicos de Paraguai solicitou que o estudantado estranxeiro de medicina acredite coñecementos de español e guaraní antes de realizar prácticas clínicas. A demanda busca garantir unha comunicación adecuada cos pacientes e defender o uso das linguas oficiais do país, especialmente tras o veto presidencial a unha norma que flexibilizaba este requisito.

Fonte: Prensa Mercosur

Francia abre a porta a que o exame final de secundaria poida facerse en éuscaro

O Goberno francés comprometeuse a elaborar unha proposta para permitir que o exame final de secundaria, coñecido como baxoa, poida realizarse en éuscaro no País Vasco francés. O anuncio produciuse tras unha reunión entre o ministro de Educación de Francia, Edouard Geffray, e outros representantes institucionais e do movemento a prol da lingua que valoraron o xesto como un avance, aínda que reclamaron medidas máis concretas e prazos definidos.

Fonte: Orain

O Gran dicionario da lingua albanesa xa está dispoñible en liña

A Academia de Ciencias de Albania puxo á disposición do público a versión dixital do Gran dicionario da lingua albanesa, que permite o acceso gratuíto ao maior repertorio lexicográfico deste idioma. Durante un período de nove meses recolleranse achegas e suxestións para mellorar o contido, que serán avaliadas polo equipo redactor antes da publicación da edición impresa definitiva.

Fonte: CNA

Marrocos impulsa a intelixencia artificial local con modelos en darija e tamazight

O Goberno de Marrocos anunciou unha colaboración con Mistral AI para crear modelos avanzados de intelixencia artificial capaces de comunicarse en árabe marroquí (darija) e tamazight ou bérber, e desenvolver chatbots adaptados ás necesidades locais.

Fonte: Morocco World News

O Parlamento polaco aproba o recoñecemento do silesiano como lingua rexional

O Parlamento de Polonia aprobou un proxecto de lei para recoñecer oficialmente o silesiano como lingua rexional. A iniciativa permitiría a súa ensinanza nas escolas e o seu uso na administración local nas zonas onde unha parte significativa da poboación o fala. O texto contou co apoio principal da coalición gobernante, mentres que a oposición conservadora votou en contra.

Fonte: Notes from Poland

Profesorado de xaponés no Reino Unido combate estereotipos e métodos de ensino anticuados

O profesorado de xaponés no Reino Unido está a renovar os métodos de ensino da lingua para cuestionar estereotipos e ideas preconcibidas sobre o Xapón. A través de iniciativas como Descolonizando o Currículo, estes educadores procuran ofrecer nos centros educativos unha visión máis actual, diversa e realista da lingua e da cultura xaponesas.

Fonte: IPC Digital

 

Miranda do Douro reclama designacións inclusivas para a Estrutura de Misión da lingua mirandesa

O Movemento Cultural da Terra de Miranda pediulle ao Goberno portugués que a creación e o funcionamento da Estrutura de Misión para a Promoción da Lingua Mirandesa sexa inclusiva, transparente e representativa de todas as persoas ou colectivos que estudan e promoven o idioma. Tamén mostraron preocupación pola eliminación dunha dotación de 500 mil euros prevista para apoiar o mirandés, o que consideran un retroceso no compromiso co patrimonio cultural e lingüístico da rexión.

Fonte: Jornal de Notícias

O Consulado de Portugal en Lión promove a aprendizaxe do portugués a través da maxia

O Consulado de Portugal en Lión acolleu un espectáculo de maxia que converteu a aprendizaxe do portugués nunha actividade lúdica e creativa para o alumnado de portugués como lingua estranxeira. A iniciativa, froito da colaboración co organismo responsable do ensino do portugués en Francia, permitiu unha aproximación informal á lingua e á cultura portuguesas.

Fonte: Bom dia

Vila Nova de Cerveira reforza a diversidade lingüística con libros en galego, español e inglés

A biblioteca de Vila Nova de Cerveira ampliou o seu fondo con numerosos títulos en galego, español e inglés, co fin de promover a lectura entre a mocidade e reforzar a diversidade cultural e lingüística na rexión. Esta iniciativa responde á proximidade cultural e lingüística con Galicia e á demanda de lectores de distintas linguas, creando un espazo intercultural e facilitando o acceso á literatura infantil e xuvenil en linguas diferentes.

Fonte: Terras do Minho

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder