Mundo
O kurdo está baixo presión constante do Estado turco
Un informe da Plataforma para o Seguimento dos Dereitos da Lingua Kurda sinala que, ao longo de 2025, Turquía documentou máis de setenta violacións aos dereitos lingüísticos e culturais kurdos, con restricións ao uso desta lingua na educación, medios, espazos públicos e institucións, denunciando unha política sistemática contra esta lingua e cultura.
Fonte: El Diari de la Llengua
O Goberno de Irlanda publica un novo plan de acción para reforzar os servizos públicos en lingua irlandesa
O Goberno da República de Irlanda publicou unha estratexia para mellorar a prestación dos servizos públicos en lingua irlandesa, con especial atención ás zonas da Gaeltacht. O novo plan de acción recolle diversos compromisos para garantir servizos de calidade ás persoas falantes de irlandés, entre os que destaca a obriga de que o 20 % das novas contratacións do sector público sexan competentes en irlandés antes de 2030.
Fonte: RTÉ
Un concurso literario reúne arredor de 150 autores mozos lusófonos
A cuarta edición do Concurso Literario “As minhas férias”, organizado pola Asociación Internacional de Lusodescendentes en colaboración coa editorial Leya, celebrouse co tema Mozambique como destino literario, destacando a diversidade cultural e paisaxística do país e a súa relevancia para o futuro da lingua portuguesa. Ao redor de 150 participantes presentaron textos que describen experiencias, imaxes e reflexións sobre o país africano, abordando temas como paisaxes, historia, desigualdades sociais e medio ambiente.
Fonte: Jornal Comunidades
DeepL incorporará o galés á súa plataforma lingüística de intelixencia artificial
A empresa de tradución e tecnoloxía DeepL anunciou que engadirá a lingua galesa como idioma admitido na súa plataforma de intelixencia artificial, o que reflicte o crecente interese da empresa en valorar e apoiar linguas europeas históricas e minoritarias dentro das aplicacións avanzadas de tradución automática.
Fonte: News from Wales
O Río de Xaneiro lanza un programa municipal para ensinar mandarín e promover a cultura chinesa nas escolas públicas
A Cámara Municipal do Río de Xaneiro aprobou unha lei que establece un programa municipal para impulsar o ensino da lingua e cultura chinesas entre o alumnado da rede pública e a poboación en xeral. O programa incluirá actividades presenciais e virtuais en escolas, centros culturais e espazos comunitarios.
Fonte: Agência Brasil China
Casaquistán presenta o maior modelo de recoñecemento automático da fala para linguas túrquicas
Casaquistán deu a coñecer o maior modelo de recoñecemento automático da fala (ASR) desenvolvido especificamente para linguas túrquicas, un fito destacado no ámbito da intelixencia artificial en Asia Central. O sistema, creado co apoio institucional do Ministerio de Intelixencia Artificial, recoñece as seguintes linguas: casaco, turco, kazako, turco, uzbeko, kirguiz, azerí e tártaro.
Fonte: Azernews
Un proxecto liderado por lingüistas revitaliza a lingua siPhuthi en Lesotho
A lingua siPhuthi, falada por apenas uns poucos miles de persoas no sur de Lesotho e parte de Suráfrica, experimentou un renacemento importante tras anos de traballo con lingüistas e activistas que documentaron relatos e acordaron unha forma escrita. En agosto de 2025, o siPhuthi foi recoñecido oficialmente en Lesotho, o que fortaleceu a identidade cultural da comunidade e axudou a impulsar proxectos como o da tradución da Biblia.
Fonte: The Guardian
Siria recoñece o kurdo como lingua nacional e amplía os dereitos da súa comunidade lingüística
O presidente sirio, Ahmed al Sharaa, asinou un decreto que converte o kurdo en lingua nacional en Siria, restaurando a cidadanía daquelas persoas kurdas que a perderan no pasado. O decreto busca protexer a diversidade cultural e lingüística do país e permite, entre outros dereitos, a ensinanza do kurdo nas escolas.
Fonte: TRT World
Andorra aplica as primeiras sancións económicas por incumprimentos da lei do catalán
O Goberno de Andorra impuxo as dúas primeiras multas a establecementos que non respectaron a nova lei da lingua propia e oficial. En 2025, rexistráronse unhas 100 queixas por posibles incumprimentos da normativa lingüística.
Fonte: Diari de la Llengua
A comunidade portuguesa destaca na formación lingüística de Luxemburgo
Segundo datos publicados en sede parlamentaria, os portugueses destacaron como os que máis cursos de francés realizan en Luxemburgo e tamén ocupan o segundo lugar en inscricións para cursos de luxemburgués, por detrás dos franceses. Esta tendencia reflicte a forte presenza da comunidade portuguesa no país e o interese en aprender as linguas locais para facilitar a integración e as oportunidades educativas e profesionais.
Fonte: Contacto
Boletín
Subscríbase ao boletín