Mundo
Alxeria despraza o francés en favor do inglés no ensino e noutros ámbitos da vida
O goberno alxeriano continúa reducindo o uso do francés, tanto nas aulas como nas institucións públicas. As reformas educativas eliminarán o francés das escolas de medicina a partir de 2025, mentres que nas escolas primarias e secundarias xa se reduciron as horas dedicadas a esta lingua.
Fonte: Le Monde
Turquía aposta polo alemán como lingua clave para a formación e o emprego
O interese polo alemán está a aumentar en Turquía, especialmente entre a mocidade. O idioma converteuse na segunda lingua estranxeira máis demandada despois do inglés, con 35 centros públicos que xa imparten docencia en alemán.
Fonte: DW
O Goberno de Gales lanza un plan para preservar a toponimia en galés
O Goberno de Gales presentou un novo plan para protexer os nomes de lugares en galés, incluíndo a creación dunha páxina web onde a cidadanía poderá rexistrar nomes históricos ausentes nos mapas en liña.
Fonte: Nation Cymru
A cidade de Belfast aproba unha lei histórica para promover o irlandés
O Concello de Belfast aprobou un proxecto de lei histórico para promover o uso do irlandés na vida pública, incorporándoo, xunto co inglés, á sinalización municipal e promovendo o seu coñecemento e aprendizaxe.
Fonte: RTÉ
Cada vez máis mozos surcoreanos apostan por aprender linguas pouco comúns
En Corea do Sur está a medrar con forza o interese por aprender as chamadas “linguas estratéxicas”. Decenas de miles de persoas, sobre todo mozos e mozas de entre 20 e 30 anos, están a inscribirse en cursos en liña gratuítos de ucraíno, portugués, persa ou turco. Moitos aseguran que a súa motivación nace da curiosidade, das ganas de coñecer novas culturas ou do soño de vivir e traballar no estranxeiro.
Fonte: The Korea Times
O caso dos dialectos gregos mostra que a intelixencia artificial non basta para salvar linguas en perigo
Recentes estudos constatan que a intelixencia artificial non é a solución para revitalizar linguas minoritarias. O caso grego, con dialectos como o tsakonio, mostra que sen comunidades activas e transmisión xeracional, as tecnoloxías non poden deter a súa desaparición, especialmente cando o corpus oral e escrito destas linguas na rede é tan escaso.
Fonte: Greek City Times
O goberno do Quebec veta a linguaxe inclusiva nos seus documentos oficiais en francés
O goberno do Quebec aprobou unha medida para prohibir o uso de formas neutras e inclusivas nos textos oficiais en francés, como "iel" ou composicións tipo "étudiant.e.s", alegando que esas innovacións causan confusión e afectan a claridade da comunicación pública.
Fonte: CBC
A creación literaria en portugués amplía horizontes con traducións a 41 idiomas

A iniciativa LATE (Liña de Apoio á Tradución e á Edición), promovida pola Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura de Portugal e polo Instituto Camões, destinará este ano axudas a 152 obras de máis de 80 autores e autoras en lingua portuguesa para seren traducidas a 41 idiomas, coa colaboración de 103 editoriais de 43 países. Entre as linguas de destino destacan o español, o italiano, o francés, o árabe e o inglés e incluiranse obras de autores clásicos como Camilo Castelo Branco e Fernando Pessoa.
Fonte: Comunidade Cultura e Arte
Unha cidade brasileira recoñece o idioma indíxena maxakali como segunda lingua oficial
O municipio brasileiro de Teófilo Otoni (Minas Xerais) aprobou unha lei que declara o idioma indíxena maxakali como segunda lingua oficial do concello. A medida incluirá o ensino da lingua nas escolas municipais e busca fortalecer os dereitos desta comunidade tras séculos de loita e resistencia.
Fonte: Estado de Minas
España acepta na ONU recomendacións para garantir os dereitos lingüísticos
En ocasión do Exame Periódico Universal das Nacións Unidas, o Estado español aceptou, por primeira vez, seguir as recomendacións relativas aos dereitos das comunidades lingüísticas autóctonas. Entre esas medidas figuran a promoción da diversidade lingüística, a loita contra a discriminación lingüística e o reforzo da educación e uso das linguas locais.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín