Mundo
Crece a preocupación en Gales pola suposta discriminación que sofren os presos que falan galés
Varios presos da prisión galesa de HMP Berwyn, en Wrexham, denunciaron ante investigadores das universidades de Cardiff e Liverpool que o persoal lles impedía falar galés e un deles afirmou que mesmo se lle prohibiu empregar o galés nunha reunión privada co seu avogado. A Comisaria da Lingua Galesa, Efa Gruffud Jones, expresou a súa preocupación, sinalando que os feitos revelan unha falta de respecto polos dereitos lingüísticos básicos nos centros penitenciarios.
Fonte: BBC
As escolas Bressola instan os candidatos ás eleccións municipais da Cataluña Norte a se comprometeren co catalán
As escolas de inmersión en catalán da Cataluña Norte iniciaron unha campaña dirixida aos candidatos das eleccións municipais de 2026 para coñecer o seu compromiso coa lingua, coa cultura e co modelo de inmersión lingüística. A iniciativa busca que os futuros responsables municipais se posicionen claramente sobre a defensa e promoción do catalán no territorio de administración francesa.
Fonte: Diari de la Llengua
O Departamento de Linguas e Culturas da Universidade de Aveiro fai 50 anos
O Departamento de Linguas e Culturas da Universidade de Aveiro celebrou o seu 50 aniversario cunha cerimonia que incluíu a plantación simbólica dunha magnolia, reivindicando a lingua como un verdadeiro “activo global”.
Fonte: Diário de Aveiro
Os Países Baixos lideran o dominio do inglés no mundo

Segundo o Índice de Competencia en Inglés EF, os Países Baixos continúan a ser, por sétimo ano consecutivo, o país cuxos cidadáns mellor dominan o inglés como lingua estranxeira, seguidos por Croacia e Austria.
Fonte: EuroNews
A Universidade de Exeter lanza unha campaña para revitalizar o estudo de linguas modernas no suroeste británico
A Universidade de Exeter, no Reino Unido, lanzou unha iniciativa a través do programa Languages For All para combater a caída no número de estudantes que escollen linguas modernas como materia de estudos nas zonas de Cornwall e Devon.
Fonte: University of Exeter
A ONU celebra o Día Mundial da Lingua Árabe e destaca a necesidade de promover un árabe máis inclusivo

O Día Mundial da Lingua Árabe 2025 pon o foco na importancia da innovación e da inclusión para construír un futuro máis dinámico para o árabe, baixo o lema “Camiños innovadores para o árabe: políticas e prácticas para un futuro lingüístico máis inclusivo”. O evento, organizado pola UNESCO o 18 de decembro de 2025, destaca o papel da educación, a tecnoloxía e os medios de comunicación.
Fonte: United Nations
Andorra aproba un Plan de Acción Nacional para a Lingua até 2028
O Consello Nacional da Lingua de Andorra aprobou un plan trienal (2026–2028) con 22 medidas para protexer, promover e normalizar o uso do catalán en todos os ámbitos. O documento prevé reforzar o coñecemento e o uso do catalán e realizar unha campaña para fomentar o hábito de falar a lingua oficial entre as persoas recentemente chegadas ao país.
Fonte: Diari de la Llengua
O gaélico e o scots obteñen status oficial en Escocia
O pasado 30 de novembro de 2025, día de Santo André, a Lei de Linguas Escocesas recoñeceu oficialmente o gaélico e o scots como idiomas de Escocia. A lei permitirá, entre outras cousas, que as familias poidan solicitar escolas en gaélico na súa zona, e instaura “áreas de relevancia lingüística” para apoiar comunidades de falantes, como parte de medidas de promoción da lingua e revitalización cultural.
Fonte: Grand Pinnacle Tribune
Unha nova app mestura tecnoloxía e aprendizaxe para impulsar o quechua‑Collao en escolares rurais
A Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) lanzou a aplicación gratuíta "Lenguas OEI", coa intención de revitalizar e promover a lingua quechua‑Collao nas rexións rurais do Perú.
Fonte: El Español
O córnico terá o mesmo status protexido que o galés, o irlandés e o gaélico escocés
O goberno británico permitirá que o córnico, lingua celta de Cornualles, teña o mesmo recoñecemento que o galés, o irlandés e o gaélico escocés, tal como se establece na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. A decisión marca un fito histórico para a preservación da identidade e da cultura de Cornualles.
Fonte: The Guardian
Boletín
Subscríbase ao boletín