Mundo

Inaugúrase no Nepal o primeiro centro de lingua chinesa e habilidades profesionais

No val de Katmandú (Nepal) inaugúrase o primeiro centro dedicado á lingua chinesa e ás habilidades profesionais, con especial atención ás tecnoloxías eléctricas. O obxectivo é formar talento local con dominio do chinés e capacidades técnicas avanzadas.

Fonte: Xinhua

Unha ferramenta de Google permite xa traducir conversas en tempo real en catalán, galego e éuscaro

Google Translate ampliou a función de tradución de conversas en tempo real ao incorporar o catalán, o galego e o éuscaro entre os 71 idiomas dispoñibles. Esta ferramenta facilita a comunicación oral con tradución simultánea en audio e texto.

Fonte: Diari de la Llengua

Unha exposición dálles protagonismo por primeira vez ás voces indíxenas tras 160 anos do asentamento galés na Patagonia

En 1865 chegou á Patagonia arxentina unha expedición galesa co obxectivo de preservar a súa lingua e cultura, fundando Y Wladfa. A exposición dixital trilingüe History cuestiona a visión idealizada da relación cos pobos Tehuelche e dálles protagonismo, por primeira vez, ás voces indíxenas sobre o impacto da colonización.

Fonte: The Conversation

Paraguai crea un arquivo dixital bilingüe para preservar o guaraní

Paraguai presentou o ambicioso Proyecto Guaraní-Revista Ysyry, que inclúe un arquivo dixital e unha antoloxía bilingüe para preservar a lingua e a cultura guaraní. A iniciativa busca protexer este patrimonio lingüístico mediante un formato moderno e accesible.

Fonte: UPI

A Cataluña Norte rexeita recortes e reclama maior presenza do catalán na escola

Unha enquisa do Instituto Francés de Opinión Pública (IFOP), mostra que o 87 % dos habitantes da Cataluña Norte quere o recoñecemento das linguas propias e o 64 % apoia o ensino obrigatorio do catalán. A Asociación para o Ensino do Catalán (APLEC) pide ás familias que soliciten esta formación nas escolas, lembrando que a lei garante este dereito. Reclámase ademais ao Estado francés cumprir os acordos que prevén a extensión progresiva do catalán no ensino.

Fonte: Diari de la Llengua

Irlanda do Norte designará comisarios para o gaélico irlandés e o escocés do Úlster

En Irlanda do Norte, os primeiros comisarios da lingua irlandesa e do escocés do Úlster serán confirmados nas próximas semanas. O posto de comisario para o irlandés foi ofrecido a Pól Deeds, directivo de Foras na Gaeilge, mentres que o exconcelleiro unionista de Belfast, Lee Reynolds, foi proposto como comisario do escocés do Úlster.

Fonte: BBC

Unha escola de Benín impulsa o ensino do aja para reforzar a identidade fronte á colonización

Na comuna de Kloukname, no suroeste de Benín, a escola Saint Salomon imparte un ensino bilingüe en francés e aja, lingua nativa e símbolo de resistencia á herdanza da colonización francesa. A iniciativa busca preservar a cultura e lingua locais desde a infancia nun país onde o francés é idioma oficial mais é só dominado por apenas o 35 % da poboación.

Fonte: BdF

 

O español supera o francés como lingua máis popular nos exames do ensino secundario obrigatorio no Reino Unido

Por primeira vez, o español converteuse na lingua estranxeira máis estudada nos exames GCSE no Reino Unido, superando ao francés. As inscricións en español aumentaron un 25 % desde 2020, con máis de 136 000 alumnos, mentres que o francés se mantivo arredor dos 133 000.

Fonte: The Guardian

En Alemaña a minoría soraba mobilízase para salvar a súa lingua da extinción

En Budyšin (Bautzen), no leste de Alemaña, a minoría soraba loita por manter viva a súa lingua, a máis occidental das eslavas. Menos de vinte mil persoas falan hoxe sorabo, que a Unesco considera en perigo de extinción. Programas infantís como o centro Witaj, a sinalización bilingüe e o apoio estatal axudan, mais o futuro depende da transmisión familiar.

Fonte: VilaWeb

Publican o primeiro manual de lingua ucraína para falantes de finlandés

A casa editorial Oppian publicou o primeiro manual de lingua ucraína para falantes de finlandés que permitirá que se poida aprender o idioma eslavo sen pasar antes polo inglés.

Fonte: United 24

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder