Mundo

O escritor mexicano Gonzalo Celorio recibe o Premio Miguel de Cervantes 2025

Gonzalo Celorio (Cidade de México, 1948), director da Academia Mexicana da Lingua, foi galardoado co máximo recoñecemento da literatura en lingua española, o Premio Miguel de Cervantes 2025, que lle foi outorgado pola súa "obra literaria excepcional e labor intelectual con que contribuíu de forma profunda e sostida ao enriquecemento do idioma e da cultura hispánica".

Fonte: El Castellano

As entidades pola defensa das linguas minoritarias en Francia únense en asociación

O colectivo "Perquè visquin les nosses llengües", que agrupa as principais entidades que loitan polas linguas minorizadas en Francia, constitúese formalmente en asociación para reforzar a súa acción conxunta fronte ás políticas que ameazan a diversidade lingüística. A enquisa do Instituto Francés de Opinión Pública revela que o 77 % dos habitantes do Estado francés apoia o recoñecemento das linguas rexionais, unha cifra que sobe ao 87 % na Cataluña Norte.

Fonte: Diari de la Llengua

O goberno de Minas Xerais lanza un programa para fomentar o ensino de idiomas

O goberno do estado brasileiro de Minas Xerais, a través da Secretaría de Estado de Educación presentou o proxecto “Minas Bilíngue”, que ten como obxectivo desenvolver en escolas públicas a competencia nunha segunda lingua, valorizar a diversidade cultural e preparar o alumnado para actuar de maneira crítica nun mundo globalizado. A iniciativa contempla tamén intercambios internacionais e formación docente.

Fonte: Agência Minas

A Universidade de Nottingham suspende todos os cursos de linguas modernas

A Universidade de Nottingham, no Reino Unido, decretou a suspensión de todos os graos e cursos de linguas modernas e música para novo alumnado.

Fonte: BBC

 

O idioma galés chega ao Globe da man de Romeo e Xulieta

A compañía galesa Theatr Cymru presentará unha versión bilingüe en inglés e galés de Romeo and Juliet de William Shakespeare, e protagoniza un fito histórico: por primeira vez o idioma galés soará no mítico teatro londiniense Globe. Nesta versión, a familia Montague fala galés mentres que os Capuleto falan inglés, o que xera tensión dramática e unha reflexión sobre a lingua e sociedade.

Fonte: BBC

A capital de Eslovenia organiza un acto dedicado á lingua portuguesa

A Facultade de Letras da Universidade de Liubliana (Eslovenia) organiza un evento dedicado á figura de Luís de Camões e á lingua portuguesa, co obxectivo de promover o idioma e a lusofonía nun contexto internacional, así como de fortalecer os lazos culturais e académicos entre Portugal e o país balcánico.

Fonte: Bom dia

A obra "Mensagem" de Fernando Pessoa tradúcese á primeira lingua de Timor Leste

Mensagem, a obra emblemática de Fernando Pessoa foi traducida por primeira vez ao tetún, lingua oficial de Timor Leste. A edición busca achegar o clásico portugués ao público timorense e reforzar os vínculos culturais entre ambos territorios lusófonos.

Fonte: Correio da Manhã

O polaco destaca entre as linguas mellor comprendidas pola intelixencia artificial

Un estudo elaborado pola Universidade de Maryland e Microsoft revelou que, de 26 linguas analizadas, o polaco é o idioma mellor comprendido polas ferramentas de intelixencia artificial. O portugués ocupa a oitava posición e o inglés a sexta. 

Fonte: SIC Notícias

A Universidade Federal de Río Grande do Sur ofrece un curso de guaraní

A Universidade Federal do Rio Grande do Sur (Brasil), en colaboración co Instituto Latinoamericano de Estudos Avanzados, pon en marcha un curso de guaraní co obxectivo de fortalecer e promover esta lingua e cultura, favorecendo a súa preservación e valorización. A iniciativa inclúe cinco encontros presenciais e unha experiencia informativa nunha comunidade indíxena.

Fonte: UFRGS

Unha deputada presenta unha iniciativa para traducir información sobre o cancro de mama a 68 linguas indíxenas de México

A Comisión de Igualdade de Xénero da Cámara de Deputados de México presentou unha iniciativa de lei que procura garantir que a información sobre a prevención e a detección temperá do cancro de mama sexa traducida ás 68 linguas indíxenas recoñecidas polo Estado mexicano.

Fonte: Mundo Ejecutivo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder