Mundo
S4C retransmitirá en galés os partidos de Gales no Seis Nacións durante os próximos catro anos

A canle pública S4C asinou un novo acordo de catro anos co Six Nations Rugby que garante a retransmisión en lingua galesa de todos os encontros da selección de Gales neste torneo, tanto na categoría absoluta como na sub-20. O convenio reforza o compromiso da canle coa promoción da lingua galesa.
Fonte: 6Nations Rugby
O Senado francés alerta que as linguas rexionais poden extinguirse nunha ou dúas xeracións

A Comisión de Cultura, Educación, Comunicación e Deporte do Senado francés advertiu, nun informe elaborado catro anos despois da aprobación da lei de protección patrimonial e promoción das linguas rexionais, que os idiomas minoritarios de Francia están en perigo de extinción inminente e que, sen cambios drásticos, poderían desaparecer nunha ou dúas xeracións.
Fonte: Diari de la Llengua
Créase un lectorado de lingua romanesa na Universidade de Cambridge
A embaixada de Romanía en Londres anunciou a creación dun lectorado de lingua romanesa na Universidade de Cambridge, dentro da Facultade de Linguas Modernas e Lingüística. O proxecto está financiado polo Goberno de Romanía, a través do Ministerio de Educación Nacional e do Instituto da Lingua Romanesa.
Fonte: Romania Journal
Rusia e Laos reforzan a cooperación internacional por medio do ensino da lingua rusa
Serguei Malichev, director de Cooperación Internacional do Ministerio de Educación ruso, confirmou que o interese do Laos pola lingua rusa fortalece os lazos culturais, económicos e educativos entre os dous países.
Fonte: TV Bricks
O Ministerio da Cultura de Cabo Verde ofrece unha formación sobre a lectura e a escrita da lingua caboverdiana
O Ministerio de Cultura de Cabo Verde organiza unha formación para promover o coñecemento da escrita do crioulo caboverdiano e reforzar o seu uso como lingua de identidade nacional.
Fonte: Expresso das Ilhas
Inaugúrase en Erbil un centro de lingua persa para fortalecer vínculos culturais
O goberno iraniano, xunto coa administración rexional do Kurdistán, inaugurou un centro de aprendizaxe de persa en Erbil para atender a demanda de investigadores e estudantes que usan fontes nesta lingua. O obxectivo é estreitar as relacións culturais, académicas e comerciais entre ambas as rexións.
Fonte: Rudaw
O Reino Unido reforza os requisitos de inglés para as persoas migrantes
O Goberno británico revisará as súas políticas migratorias e reforza os requisitos de inglés para quen queira establecerse no país. A medida forma parte dunha reforma máis ampla do sistema migratorio e busca favorecer a integración. Porén, empresarios temen que poida provocar escaseza de persoal en sectores clave.
Fonte: Financial Times
O mundo celebra a Semana da Lingua Italiana

A Semana da Lingua Italiana no Mundo é un acontecemento de promoción do italiano como lingua da cultura clásica e contemporánea que a rede cultural e diplomática do Ministerio italiano de Asuntos Exteriores organiza cada ano cunha ampla programación cultural e artística. O lema deste ano é "Italofonía: a lingua máis alá das fronteiras".
Fonte: Radio Capodistria
Felipe VI inaugura o X Congreso Internacional da Lingua Española en Arequipa
O rei Felipe VI presidirá o acto inaugural do X Congreso Internacional da Lingua Española (CILE) en Arequipa, Perú, no marco dun encontro que reunirá expertos internacionais en lingüística, literatura e humanidades.
Fonte: Europapress
O goberno británico inviste un millón de libras para evitar que os fillos de militares aprendan galés
O Ministerio de Defensa do Reino Unido destina arredor dun millón de libras esterlinas anuais a enviar fillos de persoal militar a colexios privados no norte de Gales, co argumento de garantir a súa “mobilidade”, xa que nas escolas públicas a docencia se imparte total ou parcialmente en galés. A información, revelada pola BBC, xerou polémica e foi cualificada polos independentistas galeses como un “insulto” á lingua galesa.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín