Mundo
Celébrase en Guinea-Bissau o I Congreso Internacional do Ensino da Lingua Portuguesa
O ensino da lingua portuguesa xunta na Guinea-Bissau ao longo de tres días persoas expertas de varios países lusófonos co obxectivo de fortalecer a cooperación científica e contribuír á mellora do sistema educativo guineano.
Vilnius amplía as clases de lituano nas escolas primarias a partir de 2026
O Concello de Vilnius decidiu que, a partir do próximo curso, as escolas primarias de minorías nacionais terán polo menos seis horas semanais de lingua e literatura lituana, co obxectivo de mellorar o dominio do idioma vernáculo e os resultados académicos.
Fonte: LRT
A intelixencia artificial podería devolverlle a voz á lingua ainu, case extinguida, no Xapón
Máis dun século despois da colonización, a lingua ainu estivo a piques de desaparecer. Hoxe, grazas a vellas gravacións, a intelixencia artificial podería axudar a salvar este idioma do norte do Xapón da extinción.
Fonte: BBC
Gales impulsa medidas para reforzar a lingua galesa nas súas zonas máis tradicionais

O Goberno galés anuncia un plan para frear o declive do idioma nas áreas onde tradicionalmente ten maior presenza, como Anglesey, Gwynedd, Carmarthenshire e Ceredigion. As medidas inclúen mellorar o acceso á educación en galés e ofrecer máis orientación no uso da lingua en ámbitos como a vivenda, a economía e o desenvolvemento comunitario.
Fonte: BBC
O portugués segue sendo unha lingua minoritaria en Guinea-Bissau
Segundo o ministro de Educación de Guinea-Bissau, menos do 5 % da poboación emprega o portugués no seu día a día. A maioría comunícase en crioulo, o que evidencia a escasa presenza social do portugués fóra do ensino. O Goberno traballa en iniciativas para aumentar o uso da lingua oficial no país.
Fonte: Forbes África Lusófona
Nace unha ferramenta dixital para explorar a prensa literaria en portugués
O Programa de Posgrao en Letras da Universidade Federal do Rio Grande (FURG) presentou un dicionario electrónico que recolle información sobre autores, xornais e publicacións literarias de diferentes países lusófonos. O recurso pretende facilitar o acceso e estudo da tradición xornalística literaria en lingua portuguesa.
Fonte: FURG
Créase un novo premio para a poesía traducida ao inglés que busca aproveitar o crecemento da literatura internacional

As editoras Fitzcarraldo Editions, Giramondo Publishing e New Directions lanzan un premio para recoñecer a mellor colección de poesía traducida ao inglés. O galardón busca dar visibilidade a voces poéticas innovadoras de todo o mundo e ampliar a diversidade na poesía en inglés.
Fonte: The Guardian
Andorra suaviza as esixencias de coñecemento de catalán para o persoal sanitario
O Goberno de Andorra propón flexibilizar os requisitos de catalán para persoal sanitario e permitirá autorizacións provisionais de até dous anos a quen estudase no país, aínda sen ter o certificado oficial.
Fonte: Diari de la Llengua
A BBC lanza un novo servizo de noticias en lingua polaca
Co obxectivo de contrarrestar a desinformación crecente nos medios de comunicación, a BBC acaba de crear un novo servizo de noticias en lingua polaca.
Fonte: BBC
Rusia eliminará a lingua ucraína do currículo escolar
Segundo un borrador do Ministerio de Educación, o goberno ruso planea suprimir as ensinanzas de lingua e literatura ucraína no currículo escolar nacional, incluído nos territorios ocupados de Zaporizhia e Xersón. Destacan que até agora eran obrigatorias para os nenos ucraínos nestas rexións, mentres que noutras zonas eran opcionais.
Fonte: The Moscow Times
Boletín
Subscríbase ao boletín