Mundo

O 6,4 % do alumnado de primaria da UE aprende dúas ou máis linguas estranxeiras

En 2023, o 6,4 % do alumnado de educación primaria na Unión Europea aprendeu dúas ou máis linguas estranxeiras, fronte ao 4,6 % en 2013, o que representa un aumento de 1,8 puntos porcentuais. Luxemburgo destaca como o país con maior proporción, con case o 79 %.

Fonte: Eurostat

Aumentan as queixas por incumprimento da lei de linguas no Quebec

No período entre abril de 2024 e marzo de 2025, o organismo que vixía o cumprimento da lei lingüística en Quebec realizou 9 813 inspeccións, un 47 % máis que no período anterior, en resposta a 10 371 queixas presentadas pola cidadanía. As principais denuncias refírense a que non se ofrece servizo en francés en tendas ou sinais comerciais.

Fonte: CBC

László Krasznahorkai gaña o Nobel de Literatura

O escritor húngaro László Krasznahorkai foi galardoado co Nobel de Literatura pola súa obra singular, profunda e visionaria. A Academia Sueca destacou a súa vinculación coa tradición centroeuropea, comparándoo con Kafka e salientando o seu dominio do absurdo e do exceso grotesco.

Fonte: DW

Suíza aproba manter a aprendizaxe dunha segunda lingua nacional desde primaria

O parlamento suízo aprobou unha normativa que obriga as escolas primarias de todos os cantóns a continuaren ensinando unha das linguas nacionais como lingua adicional, reforzando a diversidade lingüística do país. A medida busca garantir que todo o alumnado aprenda tanto unha lingua propia como outra nacional.

Fonte: Diari de la Llengua

Un estudo revela que os bebés procesan contido lingüístico antes de nacer

Un estudo realizado en Montreal mostra que os bebés comezan a procesar a linguaxe antes de nacer. A investigación, publicada en Nature Communications Biology, é a primeira en demostrar con imaxes cerebrais que o cerebro fetal xa comeza a recoñecer sons e patróns lingüísticos.

Fonte: Scientific American

Unha mostra fortalecerá en Coímbra vínculos coa lusofonía mediante a arte

A Mostra Galiza celebrarase en Coímbra para fortalecer os vínculos culturais entre Galicia, Portugal e o conxunto da lusofonía. Organizada pola Cena Lusófona e A Escola da Noite, en colaboración con máis dunha decena de institucións galegas e portuguesas, aposta por un enfoque interdisciplinario que une teatro, poesía, música, artes visuais e literatura, co Brasil como país convidado.

Fonte: O Minho

Lituania esixirá o coñecemento do lituano nos traballos de atención ao público

Desde o 1 de xaneiro de 2026, calquera persoa que traballe directamente co público en Lituania, tal como repartidores, taxistas, persoal de vendas ou de beleza, deberá coñecer o idioma lituano. A medida busca mellorar a integración das persoas estranxeiras e garantir que a cidadanía poida recibir servizos no idioma vernáculo.

Fonte: Baltic News Network

Somalia introducirá o suahili no currículo nacional de ensino

O goberno de Somalia anunciou que vai acelerar a incorporación do idioma suahili nos plans de estudo das escolas e universidades, facendo del unha lingua de instrución xunto co somalí, árabe e inglés.

Fonte: TRT Afrika

Alxeria despraza o francés en favor do inglés no ensino e noutros ámbitos da vida

O goberno alxeriano continúa reducindo o uso do francés, tanto nas aulas como nas institucións públicas. As reformas educativas eliminarán o francés das escolas de medicina a partir de 2025, mentres que nas escolas primarias e secundarias xa se reduciron as horas dedicadas a esta lingua.

Fonte: Le Monde

Turquía aposta polo alemán como lingua clave para a formación e o emprego

O interese polo alemán está a aumentar en Turquía, especialmente entre a mocidade. O idioma converteuse na segunda lingua estranxeira máis demandada despois do inglés, con 35 centros públicos que xa imparten docencia en alemán.

Fonte: DW

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder