Mundo

Un documental en quechua gaña o premio a mellor director novel no Festival Tribeca

O filme Runa Simi, de Alberto Zegarra, foi recoñecida en Nova York co galardón ao mellor director novel. A cinta narra a historia de Fernando Valencia, un locutor de radio, e o seu periplo para traducir ao quechua a produción d'O rei León.

Fonte: Forbes Perú

Máis de 1,2 millóns de nenas e nenos aprenden en quechua, aimará e outras linguas orixinarias no Perú

Arredor de 1,2 millóns de alumnos e alumnas peruanos reciben actualmente ensino nalgunha das linguas dos 55 pobos orixinarios que conforman o Perú, como o quechua ou o aimará. O Ministerio de Educación proporciona alfabetos e materiais en 42 destas linguas, reforzando así a diversidade cultural e lingüística do país.

Fonte: Infobae

Galway promove un intercambio con Nova Zelandia para reforzar o irlandés no cine e a animación

A cidade de Galway estableceu un acordo cunha organización neozelandesa para impulsar o uso do irlandés na produción de filmes e animación. A iniciativa inclúe programas de intercambio e colaboración creativa, co obxectivo de apoiar unha maior presenza da lingua irlandesa nun sector audiovisual en expansión.

Fonte: Galwaybayfm

Un proxecto busca darlle visibilidade á lingua mapuche no ámbito xurídico chileno

Unha investigación da Pontificia Universidade Católica de Valparaíso busca apoiar o labor de consulta sobre o uso da lingua mapuche ou mapudungun no dereito chileno. O proxecto tamén pretende visibilizar esta lingua como vehículo de comunicación oral e escrita en ámbitos especializados, malia os desafíos que supón traducir entre sistemas xurídicos e culturais distintos.

Fonte: Pontificia Universidad Católica de Valparaíso

A xustiza europea rexeita definitivamente a iniciativa cidadá para promover as linguas minorizadas

A Iniciativa Cidadá Europea Minority Safepack, que desde 2017 procuraba promover medidas da UE a favor das linguas e culturas minorizadas, perdeu definitivamente a batalla legal no Tribunal de Xustiza da UE. O tribunal rexeitou o último recurso presentado contra a decisión da Comisión Europea de 2021. Así, péchase a vía xurídica para forzar novas accións en defensa das minorías nacionais.

Fonte: Nationalia

Morre Fernando Venâncio, lingüista que defendía a irmandade entre galego e portugués

O lingüista, escritor e tradutor Fernando Venâncio faleceu o 30 de maio en Mértola, Portugal, aos 80 anos. Foi un firme defensor da proximidade entre o galego e o portugués, autor de obras como Assim nasceu uma língua e colaborador habitual na prensa cultural. A súa figura é clave na divulgación e análise da historia e identidade lingüística lusófona.

Fonte: Nós Diario

O Consello de Europa pídelle a Eslovenia que recoñeza o serbio e o croata como linguas minoritarias

O Consello de Europa publicou un informe no que insta Eslovenia a recoñecer oficialmente o serbio e o croata como linguas minoritarias. O documento alerta da escasa presenza destes idiomas no sistema educativo e nos medios de comunicación, e recomenda ao goberno abrir un diálogo coas comunidades afectadas, así como adoptar medidas de apoio, como a creación de programas bilingües.

Fonte: Balkan Insight

Expedientan un deputado letón por empregar o ruso no Parlamento

O deputado do Parlamento de Letonia, Aleksey Roslikov, foi expedientado por empregar a lingua rusa no transcurso dunha sesión parlamentaria. No seu discurso, quixo defender os dereitos da comunidade rusófona do país báltico.

Fonte: Mezha

Varias entidades públicas promoverán o uso do galés entre o profesorado

Un acordo entre o Condado de Carmarthenshire e o Centro Nacional para a Aprendizaxe do Galés do País de Gales promoverá a aprendizaxe ou mellora do galés entre o profesorado ou outros cargos docentes.

Fonte: South Wales Guardian

París veta o uso oficial do corso na institución parlamentaria de Córsega

O Consello de Estado francés confirmou que a lingua corsa non poderá empregarse nos debates da Asemblea de Córsega, por considerar que contradí a obrigatoriedade legal do francés como única lingua oficial. A decisión xerou rexeitamento entre representantes políticos corsos, que reclaman unha modificación constitucional para recoñecer o corso como lingua cooficial na illa.

Fonte: Diari de la Llengua

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder