Mundo

A creación literaria en portugués amplía horizontes con traducións a 41 idiomas

A iniciativa LATE (Liña de Apoio á Tradución e á Edición), promovida pola Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura de Portugal e polo Instituto Camões, destinará este ano axudas a 152 obras de máis de 80 autores e autoras en lingua portuguesa para seren traducidas a 41 idiomas, coa colaboración de 103 editoriais de 43 países. Entre as linguas de destino destacan o español, o italiano, o francés, o árabe e o inglés e incluiranse obras de autores clásicos como Camilo Castelo Branco e Fernando Pessoa.

Fonte: Comunidade Cultura e Arte

Unha cidade brasileira recoñece o idioma indíxena maxakali como segunda lingua oficial

O municipio brasileiro de Teófilo Otoni (Minas Xerais) aprobou unha lei que declara o idioma indíxena maxakali como segunda lingua oficial do concello. A medida incluirá o ensino da lingua nas escolas municipais e busca fortalecer os dereitos desta comunidade tras séculos de loita e resistencia.

Fonte: Estado de Minas

España acepta na ONU recomendacións para garantir os dereitos lingüísticos

En ocasión do Exame Periódico Universal das Nacións Unidas, o Estado español aceptou, por primeira vez, seguir as recomendacións relativas aos dereitos das comunidades lingüísticas autóctonas. Entre esas medidas figuran a promoción da diversidade lingüística, a loita contra a discriminación lingüística e o reforzo da educación e uso das linguas locais.

Fonte: Diari de la Llengua

A República Dominicana e España pactan promover o español na diplomacia internacional

A República Dominicana e España asinaron un memorando para promover o uso do español na diplomacia e en organizacións internacionais, aumentando a súa presenza no ámbito xurídico, na arbitraxe e nos procesos de selección en organismos multilaterais.

Fonte: Swissinfo

Redúcese un 16 % a oferta en catalán nas escolas da Cataluña Norte

No curso 2025-2026, o número de alumnos matriculados en catalán en educación infantil e primaria nas escolas públicas da Cataluña Norte baixou dunhas 9.500 a 8.000, o que supón unha caída do 16 %. A diminución débese á redución das achegas económicas por parte das administracións locais, que provocou tamén a supresión de clases de iniciación en máis dunha ducia de centros.

Fonte: Diari de la Llengua

Estonia proxecta modificar a Lei da lingua estatal para reforzar o uso do estoniano

O goberno de Estonia impulsa unha reforma da Lei da lingua estatal para adaptala á realidade social e laboral actual. A proposta inclúe restricións á dobraxe de filmes, novas taxas e sancións ligadas ao coñecemento do idioma e a obriga de usar o estoniano en actos oficiais. O obxectivo final é garantir que se poida vivir en estoniano en todos os ámbitos da sociedade.

Fonte: Baltic News Network

O Brasil e a China reforzan a súa relación cultural coa creación da Rede Brasileira de Institutos Confucio

Presentouse oficialmente a Rede Brasileira dos Institutos Confucio, que reúne 11 centros en colaboración con universidades e autoridades da China e o Brasil. A iniciativa ten como obxectivo difundir a lingua e a cultura chinesas, impulsar a cooperación académica e fortalecer o diálogo intercultural.

Fonte: Brasília in Foco

Unha produtora luxemburguesa busca actores de lingua portuguesa para un novo proxecto cinematográfico

Un novo proxecto cinematográfico internacional, froito dunha coprodución entre Luxemburgo e Portugal, está a buscar talentos locais que falen portugués.

Fonte: Bom dia

Inaugúrase en Macau a 17.ª Semana Cultural da China e os Países de Lingua Portuguesa

O Fórum para a Cooperación Económica e Comercial entre a China e os Países de Lingua Portuguesa organiza en Macau a 17.ª Semana Cultural da China e os Países de Lingua Portuguesa. O evento reunirá varios grupos culturais de nove países lusófonos co obxectivo de fortalecer os datos culturais e promover o diálogo entre as civilizacións.

Fonte: e-Global

Caracas acolle unha iniciativa para reforzar a identidade cultural das persoas lusodescendentes

Un proxecto desenvolvido en Caracas ofreceu a máis de dúas decenas de menores lusodescendentes, de entre 6 e 14 anos, a oportunidade de se achegaren ás súas raíces a través da aprendizaxe básica de portugués, o canto de cancións tradicionais e o reforzo da súa identidade cultural.

Fonte: Bom dia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder