Mundo
Pól Deeds asume o cargo como primeiro Comisario da Lingua Irlandesa en Irlanda do Norte
Pól Deeds tomou posesión como o primeiro Comisario de Lingua Irlandesa na historia de Irlanda do Norte. No seu novo rol, Deeds comprométese a promover e protexer o uso do gaélico na administración e na vida pública e garantir os dereitos dos seus falantes.
Fonte: RTÉ
O ensino clásico luxemburgués poderá ofrecer tamén o francés grazas a un proxecto piloto
O ministro de Educación de Luxemburgo, Claude Meisch, está a preparar un proxecto piloto que permitirá que o alumnado do ensino secundario, a partir de 4º curso, poida elixir se quere cursar as materias en alemán ou en francés. A iniciativa busca ofrecer maior flexibilidade lingüística dentro do currículo clásico, tradicionalmente centrado no alemán.
Fonte: Contacto
Portugal atinxe o sexto posto global no dominio da lingua inglesa
O estudo internacional "Enlgish Proficiency Index 2025" revela que Portugal se sitúa no sexto posto mundial en dominio do inglés entre 123 países analizados, cunha puntuación de 612 sobre 800, moi por riba da media global de 488. O informe subliña ademais que as rexións Norte e Centro, especialmente a área de Coimbra, lideran a clasificación nacional en coñecemento da lingua inglesa.
Fonte: Renascença
A Escola de Lingua de Signos de Tokyo recibe unha homenaxe por formar atletas olímpicos
A Escola de Lingua de Signos de Tokyo, no Xapón, foi recoñecida polo seu labor na formación de atletas que compiten nos xogos olímpicos para persoas xordas. Esta homenaxe subliña a relevancia da lingua de signos como ferramenta esencial para a inclusión das persoas xordas, non só no ámbito deportivo, senón tamén na vida social e comunitaria.
Fonte: IPC Digital
O Goberno do Brasil prohibe o uso da linguaxe neutra na administración pública
O presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, sancionou unha lei que impide o uso de formas de linguaxe neutra, tal como “todes", en todos os niveis da administración pública. A normativa obriga os órganos públicos a utilizaren a normativa culta da lingua portuguesa, baseándose no Vocabulario Ortográfico da Lingua Portuguesa (Volp) e no Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa.
Fonte: Gazeta do Povo
O Goberno de Lituania quere que os traballadores estranxeiros teñan un nivel básico da lingua vernácula
O Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte de Lituania propón que, a partir de 2026, as persoas estranxeiras que traballen no sector servizos deberán acreditar un nivel básico de lingua lituana, e que tras dous anos de residencia no país se deberá esixir un nivel superior.
Fonte: UNN
A IA está a pór en perigo a supervivencia do islandés

Katrín Jakobsdóttir, exprimeira ministra de Islandia, afirma que a lingua islandesa, falada por apenas 350 000 persoas, podería desaparecer nunha ou dúas xeracións se non se actúa, debido ao dominio crecente dos medios en inglés e ao uso da intelixencia artificial.
Fonte: The Guardian
Un estudo cuestiona o acceso á formación lingüística en Finlandia
Un estudo da cidade de Helsinki conclúe que as persoas con orixe estranxeira en Finlandia ven as súas posibilidades laborais e de integración seriamente afectadas pola falta de competencias en finés ou sueco. Sinálase ademais que o acceso á formación lingüística non é uniforme polo que as oportunidades son especialmente limitadas.
Fonte: YLE
Croacia esixirá un exame de lingua para renovar os permisos de traballo a persoas estranxeiras
O Goberno de Croacia anunciou que as persoas estranxeiras que queiran prorrogar o seu permiso de traballo deberán superar un exame de croata de nivel A1.1 despois dun ano no país. A medida forma parte dunha reforma máis ampla da Lei de Estranxeiría, mentres se reduce o número de permisos concedidos, especialmente no sector da construción.
Fonte: Croatia Week
Lisboa liderará un novo proxecto para promover a música en lingua portuguesa
O Coliseu dos Recreios de Lisboa acolleu a presentación do proxecto TOM - Lisboa Capital da Música de Lingua Portuguesa, que celebrará a súa primeira edición en abril de 2026. O evento reunirá artistas e profesionais da música de todos os países lusófonos, co obxectivo de impulsar a creación e a difusión musical en lingua portuguesa.
Fonte: Público
Boletín
Subscríbase ao boletín