Mundo
Refórzase o ensino do francés no territorio canadense de Yukón cun novo acordo bilateral
O Goberno do Canadá e o territorio federado de Yukón asinaron un acordo bilateral para reforzar o ensino do francés e garantir unha educación de calidade na segunda lingua oficial desde o preescolar até niveis educativos superiores.
Fonte: Correio da Manhã
Malí emprega a intelixencia artificial para introducir o ensino da lingua local nas escolas
Aínda que o bambara é a lingua máis falada en Malí, nas escolas só se ensina francés. Agora, unha iniciativa baseada no uso da intelixencia artificial busca promover a alfabetización na lingua propia e pretende que o alumnado poida non só falar, senón tamén ler e escribir na súa lingua materna.
Fonte: DW
A Universidade do Porto quere reforzar a cooperación para o ensino da lingua chinesa
Unha delegación da Universidade do Porto e do seu Instituto Confucio viaxou á China para participar en eventos centrados na cooperación internacional e na mellora do ensino do chinés, co fin de fortalecer lazos culturais e educativos entre universidades.
Fonte: Universidade do Porto
Comunidades indíxenas e afrodescendentes traballan xuntos para evitar a extinción de linguas no Brasil
As comunidades tradicionais do Brasil, de poboacións como os Tupari ou os Makurap, están a traballar conxuntamente con proxectos populares e políticas públicas para protexer a diversidade das linguas brasileiras e combater a súa desaparición, defendendo o valor cultural e os saberes ancestrais asociados a eses idiomas e culturas.
Fonte: Portal Amazônia
O servizo de emerxencias do Canadá segue excluíndo as linguas indíxenas
As comunicacións de emerxencia no Canadá envíanse maioritariamente só en inglés e francés, deixando fóra moitas comunidades indíxenas. Isto dificulta que miles de persoas reciban e comprendan avisos vitais a tempo. A situación mostra unha falta de inclusión lingüística nos sistemas oficiais de alerta á poboación.
Fonte: The Conversation
Unha escola primaria de Gales recibe unha importante distinción pola súa promoción da lingua galesa

A sección de ensino primario da escola Ebbw Fawr Learning Community foi recoñecida co galardón Cymraeg Campws Aur (Campus Galés de Ouro), converténdose na primeira escola primaria de Blaenau Gwent en obter este premio. O centro foi distinguido polo seu compromiso coa promoción da lingua e da cultura galesas, co obxectivo de crear un ambiente de aprendizaxe inclusivo e entusiasta, froito de anos de dedicación do profesorado e do alumnado.
Fonte: South Wales Argus
Unha iniciativa aspira a crear máis postos de traballo en zonas de Escocia onde se fala o gaélico
Un novo grupo de traballo en Escocia, chamado Tog, busca impulsar o uso do gaélico no mundo laboral e crear novas oportunidades económicas nas zonas onde a lingua ten maior presenza e uso. A iniciativa aspira a converter a lingua e a cultura en motores de desenvolvemento, reforzando o tecido social e laboral das comunidades locais.
Fonte: BBC
O Consello de Europa pide darlle máis visibilidade á lingua alemá en Dinamarca
O Consello de Europa considera que, malia os avances rexistrados nalgúns ámbitos, Dinamarca debe reforzar a promoción do alemán como lingua minoritaria en todo o país. Entre as principais recomendacións figuran a súa maior presenza no sistema educativo e un incremento da súa visibilidade nos medios de comunicación.
Fonte: Council of Europe
Crece a preocupación en Gales pola suposta discriminación que sofren os presos que falan galés
Varios presos da prisión galesa de HMP Berwyn, en Wrexham, denunciaron ante investigadores das universidades de Cardiff e Liverpool que o persoal lles impedía falar galés e un deles afirmou que mesmo se lle prohibiu empregar o galés nunha reunión privada co seu avogado. A Comisaria da Lingua Galesa, Efa Gruffud Jones, expresou a súa preocupación, sinalando que os feitos revelan unha falta de respecto polos dereitos lingüísticos básicos nos centros penitenciarios.
Fonte: BBC
As escolas Bressola instan os candidatos ás eleccións municipais da Cataluña Norte a se comprometeren co catalán
As escolas de inmersión en catalán da Cataluña Norte iniciaron unha campaña dirixida aos candidatos das eleccións municipais de 2026 para coñecer o seu compromiso coa lingua, coa cultura e co modelo de inmersión lingüística. A iniciativa busca que os futuros responsables municipais se posicionen claramente sobre a defensa e promoción do catalán no territorio de administración francesa.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín