Mundo

Preséntase na China un proxecto de revisión da lei sobre a lingua chinesa estándar

As autoridades chinesas estudan unha reforma da lei sobre o idioma estándar para reforzar o uso do mandarín falado e escrito no ámbito dixital e institucional. O borrador establece que as publicacións en liña, incluídos os videoxogos, deben empregar esta variedade como forma principal de expresión. Tamén obriga a incorporar o chinés estándar en materiais informativos de eventos internacionais celebrados no país e fixa esta norma como eixe da ensinanza do idioma a nivel internacional.

Fonte: Xinhua

Unha iniciativa lexislativa busca impor un exame de inglés para obter o carné de conducir en Pensilvania

Unha iniciativa lexislativa presentada por representantes republicanos en Pensilvania, EUA, pretende esixir que as persoas solicitantes do permiso de condución acrediten un nivel suficiente de inglés mediante unha proba específica. A proposta tamén eliminaría os manuais e exames teóricos en linguas distintas do inglés, establecendo esta lingua como a única válida no proceso.

Fonte: North Penn Now

Reclaman unha formación universitaria específica para o profesorado bilingüe francés-catalán

A Asociación para o Ensino do Catalán (APLEC), da Cataluña Norte, instou o Ministerio de Educación francés a crear unha licenciatura específica para formar profesorado de escolas bilingües francés-catalán. A titulación debe ter un 50 % das ensinanzas en catalán e centrarse na didáctica do ensino bilingüe.

Fonte: Diari de la Llengua

Cursos de lingua portuguesa celebran o Nadal en tres cidades alemás

Os cursos de Lingua e Cultura Portuguesas, organizados polo Instituto Camões a través da súa rede educativa en Alemaña, celebraron o Nadal en Hannover, Braunschweig e Wolfsburg con música, teatro e poesía, reunindo alumnado e familias nun ambiente festivo que puxo en valor a lingua e a cultura portuguesa.

Fonte: Bom dia

 

A rexión de Friúl Venecia Xulia reforzará as emisións radiofónicas e televisivas en lingua friulana

A rexión de Friúl Venecia Xulia aprobou unha emenda orzamentaria para potenciar as emisións de radio e televisión en lingua friulana. A medida prevé un investimento anual durante tres anos, xestionado pola ARLeF (Axencia Rexional da Lingua Friulana), coa finalidade de aumentar a presenza do friulano tanto nos medios públicos como nos privados.

Fonte: Rai News

Algunhas escolas de inmersión en galés contratan profesorado que só fala inglés

Nalgunhas zonas do País de Gales, a escaseza de persoal docente con competencia en galés está a obrigar as escolas de inmersión en lingua galesa a contrataren profesorado monolingüe en inglés. Porén, a maioría do profesorado mostra un firme compromiso por aprender ou mellorar os seus coñecementos de galés.

Fonte: BBC

A matrícula nos exames oficiais de catalán en Andorra medra un 25 %

O número de persoas inscritas nos exames oficiais de catalán en Andorra aumentou un 25 % en comparación co ano pasado, segundo datos do Goberno andorrano. En total, rexistráronse 930 inscricións para a próxima convocatoria, fronte ás 740 do mesmo período anterior. Este incremento atribúese, en parte, á entrada en vigor da nova Lei da lingua propia e oficial, que reforzou o interese polo coñecemento do catalán. O aumento de participantes obrigou tamén a reorganizar o calendario dalgunhas probas.

Fonte: Diari de la Llengua

A Universidade Nova de Lisboa abre as inscricións para os cursos semestrais de portugués como lingua estranxeira

A Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa anunciou a apertura das inscricións para os seus cursos semestrais de portugués como lingua estranxeira. A oferta abrangue distintos niveis e está dirixida a estudantes internacionais, membros da comunidade universitaria e público en xeral. 

Fonte: NOVA FCSH

Italia reforza a difusión da súa lingua e cultura entre as comunidades do exterior

O Goberno italiano aprobou un aumento do financiamento para o ensino da lingua e da cultura italianas no exterior nos anos 2026 e 2027. A medida inclúe máis apoio aos cursos de lingua, ás escolas italianas fóra do país e aos programas de bolsas, co obxectivo de fortalecer os vínculos coas comunidades italianas no mundo.

Fonte: Italianismo

Arranca o primeiro mestrado en lingua portuguesa na Guinea-Bissau

O mestrado en Lingua Portuguesa da Escola Superior de Educación - Unidade Tchico Té é o primeiro da Guinea-Bissau e arrancou este mes coa coordinación científica da Universidade do Miño.

Fonte: SAPO

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder