Mundo
Italia reforza a difusión da súa lingua e cultura entre as comunidades do exterior
O Goberno italiano aprobou un aumento do financiamento para o ensino da lingua e da cultura italianas no exterior nos anos 2026 e 2027. A medida inclúe máis apoio aos cursos de lingua, ás escolas italianas fóra do país e aos programas de bolsas, co obxectivo de fortalecer os vínculos coas comunidades italianas no mundo.
Fonte: Italianismo
Arranca o primeiro mestrado en lingua portuguesa na Guinea-Bissau
O mestrado en Lingua Portuguesa da Escola Superior de Educación - Unidade Tchico Té é o primeiro da Guinea-Bissau e arrancou este mes coa coordinación científica da Universidade do Miño.
Fonte: SAPO
O Xapón estuda endurecer os requisitos lingüísticos para obter a residencia permanente
As autoridades xaponesas están estudando introducir a esixencia de coñecemento do xaponés para acceder á residencia permanente, dentro dunha reforma das políticas migratorias ante o aumento da poboación estranxeira. A medida podería aplicarse nos vindeiros anos xunto con outros criterios máis estritos de integración e cumprimento de obrigas civís.
Fonte: The Economic Times
A Plataforma pola Lingua alerta do devalo da lingua catalá na Cataluña Norte
A Plataforma pola Lingua denunciou o importante retroceso que sofre o catalán no ensino da Cataluña Norte tras se constataren os datos difundidos polo Observatorio da Oficina Pública da Lingua Catalá, que mostraron que só un 19 % do alumnado en idade escolar tivo contacto coa lingua vernácula durante a súa escolaridade.
Fonte: Diari de la Llengua
Marrocos reclama máis presenza do árabe fronte ao francés
Diversos colectivos marroquís pediron un maior uso do árabe na educación, na administración e nos servizos públicos, co obxectivo de reducir o peso do francés na vida pública. A iniciativa subliña a importancia de reforzar a identidade lingüística do país e de aplicar de forma efectiva o status oficial do árabe.
Fonte: TRT Português
A localidade de Sendim inaugura un novo espazo para a protección da lingua mirandesa
A localidade de Sendim, en Miranda do Douro, conta cun novo espazo cultural dedicado á lingua mirandesa. O proxecto, situado na antiga escola primaria, busca preservar e divulgar esta lingua a través de actividades culturais, exposicións e encontros. O centro tamén rende homenaxe ao escritor Amadeu Ferreira, figura clave na defensa do mirandés.
Fonte: A Voz de Trás os Montes
Swiss Airlines estuda eliminar o alemán como requisito lingüístico para a tripulación
A compañía aérea Swiss analiza a posibilidade de suprimir a esixencia de coñecer alemán para pilotos e tripulantes de cabina, mantendo o inglés como lingua obrigatoria. A medida responde á escaseza de persoal e busca ampliar o número de candidaturas nos diferentes postos.
Fonte: Aviation Direct
A publicación de novelas islandesas bate un récord en 2025
O sector editorial de Islandia vive un ano excepcional, xa que en 2025 se publicou o maior número de novelas da súa historia recente. O incremento reflicte a boa saúde da creación literaria no país e o mantemento dun forte interese pola narrativa local, malia o tamaño reducido do mercado editorial islandés.
Fonte: RÚV
O gaélico irlandés consolídase coa publicación dun innovador dicionario monolingüe

A publicación de An Foclóir Nua Gaeilge marca un fito para a lingua irlandesa ao tratarse do primeiro dicionario monolingüe completo que analiza a lingua irlandesa sen depender de dicionarios en inglés. A obra define as palabras directamente en irlandés, o que favorece unha aprendizaxe máis natural e unha maior autonomía da lingua. O proxecto busca fortalecer o seu uso cotián, educativo e cultural, contribuíndo á súa revitalización.
Fonte: Irish Central
Un estudo revela que as linguas do mundo poderían estar unidas por unha arquitectura gramatical común
Unha investigación internacional publicada na revista Nature Human Behaviour que analizou máis de 1.700 linguas indica que moitos idiomas, aínda que afastados xeográfica e culturalmente, comparten patróns gramaticais profundos. Este achado reforza a idea de que a linguaxe humana funciona sobre bases universais, alén das diferenzas superficiais.
Fonte: Tribuna de Minas
Boletín
Subscríbase ao boletín