Mundo

Premian nove escritores lusófonos co Guerra Junqueiro de Lusofonía 2025

Nove autores de lingua portuguesa foron distinguidos co Premio Literario Guerra Junqueiro de Lusofonía 2025, un recoñecemento que destaca a calidade e diversidade da produción literaria no espazo lusófono. O galardón pon en valor a creación en portugués e reforza os lazos culturais entre países que comparten esta lingua.

Fonte: Sapo

As universidades estonianas poderán ofrecer mestrados en estoniano dun ano de duración

Estonia permitirá que as universidades impartan programas de mestrado en estoniano máis curtos, de só un ano, dirixidos principalmente a profesionais con experiencia ou estudos previos. A medida busca ofrecer opcións formativas máis flexibles e adaptadas ás necesidades do mercado laboral, sen reducir a calidade académica.

Fonte: ERR

Unha campaña fomenta o estudo do catalán nos institutos da Cataluña Norte

A Asociación polo Ensino do Catalán (APLEC, polas súas siglas en francés) puxo en marcha unha campaña informativa dirixida ás familias e ao alumnado para promover a elección do catalán nos liceos da Cataluña Norte. A iniciativa inclúe a difusión de materiais e información sobre o dereito a estudar esta lingua, nun contexto no que a súa presenza no ensino secundario é moi limitada.

Fonte: Diari de la Llengua

BBC Studios lanza unha versión en francés da canle BBC Earth en colaboración con CANAL+

BBC Studios anunciou o lanzamento dunha versión en francés da canle documental BBC Earth a través da plataforma CANAL+. A nova oferta permitirá ampliar a difusión dos contidos de natureza e ciencia da BBC entre o público francófono, especialmente en países africanos. Esta nova emisión permitirá que millóns de espectadores accedan a contidos de alta calidade sobre o mundo natural e historias humanas extraordinarias.

Fonte: SeñalNews

A Universidade de Liverpool celebra cen anos dedicados aos estudos cataláns

A Universidade de Liverpool conmemora o centenario do ensino da lingua e da cultura catalás, unha tradición académica de longa traxectoria na institución. Con motivo desta efeméride, organízanse concertos, conferencias e encontros culturais para pór en valor este legado, que converteu o centro nun referente internacional na difusión do catalán no ámbito universitario fóra de Cataluña.

Fonte: Diari de la Llengua

O Parlamento galés aproba unha lei para recoñecer e promover a lingua de signos británica

O Parlamento de Gales aprobou unha lei que recoñece oficialmente a lingua de signos británica (BSL, polas súas siglas en inglés) e que busca mellorar os dereitos e a accesibilidade da comunidade xorda. A nova lexislación obriga o goberno galés a desenvolver medidas para promover o uso da BSL e afrontar as desigualdades que historicamente afectaron as persoas xordas en ámbitos como os servizos públicos, a educación ou o transporte.

Fonte: The Tenby Observer

Irlanda abre unha praza para impulsar o ensino da lingua portuguesa

O Ministerio de Educación da República de Irlanda abriu unha praza a tempo parcial na área do ensino da lingua portuguesa. A convocatoria está dirixida a persoas cun nivel mínimo B2.2 de portugués segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, experiencia docente no ensino secundario ou no terceiro ciclo de primaria e boas competencias dixitais. 

Fonte: Bom dia

A China cambia as leis para debilitar as minorías étnicas e as súas linguas

O goberno chinés aprobou unha lei de “unidade étnica” destinada a fortalecer unha identidade nacional común e impulsar o uso do mandarín na educación e na vida pública. Analistas e organizacións de dereitos humanos alertan de que a medida consolida políticas de asimilación cultural que afectan especialmente a tibetanos, uigures e mongoles, ao reducir o espazo para as súas linguas e tradicións e aumentar o control estatal sobre estas comunidades.

Fonte: The Diplomat

O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo celebra os seus vinte anos

O Museo da Lingua Portuguesa, situado na Estación da Luz en São Paulo, cumpre 20 anos o 21 de marzo de 2026 e celebrará o aniversario cun programa especial que inclúe visitas guiadas, obradoiros, concertos e actividades educativas.

Fonte: Afubesp

Un coche fabricado en Europa incorpora por primeira vez a interface en catalán

A nova versión do coche eléctrico Cupra Born converteuse no primeiro vehículo fabricado en Europa que permite utilizar o catalán na interface do seu sistema de información e entretemento. A novidade foi posible grazas á colaboración entre a empresa automobilística e entidades que promoven a presenza dixital do catalán.

Fonte: Diari de la Llengua

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder