Mundo
Preséntase un proxecto para crear o primeiro corpus antigo do español en Paraguai
A Secretaría de Políticas Lingüísticas de Paraguai presentou na Universidade Nacional de Itapúa o proxecto para crear o primeiro Corpus Antigo do Español no país. A iniciativa, desenvolvida xunto coa lexicógrafa Estela Peralta e o filólogo José Luis Ramírez Luengo, permitirá reunir e estudar testemuños históricos desta variedade lingüística.
Un estudo conclúe que o momento de maior diversidade lingüística mundial se produciu hai entre 1000 e 3000 anos

Un estudo publicado en Science sitúa o momento de maior diversidade lingüística hai entre 1000 e 3000 anos, cando poderían existir entre 20.000 e 75.000 idiomas. O retroceso comezou coa expansión dos grandes estados e imperios, que estenderon as súas linguas ao tempo que desprazaban comunidades máis pequenas, e intensificouse posteriormente co colonialismo. A investigación conclúe que a supervivencia dos idiomas dependeu sobre todo do poder político e demográfico dos seus falantes, polo que a súa desaparición supuxo tamén unha perda irreparable de coñecemento cultural.
Fonte: Diari de la Llengua
Malawi descarta o uso das linguas nacionais no parlamento sen reformar a Constitución
O ministro de Xustiza de Malawi afirmou que os deputados e deputadas do país africano non poderán intervir nas linguas nacionais no parlamento mentres non se modifique a Constitución. A resposta chega tras unha proposta para permitir o uso de linguas vernáculas nos debates parlamentarios, xa que a lexislación vixente esixe o dominio do inglés para exercer como parlamentario.
Fonte: Constitutionnet
Disneyland París dálle visibilidade á lingua irlandesa
Unha atracción de Disneyland París inclúe por primeira vez sinalización en lingua irlandesa, coas palabras "Fáilte" (benvida) e "Slán go fóill" (até logo). A iniciativa foi posible grazas á campaña impulsada durante dous anos por un creador de contidos irlandés e supón un novo recoñecemento internacional para a lingua irlandesa.
Fonte: RTÉ
Varios estudos evidencian que ser atendido na propia lingua pode reducir a mortalidade

Diversas investigacións no Canadá conclúen que recibir atención sanitaria na lingua propia mellora a precisión dos diagnósticos, a calidade asistencial e mesmo pode reducir a mortalidade. Os estudos subliñan que garantir os dereitos lingüísticos na sanidade non é só unha cuestión de respecto e igualdade, senón tamén un factor clave para a seguridade e o benestar das persoas pacientes.
Fonte: Diari de la Llengua
Un proxecto con robots e intelixencia artificial axuda a revitalizar linguas indíxenas ameazadas

Un proxecto impulsado nos Estados Unidos permite que nenos e nenas programen pequenos robots capaces de falar linguas indíxenas en perigo de desaparición, como o anishinaabemowin. A iniciativa combina robótica e intelixencia artificial para fomentar a aprendizaxe lingüística entre a mocidade e contribuír á preservación do patrimonio cultural das comunidades nativas.
Fonte: NPR
Varias escolas do sur de Gales son recoñecidas pola súa promoción da lingua galesa
Varios centros educativos de Blaenau Gwent recibiron recoñecementos polo seu compromiso coa promoción da lingua galesa a través dos programas Siarter Iaith e Cymraeg Campus. As iniciativas fomentan o uso cotián do galés dentro e fóra das aulas e contribúen ao obxectivo do Goberno galés de alcanzar un millón de falantes en 2050.
Fonte: Nation Cymru
Un estudo revela unha "idade de ouro" perdida da diversidade lingüística
Unha investigación internacional na que participou a Universidade de Yale estima que a humanidade alcanzou o seu máximo de diversidade lingüística hai entre 1.000 e 3.000 anos, cando podían existir decenas de miles de linguas. O estudo sostén que o posterior ascenso dos grandes estados e imperios acelerou a desaparición de numerosas comunidades lingüísticas, moito antes da expansión colonial europea.
Fonte: Yale News
Belfast instala os primeiros sinais de tráfico bilingües no seu barrio de fala gaélica
O Goberno de Irlanda do Norte iniciou a instalación de sinais de tráfico e marcas viarias bilingües, en inglés e irlandés, no barrio de fala gaélica ou gaeltacht de Belfast. A medida busca aumentar a visibilidade e a normalización da lingua irlandesa no espazo público e podería estenderse a outras zonas da cidade se o proxecto piloto resulta satisfactorio.
A ONU reforza o diálogo internacional sobre as linguas indíxenas
O Mecanismo de Persoas Expertas da ONU sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas dedicou unha sesión ao avance do Decenio Internacional das Linguas Indíxenas (2022-2032). O encontro puxo o foco na necesidade de impulsar políticas públicas, garantir un maior apoio á revitalización lingüística e afrontar os retos que presentan a intelixencia artificial e as tecnoloxías dixitais para estas linguas.
Fonte: UN
Boletín
Subscríbase ao boletín